O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 16 de março de 2014

Galicia, radiografía dun exterminio.

Unha muller xunto a unha tumba do cemiterio de Mondoñedo
Case 5.000 galegos foron asasinados pola represión franquista entre 1936 e 1939. Familiares de vítimas da ditadura presentan denuncias ante o consulado arxentino pola desaparición e asasinato dos seus seres queridos.
 
Publicado o Domingo, 16 Marzo 2014 Escrito por Alejandro Torrús para "Público"
Traduccido por   Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
 
En Galicia non houbo Guerra Civil entre 1936 e 1939. Pero si un exterminio sistemático da poboación fiel á República. En tan só tres anos foron asasinados 4.699 cidadáns galegos. Sete de cada dez (3.233) foron executados nos chamados paseos franquistas. O resto, 1.466, foron asasinados mediante a execución dunha sentenza a matar, segundo os datos do proxecto Nomes e Voces. Un auténtico exterminio nunha zona onde a Guerra non durou máis duns días.
 
"O que pasou en Galicia é unha proba de que o golpe tiña unha intención exterminadora, pois non era para nada necesario. (...) En Galicia non houbo matanzas de curas e hacendados. O que si houbo foi moitas mortes controladas, instigadas ou toleradas polas autoridades militares", explica Federico Cocho, autor de Guerra civil. Que pasou en Galicia e en España (Xerais) nunha entrevista ao Mundo.
 
Con Galicia baixo o control do bando franquista desde os primeiros momentos do golpe militar, "os perpetradores e os seus seguidores a nivel local comezan a demostrar que este leva aparellada unha inusitada violencia", segundo recolle o informe de Nomes e Voces. Así, nos primeiros meses da Guerra Civil foron asasinados en Galicia o catro gobernadores civís, os alcaldes de cinco do sete cidades galegas e os 26 das poboacións máis importantes. Foron executadas tamén as máximas autoridades militares galegas que se opuxeron ao golpe, os civís máis activos na defensa da legalidade e aqueles con certa relevancia social en determinadas comunidades como mestres, médicos, farmacéuticos e avogados. En total, 4.699 cidadáns asasinados.
 
Exemplos de case todos eles atópanse entre as denuncias que esta semana presentaron unha decena de familiares de homes e mulleres de desaparecidos durante a ditadura, vinculados á Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), ante o cónsul da República Arxentina en Vigo, Roberto Gudiño dentro da chamada Querela arxentina.
O avó e o tío avó de Esther García, unha das denunciantes, formaban parte daqueles galegos que non esperaban a "inusitada violencia" despregada polos seguidores do golpe contra eles. Manuel Díaz González, médico do Incio (Lugo) e primeiro alcalde da República na devandita localidade, e o seu irmán José Díaz, elixido nas últimas eleccións novo alcalde do municipio, creron que a pesar do golpe militar non debían fuxir da localidade porque de nada podíaselles imputar. Estaban equivocados. "Os falanxistas do Incio empezaron coas ameazas á familia. Ninguén daba crédito do que estaba a pasar. Un día apareceu morto o can do meu tío e xa decidiron os irmáns que tiñan que escapar", conta a Público Esther García, que explica que finalmente os dous irmáns foron capturados e trasladados á prisión de Monforte de Lemos, onde ofreceron a Manuel partir á fronte como médico dos nacionais: "Eu non son veterinario, non curo animais", contestou Manuel, segundo relata Esther.
 
Apartir dese momento comezou o particular inferno de Manuel. Foi sacado do cárcere nun paseo nocturno aínda que conseguiu escapar ferido refuxiándose en casa dun "amigo seu de dereitas", o famacéutico de Sarria Antonio Pena. "Alí foi apresado pola coñecida cuadrilla de falanxistas de Layosa. Fóronlle atadas as mans a unha soga prendida da cola dun cabalo e foi arrastrado durante varios quilómetros até chegar á entrada do Incio. Ao chegar alí, aínda con vida e consciente, foi asasinado. Logo amputáronlle un dedo para roubarlle a alianza", prosegue Esther.
 
Era o 11 de setembro de 1936. No primeiros cinco meses de 1936 foron asasinados en Galicia unha media de 14,25 persoas por día, mentres que a finais de 1939 a cifra de execucións descendera a 0,7 ao día. Un día despois, o 12 de setembro, apareceron na cuneta da estrada N-634, nun lugar coñecido como voltas de Prado, cinco cadáveres. Un deles tiña seis dedos nunha man. Así identificaron os veciños a Bruno Martínez, tío avó de Miguel Freire, investigador da ARMH que denunciou este caso ante a Xustiza arxentina.
 
"Estaban acusados de facer fronte ás tropas sublevadas, é dicir, de oporse ao alzamento nacional. (...) Non eran nin sindicalistas exaltados, nin axitadores políticos, só tiveran a mala sorte de participar en asociacións sindicais e políticas", conta Miguel a Público, que engade que "a represión e o terror continuou cebándose nas familias destas persoas, que tiveron que padecer acoso e humillacións, o incendio e saqueo das súas casas e as burlas e insultos cando os primeiros de novembro levaban flores ás sepulturas onde se enterraron aos seus familiares asasinados".
 
En outubro deste 1936 foi tamén asasinado Julio Sanz Martín, enfermeiro-practicante na Mariña. A súa neta, Elvira Sanz, denúnciao ante a Xustiza arxentina. "O meu avó tiña 34 anos. O 22 de outubro de 1936 foron uns homes á súa casa, onde vivía coa súa muller e os seus dous fillos, e dixeron que llo levaban a un xuízo. Ao día seguinte, o 23 outubro, apareceu o cadáver nunha cuneta de San Juan de Ouces. A súa morte quedou anotada no Rexistro Civil causada por unha "hemorraxia intensa".
 
O único motivo polo cal Julio Sanz puido ser asasinado é "publicar algúns artigos sobre reivindicacións laborais" en diversas revistas e "estar afiliado a Esquerda Republicana". Como Julio, a represión no estamento militar en Galicia afectou a 140 mariños executados, así como ao almirante Antonio Azarola Gresillón; o xeneral de división Enrique Salcedo e o gobernador militar de Galicia Rogelio Caridad Pita.
 
Obxectivo: destruír a sociedade
 
O asasinato selectivo ou indiscriminado non foi a única vía de represión. Co obxectivo de destruír unha sociedade civil, plural e organizada foron condenados a cadea perpetua 1.597 cidadáns e 1.981 foron sentenciados a diferentes penas de prisión inferiores. En total, 28.234 vítimas galegos sufriron algún tipo de persecución xudicial polas novas autoridades militares. "É imposible a cuantificación ou estimación sobre outras formas de coerción ou violencia: desde os encarceramentos e torturas até as rapas e purgas de mulleres que se perpetran con idéntica escenificación en todo o territorio galego e, a diferenza das outras tipoloxías represivas, estaban deseñadas para a súa exhibición pública", sinala a investigación de Nomes e Voces.
 
Así, na Galicia da Guerra Civil poden ser perseguidos e exterminados desde un líder comunista local a un simpatizante dun sindicato que busca mellorar as súas condicións económicas pasando pola "burguesía progresista que a través do socialismo, o republicanismo ou o galeguismo aspiran a consolidar o liberalismo democrático". "Non se trata, pois, dun ataque a unha posible revolución de tipo soviético -sen ningunha base documental-, senón de acabar cun sistema no que cobra o protagonismo principal a participación cidadá nun escenario tendente á modernidade e o progreso", conclúe a investigación de Nomes e Voces. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário