O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sexta-feira, 24 de setembro de 2010

Salvar a memoria do exilio



O Museo da Emigración Galega dixitaliza en Bos Aires fichas e documentos do antigo Centro Republicano

JOSÉ LUÍS ESTÉVEZ - Bos Aires - 18/09/2010
Un pedazo da historia de España descansa hoxe en día nos almacéns do Museo da Emigración Galega (Mega) de Bos Aires, unha institución que alberga desde 2005 os fondos do antigo Centro Republicano da capital porteña e que emprendeu un proceso de clasificación dese patrimonio. Fai uns días terminaron os traballos de restauración das máis de 5.000 fichas de membros do centro, que contaba nas súas filas con persoas tan ilustres como Castelao, Arturo Cadrado ou Lorenzo Varela. O seguinte paso será a apertura, antes de fin de ano, dunha sala no museo dedicada á República e a Guerra Civil.

A Pasionaria anima nunha carta aos emigrantes a loitar contra a ditadura.

O subdirector do centro, Miguel Chiloteguy, explica que entre os proxectos do museo tamén se atopa a dixitalización de máis de 70.000 artigos xornalísticos sobre a Guerra Civil e o exilio que forman parte do arquivo do Centro Republicano, extinguido a finais da década dos anos setenta tras a chegada da democracia a España. Os fondos foron doados á Federación de Sociedades Galegas de Arxentina (propietaria do Mega) pola orientación ideolóxica que esta institución mantivo ao longo da historia. Na actualidade aínda se mantén ese apego aos ideais republicanos e cada mes de abril a federación celebra unha homenaxe á República nun teatro próximo ao propio museo.

Chiloteguy apunta que a restauración das fichas dos republicanos españois permitiu ao Mega dotarse dun modelo propio para o tratamento de documentos antigos que agora se pon a disposición doutras entidades españolas en Arxentina que desexen restaurar os documentos que posúen.

"Moitas institucións teñen material de interese e sería bo poder traballar con elas para conservalo. Nós chegamos a un acordo cunha universidade de Bos Aires para formar persoal especializado e hai outras universidades que están dispostas a colaborar", indica o subdirector deste museo arxentino.

Ademais das fichas restauradas no arquivo atopáronse documentos de interese histórico, como unha carta de Dores Ibarruri, A Pasionaria, na que anima á Federación de Sociedades Galegas a persistir na súa loita contra o franquismo ou tamén varias misivas de simpatizantes republicanos que agradecen a esta institución o envío de fondos para poder abandonar España, onde eran perseguidos, e viaxar a Arxentina para exiliarse.

A Federación de Sociedades Galegas naceu en 1921 en Bos Aires e tiña como obxectivos "a redención do campesiño galego, a superación do atraso económico e cultural de Galicia e a liberdade do conxunto do pobo español". Nos anos 30 a federación adheriuse con entusiasmo á II República e chegou a contar con dous deputados nas Cortes, Ramón Suárez Picallo e Antón Alonso Ríos. Tras a Guerra Civil, converteuse nun ariete permanente contra o réxime franquista e no principal ámbito de actuación dos intelectuais exiliados. O seu momento de esplendor atravesouno na década dos cincuenta, cando chegou a agrupar a 58 entidades con 15.000 socios. Na actualidade a federación está integrada por 14 sociedades.

Nenhum comentário:

Postar um comentário