Quilombo Noroeste. Espaço para a cultura galega no Río de Janeiro
en
Francisco Javier Calvo del Olmo
Professor no Departamento de Letras Estrangeiras Modernas na Universidade Federal do Paraná
O noso traballo aborda de maneira monográfica os Seis Poemas Galegos escritos
por Federico García Lorca entre 1932 e 1934 como homenaxe á paisaxe e á
lingua da Galiza, e publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola
Editora Nós. Partimos do campo teórico dos Estudos da Tradución na súa
interface cos Estudos Culturais para analizar o proceso de elaboración
artística da obra, entendida como unha serie de traducións sucesivas. A
atracción que o poeta andaluz sentiu por Galiza, terra que visitou en
catro ocasións, inspirou os poemas; pero a composición en lingua galega
aconteceu baixo a influencia de dous amigos de Lorca: o ferrolán Ernesto
Pérez Guerra e o ourensán Eduardo Blanco Amor, quen prologou a primeira
edición dos mesmos. Após contextualizar a composición e o contido,
buscamos inscribir eses poemas no ámbito da literatura galega, non como
produción allea, senón como obra que participa plenamente da tradición
literaria da Galiza. A lectura destes poemas permite revelar un espazo
literario compartido entre as linguas románicas, aberto á
intercomprensión e á hibridación cultural. Un espazo poético que non
precisa pasar pola padronización da súa linguaxe nin pola focalización
nun ámbito lingüístico e cultural unívoco. Esperamos trazar, desta
forma, un marco de tradución dende o galego e para o galego, válido
tamén para outros textos no contexto actual da lingua.
1. O proceso de creación dos Seis Poemas Galegos e a súa publicación.
Entre 1932 e 1934, Federico García Lorca compuxo seis poemas en lingua galega titulados Madrigal á cibdá de Santiago, Romaxe de Nosa Señora da Barca, Cántiga do neno da tenda, Noiturno do adolescente morto, Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta e Danza da lúa en Santiago. Os Seis Poemas Galegos (en adiante SPG) apareceran publicados no dia 27 de decembro de 1935 pola Editora Nós, no volume LXXIII da homónima revista, baixo a dirección de Ánxel Casal, en Santiago de Compostela.
García Lorca, nado nunha pequena localidade andaluza, Fuente Vaqueros,
desenvolveu toda a súa produción poética na súa lingua materna: o
castelán; aínda que, se cadra, tivese algún coñecemento doutras linguas
europeas1.
Así, esas seis composicións ocupan unha posición particular dentro da
produción lorquiana por estaren escritas en galego e non en castelán.
Staiger (1975,
p. 22) afirma que “o valor dos versos líricos é justamente essa unidade
entre a significação das palavras e a sua música”; parece
así tarefa complicada que un poeta se lance a escribir nunha lingua
allea. A composición debe obedecer, por tanto, a unha vontade firme,
realizada seguindo un proceso non exento de dificultade, desde a idea
primordial do poema na mente (hispano falante) do escritor até a súa
forma definitiva en galego. Eduardo Blanco Amor, quen tivo unha
intervención crucial nese proceso de composición, non deixaba de
admirarse ao se preguntar como o andaluz Federico atangueu unha
expresión poética de tan alto nivel nunha lingua que non era a súa. Boa
parte da produción poética (e tamén dramática) de Lorca sintetiza e
reformula a tradición popular da súa Andalucía natal. En contraste, os SPG
recrean a Galiza como terra das paisaxes verdes, dos matices da chuvia e
do neboeiro, das cidades de musgo e pedra e do océano bravío. Motivos
que nos SPG adquiren unha dimensión mítica. O propio Lorca definiu a
lingua galega como “fala de luces grises, deshuesada” fronte ao “resplandor hiriente”, ao “idioma tigre” con que el definía a súa voz en español.
Así, para
realizar a homenaxe que o granadino se propuña facer á Galiza,
cumpriulle aprender a lingua do país, pulila dos inevitábeis
castelanismos, adaptar a propia voz a ritmos e sons diferentes
preservando a súa identidade indiscutibelmente lorquiana. Dese modo, o
proceso de creación non pode ser entendido como algo automático e
debemos considerar os fins que levaron ao poeta a escoller o galego,
cales foron os factores e os actores que o acompañaron e, por último, se
estas seis composicións continúan unha tradición lírica en lingua
galega ou se, polo contrario, penetran como un corpo estraño, como se
fosen literatura traducida pertencente a outra tradición cultural,
lingüística e literaria2.
