A Fundación Moncho Reboiras-FESGA conmemora o 82 aniversario da
declaración da República Galega en Ourense e Compostela no marco do
conflito do camiño de ferro (25,26 e 27 de xuño de 1931) coa publicación dunha curta documental
que analiza uns acontecementos históricos que amosan a íntima
implicación entre a liberación nacional e as loitas obreiras no noso
país. A video-reportaxe, de 13 minutos de duración, foi coordenada por
Manuel Mera e realizada por Bernal Rúa, e conta coas intervencións dos
historiadores Xerardo Dasairas e Uxío-Breogán Diéguez. O audiovisual
complementa á publicación “As folgas do ferrocarril Zamora-A Coruña de
1931-32″, que aínda que xa viu a luz aproveitamos para relanzar.
As folgas do ferrocarril Zamora – A Coruña de 1931-32 (protestas, solidariedade popular e declaración do Estado galego)
*Podes visualizar o caderno aquí en pantalla completa
*Podes descargar aquí en pdf o caderno
A proclamación do Estado Galego en 1931 está ligado á clase obreira
Ás veces o pasado anticípase ao futuro. Tal é o caso da estreita
relación que hai entre a proclamación do Estado Galego en 1931 e o
movemento obreiro, que daquela era unha forza emerxente, moi cativa, en
comparanza cos labregos/as. Hoxe non se pode pensar en ningunha
transformación, aínda a máis pequena, sen ter en conta á clase obreira,
xa que é maioría social no noso país, e máis organizada para alén da
burguesía. Fagamos un pouco de historia. Hai agora oitenta e dous anos
proclamábase, en varios lugares de Galiza, o Estado Galego, ao abeiro da
conflitiva situación do momento: agromar da Segunda República española e
das arelas de liberdade das nacións oprimidas da periferia, e da folga
dos obreiros contratados para a construción da vía Zamora-Ourense-A
Coruña. A República proclamouse o 14 de abril de 1931, nun proceso que
abriu unha enxurrada de rápidas mudanzas moito tempo contidas.
O 18 de abril ORGA convocaba unha asemblea para debater a formación
dun gran partido nacional galego e levar ás Cortes o proxecto de
constitución do Estado Galego. O 4 de xuño celebrouse na Coruña a
reunión presidida por Antón Alonso Ríos. Nesta asemblea acordábase: o
recoñecemento da igualdade de dereitos políticos entre o home e a
muller, a definición de quen é galego/a e a condición dos cidadáns
españois na Galiza, e afirmábase a Galiza como un Estado autónomo dentro
da República española. Un bo comezo que atoparía unha morea de
atrancos, por mor das resistencias do centralismo e pola inconsistencia
política da propia ORGA.
Un día antes do comezo da asemblea da Coruña paralizábanse as obras
do camiño de ferro entre Zamora-Ourense-A Coruña, así como tramos do de
Ferrol a Xixón. Esta decisión tería unha ampla repercusión política e
social no país. A paralización atinxía a 12.000 “carrileiros”, un número
inmenso para economía da época.
A suspensión das obras do ferrocarril abriron unha fronte social e
política en Galiza, orixinando a creación de comisións populares, como a
do Carballiño, vila na que dimitían os concelleiros e decidían absterse
nas eleicións para as Cortes Constituíntes do 28 de xuño. En Ourense, o
pobo organízase en Asemblea Permanente. Sucédense as reunións co
goberno en Madrid e as mobilizacións, como a que se fixo en Compostela o
17 de xuño, na que participaron 800 labregos da comarca do Ulla
afectados pola suspensión; ese mesmo día facíase na cidade unha asemblea
a prol do tema á que acudiron 600 veciños e na que falou o alcalde.
A resposta dos obreiros do camiño de ferro (os carrileiros) non é
casual, xa que existían precedentes, tal como nos di Dionisio Pereira
(no seu libro Sindicalistas e Rebeldes): “Proclamada a República no
tramo que transcorre pola bisbarra de Monterrei prodúcense diversas
folgas para acadar melloras laborais (…) Andando 1931, imítanos os peóns
e canteiros da zona de Vilar de Barrio que, en número de 1.000, perden
9.000 horas de traballo con idéntico obxectivo.”
A medida que se achegan as votacións a presión institucional e social
faise máis forte, tamén as reivindicacións cun claro matiz político. Os
obreiros do ferrocarril reunidos en Compostela deciden levar ao pleno
que se vai celebrar en Ourense, entre outras propostas, a inmediata
declaración do Estado Galego. Ás dúas da mañá do 25 de xuño, unha morea
de xente concentrada fronte ao Goberno Civil dirixiuse ao concello de
Ourense e izou a bandeira galega, un mozo dirixiuse aos concentrados
declarando constituída a República Galega. O 26 de xuño de 1931,
reuníanse na cidade 26 delegacións de toda a Galiza para asistir á
asemblea sobre a suspensión das obras. Os operarios acordaron convocar
folga xeral para o día seguinte.
Os xornais salientan das reunións a
intervención de Antón Alonso Ríos, como presidente da Comisión
Permanente a Prol do Estatuto. Tamén chegaron unha morea de obreiros
afectados pola paralización, a maioría deles da comarca do Carballiño.
Na noite dese día un grupo de manifestantes asaltou o edificio do
Goberno Civil, rachando a bandeira tricolor e erguendo a bandeira galega
ao berro de ¡Viva Galiza ceibe!
Ao día seguinte, o 27 de xuño, en Compostela dábase un paso máis, ao
proclamar o Estado Galego e aclamar a Antón Alonso Ríos como Presidente
do Goberno provisional. Isto acontecía logo dun gran mitin na Alameda,
despois do cal os asistentes trasladáronse á casa do Concello, onde se
izou a bandeira galega.
Ante a falta de respostas claras, os ánimos foron fervendo entre os
traballadores de xeito tal que o 27 de xuño, relata o xornal El Pueblo
Gallego, despois dunha manifestación en Compostela, izouse a bandeira
galega no balcón da casa do Concello e proclamouse o Estado Galego.
Dimitiron todas as autoridades e pedíuselle a Antón Alonso Ríos que
ocupara a presidencia provisional da Xunta Revolucionaria.
Podemos tirar como conclusión destes feitos históricos que, malia o
carácter simbólico das proclamacións da República Galega, reflicte ben o
estado de ánimo da poboación, as súas arelas e reivindicacións. Ao que
temos que engadir, que o movemento obreiro tivo un papel de vangarda na
reclamación soberanista e que os militantes galeguistas (nacionalistas)
que viñeron da emigración, tal é o caso de Antón Alonso Ríos e Pedro
Campos Couceiro, ligados á Federación de Sociedades Galegas e á
Sociedade Nacionalista Pondal, demostráronse como fundamentais para
ligar o sentir social coa cuestión nacional.
Manuel Mera Sánchez, director da Fundación Moncho Reboiras
Nenhum comentário:
Postar um comentário