O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 4 de outubro de 2015

O peirao da memoria

Eugenia Rey Acuña

O sábado 3 de outubro, ás 7 da tarde, a Regaduxa Memoria Histórica de Vilaboa organiza un acto público no peirao de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) para denunciar a negativa de Portos de Galicia a instalar una inscrición de homenaxe ás vítimas do terror franquista en Vilaboa.

Luis Bará -  Non des a esquecemento 30/9/15
Eugenia Rey Acuña, a muller da fotografía, naceu o 27 de setembro de 1932. Ten 83 anos. A súa nai, Áurea Acuña Seoane, morreu con 22 anos, cando ela tiña 4 meses. O 2 de marzo de 1937, os fascistas fusilaron ao seu pai en Pontevedra e enterráno nunha tumba sen nome, da que nunca máis volveu. Eugenia ficou no mundo coa súa avoa, Peregrina Acuña Seoane, nai solteira, muller forte e valente. Ficou aquí na terra para chorar amargamente polo pai preso, polo pai asasinado.

A comezos de 2014 fun á súa casa do Chincho na procura das páxinas do libro do esquecemento e tiven a sensación de que levaba décadas agardando ese momento. Levaba décadas esperando falar do que lle pasara ao seu pai, que tocaba o clarinete na banda de Ponte Sampaio e bailaba que daba gusto velo. Levaba décadas chorando en silencio unha ausencia que non parara de medrar, desde o día que foi ao Lazareto de San Simón visitalo e nunca máis o volveu ver. Desde o día de xullo do 36 que os falanxistas o foron buscar á casa do Outeiro e el lle dixo a Peregina que lle deixaba tres pesos para mercar herba para a semente e un vestido vermello para a nena.

En marzo de 2014 a asociación A Regaduxa organizou unha homenaxe ás vitimas do franquismo no concello de Vilaboa. Ali estaba ela, Eugenia Rey Acuña, chorando bágoas de emoción e orgullo polo pai asasinado, polo pai soterrado nunha tumba anónima, polo pai enterrado no silencio da Historia.
O pasado 26 de abril, Eugenia acompañounos na presentación da inscrición de homenaxe ás vítimas do terror franquista en Vilaboa que a Regaduxa quere instalar no peirao de Deilán, en Santa Cristina de Cobres. No peirao no que foi obrigado a realizar traballos forzados o seu pai, Eligio Rey, con centos de presos da illa. Quen lle vai explicar a Eugenia a negativa de Portos de Galicia a permitir esta homenaxe sinxela e sentida das xentes de Vilaboa?

O sábado 3 de outubro voltaremos a ese peirao para acabar co silencio ao que foi condenado Eligio, para limpar as bágoas de soidade e de dor de Eugenia, para compartir o seu orgullo de filla dun republicano, dun home de ben, humilde e honrado. Para que a luz da memoria dos homes e mulleres de Vilaboa que loitaron pola democracia e a liberdade venza definitivamente o esquecemento. E para acabar para sempre coa insensibilidade dos que ainda hoxe pretenden administrar o pasado e gobernar sobre os sentimentos das persoas.

PD O vindeiro sábado 3 de outubro, ás 7 da tarde, a Regaduxa Memoria Histórica de Vilaboa organiza un acto público no peirao de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa) para denunciar a negativa de Portos de Galicia a instalar una inscrición de homenaxe ás vítimas do terror franquista en Vilaboa.

Eligio Rey, canteiro e músico
(texto publicado no blog en marzo de 2014)

Onte pola tarde fun a Paredes (a miña terra natal, no concello de Vilaboa) falar con unha muller de 82 anos á que lle mataron o pai cando tiña 4 anos, o 2 de marzo de 1937, despois de pasar meses preso en San Simón; matáronlle o pai (a nai morrera cando tiña catro meses) por ir a Pontevedra o 20 de xullo, por ser obreiro e comunista e defender a legalidade (a iso os golpistas chamábanlle rebelión); matáronlle a esperanza, a liberdade, a infancia e condenárona nun mundo de miseria, de fame, de terror.

Esta muller tamén me falou dos veciños e veciñas perseguidos, agochados no monte e nas cortes do gando; das mulleres rapadas; dos asasinos e dos seus cómplices. Faloume da represión invisíbel, da persecución e da dor interminábel. Gardaba coma un tesouro o libro Aillados, que fala do seu pai preso na illa que case se ve desde a súa casa. Quedamos para falar outro día mais vou precisar máis días para que me desvele a súa enciclopedia do esquecemento. Díxenlle que queriamos organizar no mes de marzo un acto en homenaxe do seu pai e os ollos enchéronselle de emoción e de orgullo.

Despois de tantos anos, aínda se laian algúns de que queiramos saber o que pasou, de que mundo silenciado vimos, e sinto con máis forza a obriga de saber, de pronunciar os nomes das vítimas, de sacalos da escuridade dos arquivos militares e da letra fría dos rexistros civis, de poñelos en letra escrita nunha historia que aínda non está contada e que reclama xustiza.

Na memoria de Eligio Rey Freijanes e de todas as persoas que foron encarceradas, perseguidas, aldraxadas, encerradas no xigantesco cárcere e enterradas no inmenso cemiterio do franquismo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário