O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 23 de março de 2014

Persoeiros da Corporación de Amoeiro na II República: Protasio e a súa dona Lola

Francisco Dopazo Rodríguez
Unha das historias máis ilustrativas da dureza e crueldade da represión franquista é a de Francisco e a súa esposa Dolores.
 
El, ó igual que toda a súa familia, tiña as súas raíces na parroquia amoeirense de Parada. E como tantos outros daqueles tempos era fillo de labregos, sendo o seu pai Protasio Dopazo González e a súa nai Manuela Rodríguez, ambos de Rairo. Os avós paternos –Ramón Dopazo e Bernarda González- eran orixinarios de Fondo de Vila de Parada (núcleo sen habitar na actualidade), mentres que os maternos –Toribio Rodríguez e Nicolasa Dopazo- procedían do antedito Rairo.
 
Alcumárono co nome do seu pai –Protasio-, e naceu, ás 12 da mañá do 31 de outubro de 1902 no domicilio familiar de Rairo, sendo o último de 6 irmáns (5 homes e unha muller). Sen embargo, só hai datos na actualidade dun deles: en concreto, do segundo por orde de nacemento –José María-, nado o 31 de abril de 1882, ás 16 horas, e finado en A Poboanza o 2 de febreiro de 1946, ás 4:00 horas, a causa dunha enfermidade cardíaca. Do resto, ata a familia actual descoñece incluso a súa existencia, si ben as actas de nacemento municipais deixaron testemuña do seu nome e data de nacemento. Trátase de:
Antonio (nado o 7 de marzo de 1881, ás 5 da mañá)
Tomás (nado o 20 de decembro de 1891, á 1 da tarde)
Concepción (nada o 18 de outubro de 1895, ás 8 da mañá)
Camilo (nado o 7 de abril de 1899, ás 2 da madrugada).
 
Os esforzos por localizar o seu rastro resultaron baldíos. Previsiblemente, emigraran cara as Américas, e nunca retornaron á súa terra (é posible, incluso, que ata cambiaran os seus apelidos ó arribar ó novo continente como fixeron tantos tras a guerra civil).
 
O “Protasio” era unha persoa amable e voluntariosa para cos demais, con carácter, habilidade como carpinteiro e cunha forte implicación nos movementos de esquerdas e sindicais. Presidiu o Sindicato da Madeira da Casa del Pueblo en Ourense, foi concelleiro do partido socialista no Concello de Amoeiro (1931-1936) e deputado na Deputación de Ourense dende o seu nomeamento o 21 de marzo de 1936 ata a última sesión da mesma o 20 de xullo. Entre as propostas coñecidas de Francisco Dopazo na Deputación figura a de solicitar a substitución das “Hermanas de la Caridad” do hospital por persoal civil, aínda que tal medida non foi aceptada ó contar coa oposición, entre outros, do entón Alcalde de Ourense Manuel Suárez.
 
Francisco coñeceu á que logo sería a súa esposa – María Dolores Villamarín Otero (ou “Lola do Protasio”)- en Parada. Ela nacera en Ourense o 21 de xuño de 1907. Era filla de Manuel Villamarín e Genoveva Otero, vivía na rúa Lepanto e viñera para o cuartel da garda civil de Parada acompañando á súa irmá Teresa, quen casara cun garda chamado Bernardo. Vivindo no cuartel xurdiu a II República, si ben xa facía un ano que Lola se falaba co noso protagonista. O feito de estar no acuartelamento e simpatizar cun activista como “Protasio” non resultaba estraño, xa que a propia Dolores falaba da garda civil como un corpo progresista afastado do que logo sería na ditadura.
 
Os avances acadados coa loita sindical, as numerosas melloras en estradas, escolas, etc. logradas cunha excelente xestión municipal e os pasos iniciais de Francisco como deputado provincial desapareceron -para sempre, e da noite para a mañá- co golpe de estado do 36. Precisamente, o 20 de xullo dese ano ó mediodía, os militares franquistas tomaban o Goberno Civil mentres se celebraba a sesión plenaria na Deputación de Ourense; e só 3 días despois unha comisión xestora militar fíxose cargo deste organismo provincial.
 
A partires de entón, a situación tornouse cada vez máis grave. O 25 de xullo de 1936 unha patrulla militar do bando franquista dirixiuse cara Amoeiro e Parada, practicando rexistros, 4 detencións e infrinxindo 6 baixas (que non constan no rexistro de defuncións no concello, descoñecéndose a súa identidade e lugar de soterramento); O 1 de agosto dese ano aparece morto en O Formigueiro un descoñecido do que só se sabe que tiña domicilio en Canedo, e nesa mesma data tamén se atopa morto en Rouzós a Manuel “Naboeira” (veciño de Palmés); catro días despois aparece o cadáver de Enrique Pérez -de Amoeiro- en Fontelo (Canedo), os de dous veciños de Parada de Amoeiro na costa das Estivadas -Modesto Dopazo Caride e Ramón Nóvoa Martínez- e os de Castor Sánchez Martínez (Alcalde de Amoeiro) e o seu amigo Antonio Pérez Gutiérrez (“Pinante”) en Beade. A todo elo hai que engadir as ducias de veciños do concello que foron detidos por aquelas datas.
 
Neste convulso contexto enmarcase o agochamento e fuxida de “Protasio”. Primeiro escondeuse tras unha parede da casa da súa moza Lola quen, durante ese tempo, recorría a pé os 12 quilómetros dos que dista Ourense para comprarlle o tabaco a Francisco e non espertar sospeitas. Este, despois, escondeuse en minas e pozos secos, levándolle un velliño de comer ás escondidas. A familia sufría por si enfermaba ou o atopaban, e os falanxistas andaban na súa procura chegando a maltratar a un neno para que delatara o seu escondedoiro.
 
A situación fíxose tan crítica e sen saída que decidiu marchar cara Portugal. Para elo contou cuns amigos de Dolores que tiñan aceas en Untes, pedíndolle que o pasaran na súa barca ó outro lado do río. Así se fixo, e logo marchou a pé ata o país veciño en xullo do 37; segundo o relato de Dolores, no paso a Portugal acompañárono o deputado nacional Alfonso Pazos e o xuíz de Amoeiro que tamén se chamaba Alfonso. Ían case descalzos, as escondidas polo día e andando pola noite, levándolle dous días pasar a fronteira. Estiveron durante meses en Portugal, onde foron finalmente detidos polos gardas e enviados a prisión. Temendo a súa entrega a España remitíronlle unha carta o cónsul británico, e grazas a ela saíron do cárcere ó cabo de 61 días, levándoos directamente a un barco con destino a Francia. Tras facer escala en Casablanca, decidiron desembarcar en Barcelona para axudar ó exército da república. O perderse Cataluña, pasaron a Francia.
 
No país galo “Protasio” foi incluído no campo de concentración de Argelés sur Mere, que se atopa no departamento de Pirineos Orientais, pertencente á rexión de Languedoc-Rosellón. Este campo instalouse na praia norte, pechándose con arame de espiño e custodiando ós refuxiados algúns xendarmes e, sobre todo, tropas coloniais –marroquís e askaris senegaleses- que os mallaban si trataban de saír. Non había barracóns, latrinas, cociña, enfermaría nin electricidade. En marzo de 1939, o fotógrafo Robert Capa visitou o lugar, describíndoo do seguinte xeito:
 
“…un inferno sobre a area: os homes sobreviven baixo tendas de fortuna e chozas que ofrecen unha miserable protección contra a area e o vento. Para coroar todo iso, non hai auga potable, senón a auga salobre extraída de buratos cavados na area”.
 
Campo de concentración de Argelès sur Mere
 
O trato era infame, e había mortos cada día, enterrándoos nos arredores da zona ou mesmo na propia praia. As zapatillas para andar facíanas con gomas de coches e os calzóns de cachos de saba con cordas. Despois retiraron ós refuxiados que eran carpinteiros, albaneis e canteiros, integrándoos nos Bataillons de Marche (Batallóns de Marcha) cos que construiron hangares e obras de formigón contra os alemán.
Presa de Pont-de-Salars (Le Barrage)
Presa de Pont-de-Salars
Coa invasión xermana de Francia en 1940 Francisco converteuse, de novo, nun fuxido que andou escapado ata que retornou De Gaulle e o país foi liberado. A partires dese momento, o noso veciño de Rairo incorporouse –xunto a outros refuxiados españois- a outro traballo do goberno francés: construír presas para producir electricidade, tarefa a que lle dedicou 11 anos da súa vida. Finalmente, Francisco afincouse en Toulusse e estivo case 20 anos traballando nese departamento e no de Alto Garona.
 
A odisea vital de Dolores Villamarín Otero
E que lle aconteceu a Dolores Villamarín Otero nese espazo de tempo Lola foi presa polos falanxistas ós 8 días de que Francisco marchara cara Portugal: o 28 de xuño de 1937, ás 6 da mañá, os falanxistas romperon a porta da súa casa de Rairo (Parada de Amoeiro) e pedíronlle a roupa del, pois querían os seus traxes “a todo meter”; cachearon a casa de arriba a abaixo, romperon todo o que había e roubaron ata os coellos.

Pegaron a Dolores, arrastrárona pola cociña adiante, e déronlle tantos golpes que ata lle desfixeron un ombro. Logo levárona en dirección á casa dos Miranda, pero topáronos no camiño co sarxento da garda civil, un soldado e un garda, e isto foi o que a salvou de acabar como a Carola de Bóveda, a quen acababan de violar e asasinar en Tamallancos. Un garda civil e un militar levárona para o cárcere de Ourense, pero dixéronlles que alí non a admitían co seguinte argumento: “no, aquí no cogen mujeres… Si no hizo delito va al gobierno (civil), allí le dirán donde la tienen que entregar: Aquí gente que no hizo daño, no”. En calquera caso, na comisaría de Ourense obraban informes que se referían a ela como unha comunista extremista, que acudía ás manifestacións coa bandeira vermella, erguendo o puño e vestindo tamén desa cor. Sen facerlle xuízo algún, trasladárona o mesmo día para a prisión feminina de Bande,  onde estaban cento e pico mulleres con oito nenos e nenas.
 
Lola relata que nove desas mulleres eran da parroquia amoeirense de Bóveda. Tamén había unha -de nome Manuela que vivía en Vilar das Tres- a quen lle mataran un fillo na guerra, lle prenderan a outro e a privaran do máis cativo -de 3 ou 4 anos- ó ser detida e encarcerada; logo matárona apoñéndolle que lle estaba levando periódicos ós fuxidos por medio dos leiteiros. Cita, así mesmo, a presenza dunha da Peroxa, e de moitas da raia (fronteira con Portugal). Lola lémbrase de que saliu do cárcere xunto a unhas 20 ou 30, acompañadas de 10 nenos acabados de nacer coas nais inocentes ás que lles dixo un home “bueno, ide contentas que entrastes hai 9 meses e ahora ides para traer o crío á casa”. A liberación aconteceu o 28 de marzo de 1938.
Muller Protasio vella

Dolores Villamarín Otero
Ó volver, foise a vivir cunhas tías onde escoitaba a radio clandestina (a emisora Pirenaica). Choraba tódolos días porque oía que en Francia mataban a moitos españois.
 
Cando liberaron Francia dos alemáns Francisco reclamouna para alá.
 
Pasou clandestinamente, co corazón nun puño, en xaneiro de 1948 pola fronteira francesa. Ía con outra muller que era de Rairo de Ourense e co seu fillo de 18 anos (o marido dela estaba en Francia). Pagaron 3.000 pesetas cada unha; os cartos da Dolores mandounos a súa familia dende Argentina, tal e como lles pedira por carta Francisco.
 
Foron en tren ata Venta de Baños, e deitáronse un pouco nunha fonda para coller ó outro día á mañá o tren que ía dende Vigo ata Irún. Baixáronse en San Sebastián onde os esperaba un guía que era de Santa Mariña (Ourense) e xa tiña pasado a moitos ourensáns. Foron con el ata a fronteira de Irún, e atravesárona a pé polo monte. Chovía e nevaba, e Lola sufriu unha grande molladela aínda que levaba dous abrigos postos. Subiron por un camiño ata que atoparon un río e o atravesaron. Logo entraron en San Juan de Luz, pasando por tras da garita dos gardas sobre a punta dos pés. Por fin alcanzaron un hotel, onde as meteron por baixo dunha cociña e lles deron café; o dono díxolles: “Miren, van a descansar, les voy a dar una cama calentita que vienen más mujeres y después ya traen el taxi”. Colleron o taxi e Lola envioulle un telegrama a Francisco , quen contestou rapidamente dicindo “no te muevas de esa dirección que salgo para allá”.
 
Protasio e muller en francia
Protasio e Lola en Francia
A espera durou tres días. Lola recordaba o momento do encontro deste xeito: “tanto se me pexaron as pernas que non podía andar, así que o vin todo elegante, viña coa mellor roupa que tiña, co seu maletinciño, co seu paraugas e o seu abrigo…Eu choraba e el temblaba como un flan…”. Ó día seguinte fixeron parada en Poitiers, que estaba destruída pola guerra, e logo chegaron a París. Antes de coller o coche de liña, Lola fíxose unhas fotos para arranxar os papeis no consulado español, e o cónsul púxolle a ocupación de costureira. E así comezaron a súa nova vida. Ó cabo de 4 anos foron para Burdeos, onde traballaron os dous durante 16 anos.
 
Casaron en Toulouse, o 5 de outubro de 1967, e regresaron á súa casa de Rairo (Parada de Amoeiro) en 1968. Francisco viña retirado, e coa súa pensión viviron, que se non -como dicía Lola- morrían de fame na casa dos pais de Francisco.
 
Francisco finou no seu domicilio de Rairo o 4 de novembro de 1980 a causa de “insuficiencia cardíaca-enfisema cardíaca”. Dolores morreu no hospital de Piñor (Concello de Barbadás) o 11 de xuño de 1991, ás 10 horas, á causa dunha insuficiencia respiratoria. Ambos están soterrados no cemiterio parroquial de Parada de Amoeiro.
 
“Protasio” e Lola non tiveron descendencia, e nos últimos anos da súa vida recibiron os coidados de María Raquel García García, a quen lle deixaron a casa na que habita agora coa súa familia. Ela será quen reciba o 15 de xuño de 2014 o recoñecemento, a título póstumo, que Francisco e Dolores nunca recibiron en vida.
 
Libro de Familia Francisco e Dolores
Fontes:
Prada Rodríguez, J. (2011). “As mulleres e a resistencia antifranquista (1936-1945). En Juana López, J. e Prada Rodríguez, J. (dirs.) As mulleres en Galicia no século XX. Ir Indo: Vigo.
Prada Rodríguez, J. (2006). De la agitación republicana a la represión franquista. Ourense 1934-1939. Ariel: Barcelona.
 
Soutelo Vázquez, R. (2013). “Usos didácticos da memoria social da represión franquista: a Lola do Protasio, resistente, exiliada e retornada en Amoeiro”. En Domínguez Alberte, X.C. (Ed.), Actas do IV Congreso Manuel Luís Acuña (pp. 241-251). Concello de Pobra de Trives: Ourense.
Soutelo Vázquez, R. (1990). Entrevista a Dolores Villamarín Otero. Viúva de Francisco Dopazo Dopazo “Protasio”. Transcrición literal non publicada.
 
Actas de Nacementos do Concello de Amoeiro:
-          Tomo 11, folio 128, nº 1499
-          Tomo 12, folio 86-V, nº 1495
-          Tomo 15, folio 143-V, nº 3160
-          Tomo 17, folio 359, nº 3699
-          Tomo 19, folio 123-V, nº 4221
-          Tomo 21, Folio 94, nº 181
 
Actas de Defuncións do Concello de Amoeiro:
-          Tomo 30, folio 136, nº 30
-          Tomo 26, folio 134v, nº 266
-          Tomo 31, folio 261, nº 127
 
Libro de Matrimonio de Francisco Dopazo Caride e Dolores Villamarín Otero
Testemuño de María Raquel García García, coidadora de Francisco Dopazo Rodríguez e María Dolores Villamarín Otero durante os últimos anos destes.
Rexistro de defuncións da funeraria “Los Ángeles” (Amoeiro)

Nenhum comentário:

Postar um comentário