En primeiro lugar, cabe dicir que a ligazón de Lorca coa Galiza
non se debe á ascendencia familiar, mais xorde da experiencia persoal,
das viaxes que realizou a esta terra e dos encontros que na Galiza ou
algures tivo coas súas xentes, co seu idioma e máis coa súa cultura. Non
é posíbel aquí, por causa da extensión, alongarnos na exposición e
análise das viaxes e das trocas entre o poeta granadino e a Galiza e só
apuntaremos algúns dos fatos que os bibliógrafos de Lorca habitualmente
destacan3. Os primeiros contactos do poeta con esa terra remóntanse a 1916, Federico, daquela moi mozo, visita o país por primeira vez; no
ano seguinte, en 1917, ingresa na Residencia de Estudiantes de Madrid
onde coñece a Xesús Bal e Gay, musicólogo galego da Residencia
interesado no estudo da etnografía e do folclore. A partir desa
relación, Lorca achégase á música popular galega e, de feito, incorpora cantigas de Afonso X no repertorio dos concertos que ofrecía na casa familiar de Granada pola festa de Reis4. Por outra banda, Federico era admirador de Rosalía de Castro, tamén lera a poesía de Pondal e de Curros Enríquez e amais coñecía os clásicos portugueses Gil Vicente, Sá de Miranda e Camões. Alén diso, na súa conferencia sobre Góngora de 1926, fixo referencia aos tres cancioneiros que recollen a meirande parte da lírica medieval conservada: o Cancioneiro da Vaticana, o Cancioneiro Colocci-Brancuti e o Cancioneiro de Ajuda. En
1928, un Lorca que está atinxindo a súa plenitude como escritor e
intelectual dedica unha conferencia ás cancións de berce, onde menciona a
presenza de innúmeras músicas de procedencia galega e asturiana en
Granada, herdanza da colonización da Serra das Alpujarras, ao final da Reconquista.
En suma, a tradición literaria popular e culta escrita en galego e en
portugués en varias épocas históricas contribuíu na formación
intelectual de García Lorca como demostran as referencias que a ela fixo
en diversas ocasións.
Com a bagaxe cultural que brevemente esbozamos, Federico
realiza tres viaxes à Galiza durante o ano de 1932. A primeira, que
corresponde á súa segunda visita, é feita por petición dos Comités de
Cooperación Intelectual da República. A segunda vez, ou terceira visita,
acontece en agosto; nese momento, vai como director do grupo de teatro
La Barraca. Finalmente,
o granadino retorna por terceira vez, na cuarta visita, en novembro;
chega no dia 19 á cidade de Pontevedra e de novo participa en
conferencias e reunións coa xuventude intelectual do país. Pérez
Rodríguez (1998) engade unha quinta visita de Lorca á Galiza, non á
Galiza peninsular, senón á Galiza da diáspora, dos emigrantes que vivían
a ambas as marxes do Río da Prata cos que o poeta andaluz tivo
oportunidade de conversar por mor da súa viaxe a Bos Aires e Montevideo
en 19335. Alén das mencionadas experiencias, o poeta de Fuente Vaqueros coñeceu toda unha xeración de destacados
escritores e artistas galegos coma Álvaro Cunqueiro, Feliciano Rolán,
Arturo Cuadrado, os irmáns Dieste, Luís Seoane, Carlos Martínez
Barbeito, Suárez Picallo e Castelao.
Ora ben, o proceso de escritura dos poemas recibe a influencia fundamental de dous amigos de Lorca: Ernesto Pérez Guerra (Ernesto Guerra da Cal), e o xa citado Eduardo Blanco Amor.
En principio, semella que o desexo de escribir unha poesía dedicada á
cidade de Santiago de Compostela xurdiu na mente de Federico durante a
súa terceira viaxe a Galiza, cando foi con La Barraca no verán de 1932. Segundo
Gibson (1998), non parece que pensase facelo en galego pero, ao volver a
Madrid, falou do asunto co Ernesto Pérez Guerra, tamén poeta, nacendo
daquela a idea de compor xuntos un poema na lingua da cidade visitada. Anos máis tarde, Blanco Amor reiteraba a influencia que Ernesto, asumido nacionalista galego, exerceu sobre Federico. Pérez Rodríguez (1998, p. 80) di que Ernesto
se deixaba acompañar habitualmente polo tamén galego Serafín Ferro e
que, nese contexto, Lorca escoitou as conversas dos dous. Podemos
considerar como hipótese que por esa vía entraron os sons, descoñecidos e
doces, dese idioma no entorno madrileño de Federico. En todo caso, o primeiro dos seis poemas, Madrigal á cibdá de Santiago, aparece publicado pola revista Yunque no número de decembro de 1932. No ano seguinte, 1933, o propio Ernesto Pérez Guerra presentou Lorca a Eduardo Blanco Amor, que daquela traballaba como correspondente en Madrid do xornal arxentino La Nación.
