O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quarta-feira, 26 de junho de 2013

Finalizacion do Proxecto Nomes e Voces


Caros colaboradores do Proxecto Nomesevoces,

Escribímosvos para informarvos que este venres o Proxecto Nomes e voces co que xenerosamente colaborastes desaparece na súa forma actual despois de 7 anos e un mes de traballo.

Nos últimos 3 anos o nivel de actividade reducírase, substituíndo a recollida de información polas actividades de mantemento e xestión da documentación e das bases de datos, asesoría doutros proxectos galegos e de fóra de Galicia (Navarra, El Salvador, Túnez,?) e a xestión da páxina web, que seguía moi activa con máis de mil consultas mensuais.

Resistimos até hoxe con pequenos proxectos, un convenio coa Deputación de Lugo e máis o apoio da USC e do seu Departamento de Historia Contemporánea e América, mantendo aínda tres persoas contratadas a quen coñecedes ben: Xurxo Pantaleón Cadilla, Andrés Domínguez Almansa e Chus Martínez Domínguez. A fin deste mes rematan os seus contratos e por iso damos o proxecto por concluído na súa versión e formato actual. Manteremos aberta a web www.nomesevoces.net, co mesmo nivel de acceso á información que neste intre existe pero sen actualización, o acceso aos fondos que non estean xa en rede fica choído, non se poderá seguir cos traballos de mantemento interno das bases de datos e tampouco poderemos facer (como aínda facíamos ocasionalmente) recollidas de material inédito y sensible a perderse.

Disto todo queríamos darvos conta antes de facelo máis público. Resistimos desde o 2009 en circunstancias complicadas, cando todos ao noso carón supuñan que teriamos que liquidar de inmediato o proxecto. Co mesmo optimismo aínda agardamos lograr algúns dos proxectos competitivos que solicitamos no últimos meses para podermos retomar a actividade no ano vindeiro. Onte cunha agradable cea despedímonos como se merece quen puidemos xuntarnos.

Crestes no proxecto e fostes xenerosos co voso tempo cando vos solicitamos colaboración, respondestes sempre en positivo e puxestes a vosa experiencia a disposición deste proxecto. Cooperastes e cooperamos de forma encomiable e aí están os resultados colectivos. Todos e todas tentamos actuar ademais sempre como persoas optimistas e coa alegría que aporta calor humano para a non sempre doada cohesión que require un traballo colectivo como o que desenvolvemos. Por iso, en nome de todos e todas os investigadores e investigadoras que traballaron e fixeron o proxecto neste ano e máis dos coordinadores, e en nome deles, quero dirixirvos o noso recoñecemento máis sincero, o noso inmenso agradecemento, máis un cadoiro de bicos e un bo feixe de abrazos.

Asdo.
Lourenzo Fernández Prieto,
en nome dos investigadores de NomeseVoces e dos coordinadores Dionisio Pereira, Xulio Prada, Xosé M. Núñez Seixas e Emilio Grandío

Lourenzo Fernández Prieto
Depto.Historia Contemporánea e América
Universidade de Santiago de Compostela
15782-Santiago de Compostela. Galicia-Spain

Nenhum comentário:

Postar um comentário