Manuel Couto, xunto aos seus fillos Lolita e Gerardo |
Publican as vivencias dos dous anos de escapada de Manuel Couto
O ano dedicado á Memoria Histórica deixouse no
tinteiro moitas historias locais da Guerra Civil. Dous delas acaban de
ser recuperadas pola asociación Vagalumes. Onte presentou o diario dun
republicano estradense que viviu máis de dous anos «escapado» e mañá
brindará unha homenaxe pública a Higinio Carracedo, un heroe da
resistencia antifranquista que foi capturado e abatido a tiros na
parroquia de Somoza.
Memorias dun proscrito é o título da publicación
que recolle as vivencias do veciño de Guimarei Manuel Couto Chan. O
texto está dispoñible na web www.tabeirosmontes.com, onde se pode consultar tanto o manuscrito orixinal como a versión transcrita.
Couto era orixinario de Couselo (Cuntis) e
rexentou varios negocios en Arxentina. En 1926 regresou e abriu unha
carnicería na praza de abastos da Estrada. No 34, co gallo da revolta de
Asturias , foi acusado de cortar a liña de telégrafo e ingresou en
prisión. No 36 indultóuselle. Foi presidente do Partido Republicano
Radical Socialista da Estrada, segundo tenente alcalde e deputado
provincial. Co estalido da Guerra Civil converteuse nun dos líderes
republicanos máis buscados.
Cando a finais de xullo Manuel Couto decatouse
de que figuraba na lista negra dos falanxistas, botouse ao monte. En
principio dirixiuse cara á zona de Cuntis, que coñecía ben. Camuflouse
no monte Xesteiras. Despois viviu escondido nalgunhas casas de
Guimarei. Acabou dirixíndose cara a Somoza, onde foi localizado o 28 de
novembro de 1938 na contorna do domicilio do seu camarada Higinio
Carracedo. Falanxistas e Gardas Civís atopárono escondido, xunto a
outro escapado de Guimarei, nun alpendre, baixo unhas táboas sobre as
que se almacenaba toxo.
Manuel Couto e o seu compañeiro foron
torturados para que sinalasen onde se atopaba Carracedo, pero non
chegaron a desvelar o seu agocho na cheminea do forno. Tras a detención,
Manuel Couto estivo preso na Estrada, onde se lle fixo entrar
esnaquizado e atado ao rabo dun cabalo da Garda Civil. Estivo
prisioneiro tamén na Parda, O Dueso e finalmente no campo de
concentración de Brunete, en Madrid. Alí pasou 10 anos condenado a
traballos forzados, picando pedra en condicións infrahumanas. No 45 foi
indultado e volveu á Estrada. Tiña tuberculose e faleceu un ano despois.
Nenhum comentário:
Postar um comentário