O Ateneo Ferrolán recupera a experiencia do exilio infantil a Rusia despois da guerra
14 Octubre 2015
Nos anos 1937 e 1938, no contexto da guerra civil española, uns 3.000
nenos e nenas foron evacuados dende a zona republicana cara a Unión
Soviética, para evitarlles os rigores da guerra nas zonas máis afectadas
polos combates, aínda que o oriente europeo non foi o único punto do
exilio infantil das familias republicanas. Moitos daqueles nenos e nenas
exiliados non puideron voltar ás súas zonas de orixe debido ás
vicisitudes da Segunda Guerra Mundial, a dictadura franquista e a
dinámica xeral da guerra fría.
O Ateneo Ferrolán organiza un encontro con Araceli
Ruiz (Palencia, 1924) e Libertad Fernández (Sama de Langreo, 1927) dúas
daquelas nenas, e Alejandra “Sura” Marcova, unha moscovita que viviu
sempre no ambiente dos nenos de Rusia e casou cun deles, Manolo
Fernández. Estas tres mulleres falarán da súa experiencia vital nun
exilio que aínda é moi descoñecido para moita xente. E a narración da
súa vida en primeira persoa irá seguida dun coloquio co público
asistente.
Tres nenas exiliadas pola guerra civil española contarán a súa historia o xoves na Fábrica de Oleiros
Alternativa dos Veciños Oleiros 13/10/15
O auditorio do centro cultural A Fábrica acolle este xoves, a
partir das 20:00 h, un acto público sobre os nenos e nenas da guerra
civil española. Araceli Ruiz, Libertad Fernández e Shura Marcova
relatarán como sendo menores de idade tiveron que fuxir cara a Moscú
ante a persecución fascista en España. Tamén serán proxectados varios
documentais e realizarase unha charla coloquio moderada pola Asociación
para la Recuperación de la Memoria Histórica.
A historia que achegarán Araceli, Libertad e Shura ás persoas
asistentes estará acompañada dos comentarios do profesor de xeografía e
historia Jorge Calle, que porá en situación e contexto a fuxida destas
tres nenas cara a Rusia. Tamén serán proxectados os álbums da guerra de
Castelao en Moscú, que contarán coas explicacións do profesor e
investigador Xesús Alonso Montero. Carmen Rodeja, da Asociación para a
Recuperación da Memoria Histórica e os estudantes Ángela Pérez e Daniel
Sánchez moderarán un acto que durará unha hora, aproximadamente.
Nenhum comentário:
Postar um comentário