O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quinta-feira, 9 de fevereiro de 2012

Escrito da AGH ao Alcalde e Corporació​n municipal de Monforte de Lemos

A Asociación Galega de Historiadores (AGH), que se nega a dar por finalizado o vergoñento episodio da rúa concedida a Manuel Fraga Iribarne, dirixida ao Alcalde de Monforte:

"A AGH vén de lle enviar ao alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez López, un escrito referido ao nomeamento dunha rúa desa localidade ao ex-ministro franquista Manuel Fraga.

No escrito a AGH presenta a súa 'enérxica repulsa' diante do devandito acordo, instando ao presidente da cámara municipal a que encabece a iniciativa institucional, a través dunha moción e por hixiene democrática, de cara a dar marcha atrás nese erróneo acordo".

Máis en:

Pola miña banda, e dende a concordancia coa nota devandita, só quero engadir algunhas consideracións:

a) Non coñezo ningún outro posicionamento colectivo ao respecto, nin de organización ou corrente política como tal (outra cousa son os escritos duns e outros nas páxinas web do MGS e de Máis Galiza, ou as opinións individuais), nin de colectivos de memoria. Por razóns que eles saberán, prefiren mirar para outro lado contribuíndo ao desarme ideolóxico, á desmoralización do persoal e ao lavado de cara dun fascista e do réxime político xurdido da chamada Transición que influenciou de xeito notorio.

b) O asunto non fixo máis que se agravar dende hai unha semana: primeiro, o retórico perdón solicitado polo Alcalde, sen ningún propósito da enmenda; segundo, as declaracións da concelleira Vega Buján, moi preocupada en atender ao electorado do PP, mediante o máis groseiro oportunismo político que nos leva ás verdadeiras razóns de por qué o bipartito se foi ao tacho con moita máis pena que gloria; terceiro, lamentable respaldo da Asemblea Comarcal do BNG con maioría Máis Galiza-EI, á postura do Alcalde; cuarto, silenzo sepulcral da corrente maioritaria do BNG que tamén agacha as súas contradicións (velaí ao alcalde de Carballo, Evencio da U de toda a vida, gardando un minuto de silenzo na honra de Fraga) e o tacticismo aplicado á triste situación interna, o que non impide posicionamentos dignos neste tema aquí e acolá (Parlamento español, concello de San Cibrao,...). En calquera caso, o magma en que se converteu o BNG non sae con ben deste asunto, sintomático máis unha vez (e van...) da falla de coraxe e vontade política para levar adiante unha alternativa estratéxica en clave de rexeneración democrática, soberanía nacional e contestación radical ao capitalismo depredador, que moita xente potencialmente agardaría e que observa o presente estado de cousas con sereno e desesperanzado escepticismo.

c) O mutismo do movemento memorialístico, é, así mesmo, un síntoma preocupante.

d) Tras o acontecido nesta semana, sen esperanzas xa de propósito da enmenda por parte do Alcalde e das dous concelleiras do BNG de Monforte, só cabe pedir a súa demisión inmediata, como inmediata debería de ser a retirada de Fraga do rueiro monfortino e a reparación que se debe á memoria das vítimas do franquismo.

Obrigado pola vosa paciencia e tamén polas vosas opinións e reflexións.

Saúde.

Dionísio Pereira

Um comentário: