O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quarta-feira, 20 de maio de 2015

Medo político e control social na retagarda franquista de Lucio Martínez Pereda

 
Medo político e control social na retagarda franquista excede as formulacións cuantificadoras habituais nos traballos de investigación e proxecta o fenómeno da represión franquista fóra do seu ámbito estrito para achegarse á sociedade que o padeceu. Manexando un conxunto documental heteroxéneo –sentenzas e expedientes xudiciais, informes de servizos de investigación, expedientes de depuración, peticións de clemencia, cartas de delación…–, a información recollida por Lucio Martínez Pereda nesta obra vai máis aló dos cárceres, dos paseos nocturnos e dos pelotóns de fusilamento para estudar os aparellos represaliadores –comisións de depuración e de incautación de bens, tribunais de responsabilidades políticas e de represión da masonería– que a modo de tea de araña integraron un amplo repertorio de castigos: desde o cárcere e o desterro ata a perda das propiedades, negocios e traballos.Este proceso represivo, non interrompido ao final da guerra e continuado nun sistema composto de distintas formas de persecución complementarias entre si, provocou que o medo e a vontade de sobrevivir se convertesen nunha forma de xerar pasividade que permeabilizou socialmente a violencia política entre amplas capas da sociedade galega. O medo político e os mecanismos de control social inherentes ao seu funcionamento derivaron nun importante axente psicolóxico de acción social e alongaron temporalmente os seus efectos ata ben entrada a década de 1950.

Lucio Martínez Pereda (Vigo). Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce como profesor de Historia no IES Valadares de Vigo. O seu labor investigador centrouse en diversos aspectos da retagarda franquista durante a Guerra Civil: mobilización, propaganda política e depuración administrativa. Leva publicado os seus traballos en varias revistas de estudos históricos e é autor das obras La depuración franquista del Magisterio Nacional en el norte de Zamora 1936-1943 (2008), Propaganda, mobilización e cerimonias político relixiosas en Vigo durante a Guerra Civil (2011) e Medo político e control social na retagarda franquista (Xerais, 2015). Actualmente estuda a mobilización e politización de masas na fase inicial da ditadura en Galicia.

Nenhum comentário:

Postar um comentário