Após a viaxe á Arxentina, Lorca retomou a composición destes poemas coa colaboración de Pérez Guerra, tarefa que se viu interrompida pola redacción de Llanto por Ignacio Sánchez Mejías. Ao final de outubro de 1934, os cinco poemas engadidos ao Madrigal á cibdá de Santiago
estaban prontos e, así, durante a primavera de 1935, un tenaz Blanco
Amor consegue que Lorca lle entregue os manuscritos; cabe dicir,
escritos con letra de Ernesto Pérez Guerra, xunto ao recorte de xornal
do Madrigal á cibdá de Santiago.
Blanco Amor interveu na edición dos seis poemas facendo a revisión
ortográfica dos mesmos, a corrección de certos castelanismos e algunhas
outras modificacións nos títulos; alteracións que o andaluz aceitou. Na
súa tarefa, o escritor ourensán tamén suprimiu a dedicatoria da Cantiga de neno da tenda a Ernesto Pérez Guerra, do cal tampouco se menciona a participación. Alén diso, Eduardo escribiu o prólogo para a primeira edición onde relata como chegaron até el os seis poemas 6: “Federico
García Lorca me llegó, un día cualquiera de nuestra amistad, con un
puñado de versos gallegos. Todavía traían en lo tierno de su blandor
recién modelado, el movimiento arbitrario de una grafía nerviosa de
tachones, curvas y añadidos.” E explica cal foi o mandato que Lorca lle
deixou: “Debes ser tú, por lo tanto, quien ordenes éstos y quien los
edite y quien los prologue. Y ya está. Y ya se acabó. Y no me hables más
de esto hasta que me traigas el libro”. Dando continuidade ao prólogo,
Blanco Amor cualifica os poemas non de “versos eruditos elaborados, por
virtuosismo y presunción, en lengua prestada,” senón “tan naturales, tan
irremediables y tan ‘inspirados’ como los que le saen en su idioma de
siempre”. Tamén fala da calidade do galego como lingua de cultivo lírico
e da inmensa capacidade artística de Lorca, unha voz fresca e espida de
pedantismo que lle permitiu penetrar “en el paisaje espiritual
[gallego], que es la saudade” así como “en el paisaje de nuestro pasado,
que son las ciudades santas”. Finalmente a publicación dos poemas foi anunciada pola revista Nós, no seu número correspondente a maio-xuño de 1935, entre as “novas obras publicadas” pola editora.
Como escritor alófono, Lorca non é o primeiro a usar o galego para
compor lírica senón que retoma unha tradición peninsular común durante o
Medievo. Asunto ao que Blanco Amor dedica a última parte do prólogo dos
Seis Poemas Galegos:
En
el siglo XV un castellano, El Marqués de Santillana, escribía al
Condestable de Portugal una carta de información literaria. Y en ella:
«No ha mucho tiempo cualesquier dezidores e trovadores de estas partes,
agora fuesen castellanos, andaluces o de la Extremadura, todas sus obras
componían en lengua galaica o portuguesa». Y terminando el XVI un
sevillano, Argote de Molina, continuaba: «Si a alguno le pareciera que
Macías era portugués, esté advertido que hasta los tiempos de Enrique
III todas las coplas se hacían comúnmente en lengua gallega». Y en el
XIX Menéndez y Pelayo, concluía: «No se puede desconocer que el
primitivo instrumento del lirismo peninsular, no fue la lengua
castellana, ni la catalana tampoco, sino la gallega que,
indiferentemente para el caso, (en aquella época eran la misma) podemos
llamar gallega o portuguesa». Los Cancioneros todos, desde el de Resende
hasta el de Baena, que es el de divisoria o deslinde, están llenos de
poetas
de otras tierras y lenguas –el Rey don Alfonso, el propio Santillana,
Villasandino– que usaron con amorosa afición la de Galicia. Federico
García Lorca viene a ella con la gravitación natural de otros grandes de
otros tiempos. (BLANCO AMOR, Apud, PÉREZ RODRÍGUEZ, 1998, p. 148)
Existe unha relación máis estreita entre a lírica de Federico García Lorca e
a tradición poética galega moderna, encarnada na súa máxima figura,
Rosalía de Castro. Tanto un como a outra compartiron un interese polas
voces populares; Cantares Gallegos de
Rosalía está impregnado das tradicións da súa terra de forma, en certa
medida análoga, ao ambiente e tradicións da Andalucía que transpira o Romancero gitano. A influencia desa tradición é forte tamén nos seis poemas:
Lorca,
nestas cantigas, segue fundamentalmente o ronsel dos Cancioneiros e de
Rosalía de Castro. Os santuarios e as romarías (pretexto e contexto para
o encontro dos amantes), preto do mar (as nosas barcarolas), son
reelaborados poeticamente polo bardo granadino. (Pérez rodríguez, 1998, p. 158)
No nivel formal, os Seis Poemas Galegos presentan similar extensión (entre os quince e trinta versos aproximadamente) e estruturas métricas tradicionais. Lorca non recorre ao verso libre da súa época de Nova York e prefire empregar esquemas de repetición e estruturas paralelísticas. Así, por exemplo, na Danza da lúa hai un diálogo dunha meniña coa súa nai, motivo común nas cantigas de amigo medievais. E con esa mesma palabra –amiga– o poeta interpela a Rosalía de Castro morta para que volva á vida: “Érguete miña amiga!”, no poema que lle dedica.
Verbo dos temas desas composicións, Lorca inicia e fecha a serie de poemas con dúas homenaxes á cidade de Santiago de Compostela. No primeiro, Madrigal á cibdá de Santiago, as pedras milenarias da cidade deséñase baixo a chuvia de maneira case impresionista. O segundo, Romaxe de Nosa Señora da Barca, canta unha das romarías máis tradicionais do país; tema de carácter popular, anteriormente abordado por Rosalía7. O terceiro, a Cantiga do neno da tenda capta a imaxe da Galiza na diáspora, situando a epopea da emigración no espazo concreto da rúa Esmeralda, onde traballa un emigrante galego, Ramón Sismundi, que, na súa saudade da terra, ouve a gaita e o son da muiñeira d’ágoa, entoado polas augas do Río da Prata. Os tres últimos poemas traen como tema central a morte e o sobrenatural. No Noiturno do adolescente morto, o río Sil leva o adolescente afogado cara ao mar, cara á morte definitiva. Na Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta, Lorca dedica á poeta que el admira unha canción de berce. Por fin, no sexto, a Danza da lúa en Santiago,
a lúa, elemento fundamental na poética lorquiana habitualmente asociada
coa morte, baila na praza da Quintana, do lado da Catedral, onde La
Barraca representou as pezas teatrais na súa pasaxe pola cidade.
Os
SPG permiten múltiples liñas de análise que, certamente, non se esgotan
no breve espazo que lle dedicamos neste traballo. A nosa intención era
apenas salientar como Federico García Lorca bebe da tradición poética
galega para compor unha serie de poemas que se insiren nela sen
violentala e sen que o poeta perda a súa identidade. Xulgamos que nesas
pezas o poeta andaluz aborda e recrea temas, motivos e formas propios da
literatura galega aos que adapta a propia voz nun proceso creativo
híbrido. A integración plena dos SPG na esfera cultural da Galiza
prodúcese progresivamente cando xeracións posteriores de escritores e
escritoras, de artistas, de críticos e de pescudadores os adopten no
marco desa tradición poética.
Unha vez esbozado o contido da obra
e o seu encadramento no ámbito literario galego, dedicaremos a segunda
parte do traballo a expor as posibilidades de lectura e tradución dos
poemas no vasto ámbito das linguas, culturas e literaturas que integra a
Lusofonía.
2. Ler e escribir obras en galego na esfera da Lusofonía.
Nas últimas décadas do século XX, desenvolvéronse organizacións de cooperación internacional que tomaron a lingua como patria común dos países e pobos que as integran; a Francophonie e a Commonwealth serven como exemplos. Como Tabucchi
apuntou verbo da Lusofonía, estas organizacións poden responder a
proxectos neocoloniais “pelo fato de o país, tendo perdido o seu império
e as suas colônias, encontrar nela ‘terreno fértil para uma invenção
meta-histórica como esta, que funciona como sucedâneo, no imaginário
coletivo’” (CRISTOVÃO, 2005, p. 654). Para alén de críticas como esa, é
posíbel presentar a Lusofonía como unha “esfera de comunicação e de
compreensão determinada pelo uso da língua portuguesa,” (CRISTOVÃO,
2005, p. 654), “uma realidade em crescimento todos os dias, a partir
daquilo que, em qualquer fonia, é básico e essencial: a comunicação e o
diálogo, que aproximam as pessoas e as instituições” (ibid., p. 652).
Este continente inmaterial localízase nos varios continentes do globo:
Os
oitos países que têm o português com sua língua materna, oficial ou de
patrimônio (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné, Moçambique, Portugal, São
Tomé e Príncipe e Timor) e regiões que pertencem a outros países e
culturas, mas com as quais partilhamos ou partilhámos a Língua e a
História. Embora em situações diversas, e em inúmeros lugares da
diáspora, falam ou falaram português, suas variedades ou crioulos, a
Galiza, Casamansa (no Senegal), Ilha de Ano Bom, Ajudá (no Benim), Goa,
Damão, Diu, Mangalor, Mahé, Fort Cochim, Tellicherry, Chaul, Korlai,
Coromandel. (CRISTOVÃO, 2005, p. 654)
A
Galiza e a súa lingua ocupan unha posición particular dentro deste
ámbito lingüístico e cultural xa que logo foi alí (xunto co norte de
Portugal, até o río Mondego) onde se formou a lingua. Porén, nese
territorio a evolución dos usos do galego, vinculados ás vicisitudes
históricas do país, sufriu a presión dunha lingua veciña: o castelán8. A partir do século XVI, os gramáticos portugueses xulgaron os falares galegos arcaicos e provinciais.
“É assim é que o galego, que nas origens da língua tanto contribuiu
para definir a norma literária, veio a encontrar-se no polo oposto desta
mesma norma. A rusticidade da Galícia opõe-se, agora, à urbanidade de
Lisboa” (Teyssier, 2007, p.34). É necesario considerar que daquela Portugal vivía un período de expansión colonial e de consolidación como reino independente que debía se lexitimar e afirmar a súa identidade e “o
caráter, independente e soberano da ‘língua portuguesa’, (…) sem
vínculo com o galego, pobre linguajar entregue à própria sorte como
falar regional, submerso numa permanente diglossia, relegado aos usos
menos prestigiados” (BAGNO, 2012, p.37-38). Actualmente, os termos portugués e galego identifican dúas linguas; unha e outra diferenciadas principalmente por factores socioculturais e históricos. Posner (1998, p. 257) trae a distinción que a sociolingüística fai entre lingua Abstand e de la lingua Ausbau para demarcar unha separación na esfera das linguas neolatinas:
Aunque
los dialectos locales y similares puedan ser considerados también
“lenguas históricas”, sería útil distinguir el exclusivista “club”
románico, formado por las lenguas nacionales y literarias, de la
numerosa “familia” románica, con sus prolíficas ramificaciones, que se
extienden desde la unidad nuclear, que vive en el sur de Europa, hasta
los miembros más lejanos de la familia, fruto de la emigración a los
límites de los antiguos imperios. (POSNER, 1998, p. 67)
Consideramos
que a proposta da autora expresa unha concepción xerárquica das
linguas: aínda que todas procedan do latín, só aquelas que atangueron
prestixio cultural e político, fundamentalmente as linguas nacionais,
poden pertencer ao club. Dese modo, estabelece unha distinción entre a Romania Maior, correspondente ao club románico, e a Romania Minor,
conxunto da ampla familia de linguas, dialectos e falares espallada
polos cinco continentes; cada membro da familia gozaría dun grao de
codificación, historicidade e vitalidade diferente. O portugués, como
lingua internacional, adscríbese á Romania Maior en canto o galego, cooficial na Galiza desde 1981, entra na Romania Minor. A diferenza entre un e outro é metalingüística e a fronteira ven trazada, en grande medida, polos “domínios de uso de determinada ortografia e gramática normativa, ou seja, às línguas padrão” (FINBOW, 2011, p. 96).
Fronte a esta separación de
natureza política, cultural, económica e ideolóxica, e sen negar o
impacto deses procesos históricos, o Premio Nobel de Literatura José
Saramago defendeu que “não existe uma só língua portuguesa, mas sim,
várias línguas em português”. Idea moi suxestiva que non deixa de ser a
formulación literaria do concepto de linguas pluripolares, aquelas que reúnen variedades históricas, xeográficas e sociais non necesariamente intelixíbeis9. Bagno (2012, p. 39) utiliza a etiqueta portugalego para se referir a ese grupo.
O galego, ou se se prefire a variante do grupo portugalego falada na Galiza, encontrase hoxe nunha situación de conflito lingüístico,
ameazado pola concorrencia co castelán que se impón nas cidades e entre
as xeracións máis novas. Nese contexto, o uso normativo da lingua
tórnase unha cuestión fundamental e a produción dunha norma para a
lingua da Galiza ocupa unha posición central nos debates académicos e
tamén na sociedade civil:
A
norma é ela própria motivo de incontáveis conflitos, pois o processo de
elaboração linguística diz respeito à identidade da língua, à sua
continuidade histórica, à sua possibilidade de existir como realidade
diferenciada ou como variedade reconhecida de alguma outra língua, à
delimitação, enfim, do sue espaço de ação de sua área de influência.
(LAGARES, 2011, p.173)
Conscientes da importancia de apertar os lazos lusófonos para fortalecer o galego todos os proxectos
de padronización tomaron como referencia o portugués en diversos graos
“quer como padrão ortográfico ou como modelo (certamente indefinido) de
‘língua culta’ (…), quer como referência constante na elaboração de
terminologias ou na adopção de padrões morfológicos” (LAGARES, 2011, p.189). E, de feito, a Real Academia da Lingua Galega (RAG) avoga nas súas Normas Ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
por “unha lingua común asentada na fala, mais depurada de
castelanismos, supradialectal, enraizada na tradición, coherente e
harmónica coas demais linguas de cultura” (RAG, 2005, p.6). Con ese
obxectivo cómpre, por unha banda, fuxir da dependencia do castelán e,
por outra, non recorrer nin ao arcaísmo nin á hipercaracterización do
idioma; o portugués serve como mediador entre eses dous extremos.
Após
a nosa exposición sucinta da normativización da lingua na Galiza e as
súas principais dificultades, habemos de lembrar que os SPG foron
compostos décadas antes da normativización. Tamén
non debemos esquecer, como xa dixemos, que Federico García Lorca non
era falante de ningunha variedade de portugalego, mais un escritor
andaluz que optou por empregar o galego para compor seis poemas levado
polos factores examinados no epígrafe precedente. Nesta altura, cabe
presentar a Lusografía definida como
“o espaço escrito da língua portuguesa. Escrito, ou seja, não falado
como o de Lusofonia, ao qual se não opõe, mas do qual se distingue” (Cristóvão, 2005, p.656). Aquí é relevante distinguir entre a
lingua escrita e a lingua falada por teren usos non enteiramente
coincidentes. Lorca foi un poeta lusógrafo sen ser un poeta lusófono;
foi un escritor en galego sen necesariamente ser falante efectivo deste
idioma.
Por outra banda, “há de fato duas lusografias: a que é obrigatória,
política, administrativa, e uma outra, bem diferente, que corresponde a
uma escolha” (Cristóvão, 2005, p.656). , Na segunda, por tanto, é onde se encadra o traballo de Federico.
Se asumimos os dous axiomas, presentados en cadanseu epígrafe, que,
primeiro, os SPG pertencen a tradición poética e literaria do galego e
que, segundo, ese ámbito lingüístico e cultural participa da Lusofonía
(entendida como conxunto de polisistemas10
de lingua e cultura portugalegose non vinculada necesariamente a un
proxecto político), os SPG intégraranse no patrimonio lusógrafo, nos
“milhões de textos, um sem-número de palavras, escritos em língua
portuguesa desde a noite dos tempos, em Portugal, nos espaços
colonizados, lusitanizados, o mesmo é dizer, o mundo inteiro” (Cristóvão, 2005, p.656). Como
escritor lusógrafo, Lorca permite unha lectura directa polo público
letrado en lingua portuguesa? Cales mediacións cómpre facer ao tradutor,
ao editor e mesmo ao lector nese contexto? As posibilidades abertas
polo estudo dos SPG serían validas para discutir outras producións
literarias compostas en situacións semellantes? Dedicaremos a última
parte do nosa exposición ao debate destas cuestións.
3. Os Seis poemas galegos: a tradução intercultural e intercomprensión entre línguas românicas.
Federico
García Lorca representa un dos principais autores do século XX non só
nas literaturas en español, mais na literatura universal como demostra
que a súa obra estea traducida en numerosas linguas, entre as cales, os
principais idiomas europeas de cultura coma o alemán, o francés, o
inglés, o italiano, o ruso e, certamente, o portugués. Segundo Staiger (1975, p. 51), “a poesia autenticamente lírica é singular e irreproduzível”. Esa
calidade dos SPG formula un problema para a súa lectura quer entre a
comunidade hispano falante, quer na lusófona. Obviamente o público
hispano falante acede á poética lorquiana na lingua orixinal con
excepción dos SPG que, nunha versión monolingüe, debe producir certo
estrañamento para o lector que non teña familiaridade coa lingua e a
cultura da Galiza11. Por outra banda, a editorial brasileira Martins Fontes publicou a Obra poética completa de Lorca en 1999, onde presenta os poemas en edición bilingüe castelán e portugués como testo a fronte.
Os SPG foron editados seguindo o mesmo criterio, no caso orixinal
galego e a fronte a tradución en portugués. Esas dúas edicións
reproducen unha situación característica das chamadas linguas minoritarias,
ou non hexemónicas, que, para se relacionaren con outras comunidades
lingüísticas e culturais, precisan recorrer á interposición ou
mediatización dunha lingua hexemónica, entorno da cal orbitan como
satélites.
