Diario de Ferrol. N.V. Ferrol 23/9/10
Nun concurrido acto na capela do Centro Torrente Ballester, o historiador Bernardo Máiz presentou o seu novo traballo de investigación “Castelo de San Felipe. Cárcere e morte” (Edicións Embora). Un documentado volume no que recolle a memoria máis negra dun monumento que foi cárcere franquista e lugar de fusilamento na década dos 30.
Máiz, que aporta documentación nova sobre o castelo e os seus usos, falou do proceso de investigación despois de que boa parte dos seus arquivos se perdesen no traslado á Coruña. “A tres feitos debo o ter dado con documentación –salientou–: a ser un vello historiador, á miña intuición e ao labor do Arquivo Intermedio Militar do Noroeste de Ferrol”.
En canto á temática do traballo, o historiador dixo que tratara de fuxir “de empatar historias dramáticas, xa que a grandeza monumental do castelo merecía outro trato, non só como lugar de morte”. Así mesmo, salientou que agardaba “que o autoritarismo e a barbarie non triunfen nunca máis”, e rematou a súa intervención lembrando uns versos de Labordeta, a quen cualificou de “amigo e colega”.
Memoria pétrea - O libro presentado onte forma parte do plan director de usos do castelo de San Felipe, no que traballa o arquitecto Iago Seara que foi quen encargou a Bernardo Máiz a elaboración do traballo. Seara salientou que “o castelo ten unha memoria pétrea, pero tamén unha memoria dos homes e mulleres que nel viviron. Na tarefa de fixar e limpar a memoria é clarificador este preciso estudo”.
Pola súa banda, tamén participou no acto o investigador ferrolán Eliseo Fernández, que salientou o valor do traballo de Máiz e equiparou a historia á memoria histórica: “Hai quen pensa que a dor ten que quedar fóra da historia, cando tamén é historia. E aquí Bernardo fixo un percorrido polas persoas que viviron e padeceron nese monumento”. Así mesmo, definiu a Máiz como “un home que loita polo que é xusto, xa sexa a defensa da súa terra, da historia ou do ensino”.
Pola súa parte o historiador Emilio Grandío sinalou que Ferrol estaba a ser a “punta de lanza na recuperación do noso pasado, algo que en boa parte se debe a Máiz”. Grandío cualificou o estudo do historiador mugardés como “cheo de sensibilidade”, salientando que grazas ao seu traballo o castelo de San Felipe fica como “a memoria da represión en Galicia”.
Nenhum comentário:
Postar um comentário