O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 23 de março de 2014

Os silencios da memoria

Baixo a herba, a fosa común agóchase desde hai décadas (Foto: C.P.R.)
 
18/03/2014 - Cristina Arias / El Progreso (Lugo)
A posible apertura da fosa de Santa Mariña, en Guitiriz, remove a terra e os recordos. A comarca chairega non escapou aos horrores da guerra. Ten os seus propios mortos e os seus esquecidos. Pero algúns, como o exalcalde de Castro de Rei Severino Rivas, deixaron o anonimato para volver ao seu lugar de orixe.
 
desenterrar aos mortos é a batalla de centos de familias que buscan pechar feridas. Non reabrilas. Os silencios da memoria son moitos aínda en España e invaden todos os recunchos. A pesar de non haber cifras oficiais, os que loitan por dignificar o esquecemento falan de 115.000 desaparecidos na Guerra Civil e o franquismo, máis de 4.000 asasinados en Galicia, segundo as cifras do proxecto Nomes e Voces, a maior investigación das universidades galegas sobre represión e memoria histórica.
 
A comarca chairega non escapou á traxedia. Ten os seus propios mortos. As súas cunetas. Os seus ‘paseos' e os seus lugares máis negros. Con todo, estes días, os silencios gritan. A memoria recupera forza en Guitiriz. E os recordos, afastados do medo, apartan tearañas en Santa Mariña de Lagostelle.
 
A Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ARDF) promove a apertura dunha fosa común no interior do cemiterio. Coñecida por todos desde hai décadas, non se saben os nomes dos mortos, incluso o número, pero poderían ser identificados pronto.
 
OUTRAS VÍCTIMAS. Os ‘irmáns da Lejía', detidos en Santa Mariña
  • Na mesma parroquia guitiricense onde está a fosa, foron apresados tres dos coñecidos como os ‘irmáns da Lejía', referentes históricos do socialismo coruñés. «Escapaban dende A Coruña a Asturias e fixeron noite en Santa Mariña, non se sabese se dúas ou tres. Detivéronos nunha casa», explica Blanco, que tardou anos en solicitar información. «Trasladáronos ao cuartel de Guitiriz e de alí á Coruña», onde foron executados nos primeiros anos da Guerra Civil.
OUTRAS ESPERAS. O ‘Lorca chairego', Francisco de Fientosa
  • Francisco de Veiga Ceide, coñecido como Francisco de Fientosa, morreu en Madrid en 1936 ao estalar o golpe militar. Tras o seu asasinato hai certo misterio, pois como explica o historiador Ricardo Polín «o réxime franquista fixo un aproveitamento da súa morte, atribuíndo o seu asasinato ás hordas marxistas». «Saber que foi unha vinganza de compañeiros de estudos, que aproveitando as revoltas, acabaron con el por envexas». O poeta de Castro de Rei «foi dos máis brillantes da xeración do 36» e moitos reclaman que os seus restos volvan a Galicia desde hai anos. Falta investigar.
Severino Rivas Barja, exalcalde de Castro de Rei, o primeiro exhumado en Galicia
«O teu fillo mimado», reza unha placa nunha lápida do cemiterio parroquial de Loentia baixo o nome de Severino Rivas Barja, o exalcalde de Castro de Rei, que foi fusilado o 29 de outubro de 1936 en Portormarín tras un xuízo sumarísimo no que o acusaron de ser traidor á patria. Os seus restos, tras as investigacións e as pistas que seguiu o seu fillo, Darío Rivas, foron os primeiros exhumados en Galicia pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).

Os restos do fusilado José Antonio Rivas Carballés regresaron a Pol tras 75 anos
«Entre a alegría e a tristeza, nun día distinto que pon punto final a unha longa historia». Era a valoración dos familiares de José Antonio Rivas Carballés tras conseguir que os seus restos, esquecidos durante anos nunha fosa sen nome, recibisen «enterro digno» na súa parroquia natal, en Fraialde, Pol.
 
O cemiterio pontés das Campeiras albergou anos unha fosa con catro veciños
O crime das Barosas foi moi soado na comarca das Pontes. O 22 de agosto de 1936, un grupo de falanxistas apareceu na casa da familia Ramos Ferreiro coa intención de acabar con eles. Mataron a Manuel, tenente de alcalde da localidade e membro do Partido Agrario, e á súa muller, Juana. Tamén a dúas dos seus fillos: Manuel e José, ambos con menos de 30 anos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário