Monumento Volta dos Nove do ano 2007 |
Valminor.info
A demorada estrea da película “A volta dos nove” de
Antonio Cairo dou inicio a unha serie de actos que en
solitario ou en colaboración con asociacións civís o Concello de Nigrán
promoveu en materia de memoria histórica. Continuou o sábado coa participación na homenaxe á Volta dos 9
que organiza todos os anos o Instituto de Estudos Miñoranos en Baiona. E
dende alí o goberno anuncia que dará comezo unha serie de actividades
na materia cara ao 2016 cando se cumpra o 80 aniversario do golpe de
Estado de Francisco Franco.
O alcalde Juan González, autor de
varios libros de investigación sobre a represión franquista en Nigrán e o
Val Miñor, convidou “a todo o pobo a que se sume a esta merecida
homenaxe aos que defenderon a liberdade e a democracia contra o
fascismo” e anima a que se asista aos actos.
Pase da Volta dos Nove
O
documental ‘A volta dos nove”, dirixido polo gondomareño Antonio
Caeiro, foi visto por primeira vez en Nigrán o venres 16 de
outubro no Auditorio Municipal coincidindo precisamente co
79 aniversario dos brutais asasinatos falanxistas de nove veciños do
Val Miñor, cinco deles de Nigrán.
A película foi estreada o ano pasado en Vigo e posteriormente en Gondomar a instancias do Instituto de Estudos Miñoranos, despois de que o anterior goberno do PP non cedese espazo para elo no Auditorio de Nigrán.
Agora
dende o Concello sinalan que o alcalde Juan González, convidou “a todo o
pobo a que se sume a esta merecida homenaxe aos que defenderon a
liberdade e a democracia contra o fascismo e anima a que asista á
proxección”.
Ofrenda floral e actos en Sabarís e Baiona
Ademais,
o goberno local uniouse á tradicional ofrenda floral do Instituto de
Estudios Miñoranos (IEM) o sábado 17 de outubro no
cemiterio de Sabarís e posteriormente na coñecida como
curva da ‘Volta dos nove”, en Baredo e baixo a obra do escultor
Fernando Casás, onde foron fusiladas estas persoas.
As execucións de veciños do Val Miñor en outubro do 36.
Lembran
dende o Concello de Nigrán que a execución de nove veciños do Val Miñor
foi froito “da vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día
anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos
irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes e tamén un dos
falanxistas”.
Engaden que horas despois os partidarios do golpe de
Estado colleron a nove veciños detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e
os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baredo.
Cinco eran de
Panxón (Nigrán) e os cinco eran mariñeiros: Manuel Aballe Domínguez, de
41 anos; Felicísimo Antonio Pérez Pérez, de 44 anos; Generoso Valverde
Iglesias, de 37 anos; Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito”, de
47 anos; e Manuel Barbosa Durán, de 30 anos que aínda natural de O Burgo
(Baiona) tamén vivía en Panxón.
Canda eles foron asasinados Elías
Alejandro Gonda López, labrador de 36 anos de Sabarís; Francisco Manuel
Lijó Pérez, mariñeiro de 34 anos de Baíña; Fidel Leyenda Rodríguez,
tamén mariñeiro de Baíña de 51 anos; e José Rodríguez González “O
Pelonio”, mariñeiro de Baiona de 45 anos.
“Unha tráxica historia
de vinganzas e morte que supuxo nove familias de Nigrán e Baiona
destrozadas pola senrazón dunha guerra civil e que deixaría unha pegada
imborrable na memoria dos miñoranos, xa que durante os 40 anos de
ditadura militar nove cruces apareceron marcadas na terra ou nas rochas
de Baredo para que ninguén esquecera o vil asasinato de oito mariñeiros e
un labrador que nada fixeran”, afirman.
Cara ao 80 aniversario do Golpe de Franco.
O
goberno de Nigrán quere continuar estas actividades no eido da memoria
histórica cara ao 2016 cando se cumprirán 80 anos do golpe de Estado, co
obxectivo “divulgar o impacto da loita e da represión no municipio e
dar así cumprido homenaxe a todos aqueles que loitaron pola liberdade e
pola democracia”, avanza o rexedor, Juan González.
Nenhum comentário:
Postar um comentário