Desde
a súa experiencia como pescudador e falante de gaélico irlandés, Cronin
(1998) formula algunhas cuestións que xorden ao traducir desde, para e
entre linguas minoritarias. Así, por exemplo, as/os poetas de lingua
gaélica que desexen traducir escritoras/es de Estonia invariabelmente
pasarán polo filtro do inglés, idioma que as dúas partes coñecen. Feito
que supón que as/os escritoras/es dunha lingua minoritaria
frecuentemente sexan traducidos –ou se autotraduzan– nunha lingua
maioritaria creando unha literatura pensada, desde a súa xénese, para a
tradución. Deste modo, no actual proceso de mundialización, as
linguas minoritarias poden se transformar en espellos dunha lingua
maioritaria, importando masivamente estruturas léxicas, sintácticas e
semánticas alleas. Por
outra banda, poetas e escritoras/es que, fronte á asimilación, busquen
diferenciarse ou reafirmar a identidade lingüística e cultural de seu,
reafirmando os trazos autóctonos máis característicos, corren o risco de
crear unha obra tamén especular: diametralmente oposta aos modelos da
lingua maioritaria, o que pon de manifesto a dependencia e subordinación
ás linguas as cales pretendían se contrapor. En síntese, as diferenzas
de poder económico, demográfico, cultural e político entre as grandes linguas centrais e as linguas minoritarias ou minorizadas periféricas
xeran diferenzas nas traducións entre unhas e as outras. Avanzando na
súa argumentación, o investigador irlandés denuncia a falta dun foco teórico específico dentro dos Estudos da Tradución para estas linguas, feito que provoca que “speakers
of minority languages looking into the disciplinary mirror of
translation studies can also experience the troubling absence of the
undead” (p. 250). Porén,
son as linguas minoritarias as que máis precisan da tradución como vía
para recibir e incorporar as producións estranxeiras e exportar o propio
patrimonio.
No caso do SPG, se a
mediatización pasar pola tradución para o español, caeríase na
contradición da vontade do poeta: para Lorca nada era máis simples que
usar a propia voz andaluza á hora de cantar a Galiza, pero a súa vontade
fixo que tomase emprestada a lingua galega a través da colaboración de
Guerra de Cal e Blanco Amor. Por súa vez, a mediatización do portugués
podería pasar por un arranxo da ortografía para as convencións
ortográficas actuais desta lingua e a substitución de certos
castelanismos, arcaísmos, vulgarismo e dialectalismos. Esa solución
corre o risco de deturpar musicalidade e a rima da obra.
Fronte
a esas dúas posibilidades que traen perdas no contido e na formulación
poética dos SPG, presentamos outra alternativa. O texto orixinal en
galego permite unha lectura multicultural e
bilingüe afastada do canon, onde se xustapoñen a lingua e a cultura da
Galiza, integradas no amplo espazo do portugalego, e as culturas que se
expresan en español. Descóbrese así un espazo literario que transborda
as fronteiras dos espazos lingüísticos, literarios e culturais
estritamente delimitados pelos estados nacionais e descritos pola
lingüística e a filoloxía do comezo do século XX. Deste xeito, trázase
unha ponte sobre as fronteiras lingüísticas da Romania,
ou sexa do territorios onde son faladas as linguas románicas ou
neolatinas (BADIA I MARGARIT, 2007). Esa lectura estabelece un diálogo
como espazo común intrarrománico que outra importante escritora galega
en castelán, Emilia Pardo Bazán, formulou xa hai máis dun século: “Portugal
es para mí como la América latina. Algo que tengo que reconocer,
política y geográficamente, por extranjero, pero que moralmente,
afectivamente sobre todo, continúa formando parte de mi pátria” (PARDO
BAZAN, Apud HERRERO FIGUEROA, 2007, p. 153).
En
definitiva os SPG, como talvez boa parte da literatura contemporánea
galega, son barcas que navegan e beben de dous océanos contiguos: o
lusófono portugalego e o hispánico. Por iso, consideramos que as
estratexias e cuestións verbo da súa tradución e lectura, as cales
dedicamos estas páxinas, poden servir para outras pescudas que se
propoñan traballar coa produción, lectura e difusión da literatura
galega nesas dúas comunidades veciñas de forma que a diversidade e a
variación non sexan dificultades a seren superadas, mais constitúan a
base e a potencia destas obras.
4. Referencias Bibliográficas
BADIA I MARGARIT, A. Génesis de la Romania y genio de la romanística. In: GARGALLO GIL, J; REÍNA BASTARDAS, M. (coords.) Manual de lingüística románica. Barcelona: Ariel, 2007.
BAGNO, M. O português não procede do latim: Uma proposta de classificação das línguas derivadas do galego. Dispoñíbel en: http://www.editorialgalaxia.es/imxd/libros/doc/1320761642191_Marcos_Bagno.pdf. Aceso en: 26 jun. 2015.
