O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sexta-feira, 19 de agosto de 2011

O BNG pide unha rúa para Ánxel Casal na Coruña


No 75º aniversario do seu asasinato, o 19 de agosto

XORNAL.COM 18/08/2011
O BNG da Coruña solicita unha rúa para Ánxel Casal xusto un día antes de que se cumpran, o 19 de agosto, 75 anos do seu asasinato a mans das forzas fascistas de Franco. O Bloque aposta así por "lembrar a súa figura e dignificar e pór en valor a tantos homes e mulleres que como Casal morreron por defender a legalidade, a liberdade, unha sociedade máis xusta e unha Galiza dona do seu futuro".

Ánxel Casal naceu na praza da Fonte de Santo André da cidade da Coruña o 17 de decembro de 1895, foi un membro moi activo das Irmandades da Fala e fundou na Coruña en 1924 a editorial Lar, xunto a Leandro Carré Alvarellos, na que se imprimiron a revista A Nosa Terra, na que participou Ánxel Casal na súa creación en 1916, e a revista Nós. No ano 1927 funda a editorial Nós, pubricacións galegas e imprenta. En 1931, Casal trasládase a Compostela, instalando a súa imprenta na casa que lle empresta Camilo Díaz Baliño. Editou literatura, ensaio, historia, propaganda, ademais de ser o editor dos grandes da nosa cultura como Otero, Risco, Castelao, Cunqueiro, Vilar Ponte, Blanco Amor, Manuel Antonio, Cabanillas…

Ao mesmo tempo, Ánxel Casal tamén foi mestre nas Escolas do Insiño Galego que funcionaron na Coruña entre o ano 1924 e 1930, escolas gratuítasnas que se aprendeu por primeira vez en galego e que naceron tras a proposta do propio Casal, que presentou a iniciativa ás Irmandades da Fala en xullo de 1923. O primeiro local destas escolas estivo na praza de María Pita, 17, baixo e máis tarde na rúa Real, 36, 1º. Por elas pasaron cen alumnos, entre outros, Pedro Galán Calvete e Jenaro Marinhas del Valle. Tamén foi membro moi activo do Conservatorio de Arte Galego da Coruña, co que colaborou na posta en escena de varias obras de teatro galego,

En 1931 participa na creación do Partido Galeguista, ao que representará nas eleccións do ano 1936 saíndo elixido concelleiro e, posteriormente, alcalde da cidade de Santiago de Compostela. Tamén foi vicepresidente da Deputación da Coruña e membro do Comité Central da Autonomía. De volta de entregar en Madrid o Estatuto é obrigado a abandonar a presidencia municipal. O 4 de agosto de 1936 ingresa no cárcere de Santiago e o 19 desde mesmo mes aparece o seu corpo nun foxo de Cacheiras.

Castelao dixo que "Casal por Galiza fixo máis que todos nós". A arma deste home, ao que os seus amigos definían como persoa amábel, cortés, teimudo, de gran corazón, amigo dos seus amigos, loitador e traballador incansábel era, como lembra o BNG coruñés, "a súa fábrica de palabras situada primeiramente na rúa Real da Coruña e logo na rúa do Vilar de Compostela"

Nenhum comentário:

Postar um comentário