CRISTOVÃO, F. et al (Org.). Dicionário temático da Lusofonia. Lisboa/ Luanda/ Maputo/ Praia: Texto Editores, 2005.
CRONIN, M. The Cracked Looking Glass of Servants: Translation and Minority Languages in a Global Age, The Translator, Manchester, vol. 4, n. 2, p. 145-62, 1998.
FINBOW, T. A formação dos conceitos de “latim” e de “romance”. In: LAGARES, X; BAGNO, M. (Org.) Políticas da norma e conflitos linguísticos. São Paulo: Parábola, 2011.
García Lorca, F. Federico García Lorca: Obra Completa. Madrid: Akal, 2008.
_______________, F. Obra poética completa. São Paulo: Martins Fontes, 1999.
_______________, Fe. Seis poemas galegos de Federico García Lorca. Edic. Fac-símile. Santiago de Compostela: Biblioteca facsimilar do Consorcio da cidade de Santiago, 1996.
GIBSON, I. Vida, pasión y muerte de Federico García Lorca (1898-1936). Barcelona, Plaza-Janés Editores, 1998.
HERRERO FIGUEROA, A. Sobre a discutíbel lusofilia de Pardo Bazán ou de como Dª Emilia non é propiamente Maria Guavaira. In: VII Congreso Internacional de Estudos Galegos, 2007, Barcelona. Anais… Sada: Edicións do Castro, 2007. p. 143-154.
LAGARES,
X. Minorias linguísticas, políticas normativas e mercados uma reflexão a
partir do galego. In: LAGARES, X; BAGNO, M. (Orgs.) Políticas da norma e conflitos linguísticos. São Paulo: Parábola, 2011. p. 169-192.
Lambert, J. Itamar Even-Zohar’s Polysystem Studies: An Interdisciplinary Perspective on Culture Research, Canadian Review of Comparative Literature / Revue Canadienne de Littérature Comparée, Calgary, XXIV, n. 1, p. 7–14, 1997.
MONTEAGUDO, H. Historia social da língua galega. Vigo: Galaxia, 1999.
Pérez rodríguez, L. O pórtico poético dos Seis Poemas Galegos de F. García Lorca. Santiago de Compostela: Consello de Cultura Galega, 1998.
POSNER, R. Las lenguas romances. Madrid: Catedra, 1998.
REAL ACADEMIA GALEGA INSTITUTO DA LINGUA GALEGA. Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Santiago de Compostela: Secretaría Xeral de Política Lingüística, 2005.
STAIGER, E. Conceitos fundamentais da poética. Rio de Janeiro: Tempo brasileiro, 1975.
TEYSSIER, P. História da língua portuguesa. São Paulo: Martins Fontes, 2007.
1 En 1930 residiu unha tempada en Nova York, cidade que lle inspirou para compor Poeta em Nueva York; é de imaxinar que daquela adquirise certo coñecemento da lingua inglesa.
2 A
discusión que propomos entra dentro daquelas que examinan autores e
obras plurilingües como, por exemplo, as pezas teatrais en francés do
irlandés Samuel Beckett.
3 Cf. Gibson (1998) e para unha exposición pormenorizada das viaxes Cf. Pérez Rodríguez (1998, p. 19-76).
4 Noutras ocasións, interpretou cancións populares como Nosa Señora da Barca ou Asubía, que fai vento e inclusive cantigas de amigo de Martín Codax.
5 A
Sociedade de Amigos da Arte fíxolle o convite para dar conferencias
sobre literatura e a viaxe, prevista para unha semana, terminou se
prolongando varios meses: desde 13 de outubro de 1933 até o 27 de marzo
de 1934. Esa pasaxe non pode ser omitida xa que serviu de inspiración
para o poema Cántiga do neno da tenda.
7 Pérez Rodríguez (1998, p. 159) sinala o paralelismo entre esa romaría e a romaría da Nosa Señora da Franqueira,
á cal Ramón Cabanillas dedicou un poema. Esa coincidencia temática
podería revelar a influencia das conversas entre intelectuais galegos no
Café Regina, ás cales Federico asistía en compañía de Ernesto Pérez
Guerra. É posíbel que Ramón Cabanillas contase a Federico, entre outras
moitas lendas e historias populares, a romaría da Nosa Señora da Barca e
a da Nosa Señora da Franqueira.
9 O
caso non é exclusivo do portugués e así outros idiomas, como o árabe ou
o chinés, tamén responden a ese mesmo perfil glotopolítico.
10 Verbo da teoría dos polisistemas, pódese consultar Lambert (1997).
11 Obsérvese a edición da obra completa de Lorca publicada pola editora madrileña Akal (LORCA, 2008).
Nenhum comentário:
Postar um comentário