Un concelleiro da Fronte Popular de
Paradela, agochado como 'topo' durante 7 anos en Escairón
(Saviñao) deixou testemuña escrita daqueles días dramáticos de Xullo de
1936, testemuño que hoxe deixa, cando menos parcialmente, de ser inédito
e facemos público para divulgar, os nomes, os lugares e os feitos dunha
represión que está por descubrir
O Concello de Paradela, e de xeito moi
particular o lugar de Castro de Rei de Lemos, rematou por tornarse no
epicentro da represión franquista nas Comarcas de Lugo até o punto de
que durante moitos anos na da Comarca de Sarria acudíase ao dito “ Que
veñen os de Paradela” para meter medo a nenas e nenos.
Os particulares homes do saco deste Concello escribiron en sangue
unha das páxinas máis terríbeis do franquismo na nosa nación, até o
punto de que nun Concello que chegaba mal aos 5000 habitantes o número
de fusilados acadou a cifra de 16, o de paseados o de 20 e o de detidos o
de 200. A todo isto deberiamos de sumarlle a represión contra as
mulleres, que se xeneraliza a partir do 29 de Xullo cando o Concello é
tomado polos alzados, e que como foi e é norma rematou por converterse
en todo un exercicio de violencia sexual onde destacaron os falanxistas
de Sarria, dirixidos polo militante do Partido Nazi Mario González Zaera
e “Escadra Negra” de Bóveda.
Un concelleiro da Fronte Popular de Paradela, probabelmente veciño de
Castro de Rei de Lemos, agochado como topo durante 7 anos en Escairón,
capitalidade do Concello de Saviñao, deixaría testemuño escrito
daqueles días dramáticos de Xullo de 1936 en Paradela, testemuño que
hoxe deixa, cando menos parcialmente, de ser inédito e facemos público
para divulgar, os nomes, os lugares e os feitos dunha represión que está
por descubrir. O documento cuxo orixinal atopa acubillo no arquivo da
familia do recentemente falecido e nunca ben chorado Andrés Páramo, o
último cidadán acorde á vara de medir do que foron aqueles republicanos a
medio camiño entre o século XIX e XX, foi atopado vai para dez anos
mentres se acometían unhas obras de reforma nunha casa de Escairón onde o
seu suposto autor permaneceu aloxado fuxindo das bestas, fosen de
Bóveda, Monforte, Sarria ou Paradela.
A dureza extrema da represión que se viviu neste Concello da Comarca
de Sarria non se explica sen reparar o proceso que se da en Paradela ao
longo do período republicano, e de xeito moi concreto en dous momentos
de máxima tensión como os que se viviron en Outubro de 1934 e xa
posteriormente após o 18 de Xullo. Se ben cando se fala da resistencia á
sublevación e da chamada a defender Lugo dos fascistas feita polo
Gobernador civil García Núñez, cuñado de Xerardo Álvarez Gallego, a
historiografía e certa mítica lévanos a núcleos de concentración
operaria como Viveiro, Monforte ou A Pontenova, lugares das terras de
Sarria como a propia capitalidade do Partido Xudicial pero tamén Láncara
ou Paradela non van ficar atrás. Así se explican logo os feitos que
hoxe sacamos do silencio, feitos que retratan a represión nesta zona
pero tamén nas terras da Ribeira Sacra, o “modus operandi” dos asasinos
pero tamén os seus móbiles e por suposto o martirio e o final das
vítimas. Non é este documento que hoxe damos a coñecer un texto
excepcional pero si unha información de primeira mao que lle pon nome
aos verdugos, que lle da nome aos vítimas e que como outros tantos
manuscritos deste tipo existentes noutros territorios galegos, remata
por converterse nunha auténtica causa xeneral, esta sí argumentada e
chea de xustiza, contra o fascismo.
Neste inventario de brutalidade un dos crimes que máis pouso de
terror deixaron ao longo da Comarca foi o de Perico de Caraba ás beiras
do Río Loio a dous kilómetros da Casa do Concello. O noso cronista
deixou escrito nos seus papeis que: “Houbo quen o sentiu berrar, de
Pacios e outros pobos, que desconsolaba ver o que fixeron con el antes
de fusilalo, e unha vez que tal feito se consumou estes criminais
chegaron moi contentos ao cuartel de Pacios, ou sexa o de Paradela,
contándollo aos seus xefeciños e entón dixéronlle ao cociñeiro: “Un
lacón máis ao pote que xa hai outro porco morto”.Porén os paseos comezaran o 10 de agosto,
“xa de regreso a Bóveda, e no lugar do Espiño, onde colleron ao
republica Alexandre López ao que levaron con eles e ao baixar o monte
coñecido polos “Carrascais” de Teilán asasinárono covardemente
cruzándolle o peito a tiros segundo o levaban diante. Mandaba esta
escuadra o famoso Louredo de Bóveda”.
Non tivo mellor sorte Dositeo Pérez Fernández, natural de Bustaregas
en Castro de Rei de Lemos, que andaba agochada en Gondar de Alosende e a
quen unía amizade e militancia con dous obreiros portugueses, dos
dirixentes operarios máis recoñecidos da zona á cuxa cabeza tiñan posto
prezo, que traballan nas contratas do ferrocarril, o “Bento” e o
“Ferreira”. Este noso Dositeo morreu a mans dun amigo, segundo informa
nestes papeis o noso veciño de Castro de Rei de Lemos, que ao saber quen
era o morto afirmou “Que se joda para nos o matar é unha honra” O
crime atribuído nesta crónica a “Amieira de Villaesteba”, persoa ao
parecer vinculada a “Banda Negra de Monforte” retrátanos o particular
libro de estilo daqueles días ao poñer na boca deste a seguinte
afirmación: “Mira, o teu sogro é gordo, pero seis máis gordos aínda chos
deixamos tirados como seis porcos na estrada, e aínda tiñan ben cartos,
que eramos catro e tocáronos a vinte e tres pesos e unha peseta e tres
reloxos e algúns botóns de ouro”.
As cuartillas que estamos sacando a luz non se limitan a relatar o
acontecido naqueles últimos días de Xullo que tamén veñen a ser os
últimos da II República, o autor que as redactou neses 7 anos agochados
en Escairón tenta analizar e explicar o por que do acontecido ao tempo
que se converte nun autentico fiscal do franquismo, analizando coa
claridade que só un esquema mental apartado do dogmatismo é quen de
explicar os factores que se conxugan para dar a resultante que relata.
Nun texto onde aparecen os grandes dirixentes políticos Fronte Popular
da zona como Páramo de Sarria, López Armesto de Paradela, Cela de
Láncara ou Dosío, non poden faltar os nomes dos dirixentes da reacción
comezando polo secretario de Nicolás Franco, deputado cedista,
posteriormente executado polos propios falanxistas e home forte da
dereita en Lugo, “o ex deputado Saco que se presentou na feira de
Castro cos seus compinches, e foi tal a borracheira que alí mesmo
asasinaron a un compañeiro da Falanxe”.
Para continuar o relato “alí lucíanse os xefeciños da Falanxe, tais
como o Médico Don Pedro Gudín, o Dentista San Cristovo de Martiño, O
Rubio de Vilamaior, os seus veciños David de Bustaregas, a estes dous
últimos non os cito como xefazos senón coma veciños”. Á par dos
falanxistas aparecen as forzas conservadoras que operaron como autentico
grupo dirixente, no campo sublevado, de xeito moi particular o elemento
militar e eclesiástico até o punto de afirmar o noso informante que “non
lles importaba que quedasen orfos e viúvas, pois tanto a eles como aos
cregos, non se lles escoitaba outras palabras agás “que había que acabar
con nos”, “que a mala herba”, dicían os que din ser ministros de
Cristo, “que había que cortala”. Reparade en quen dí isto, os que
levando a Cristo de careta foron o móbil de todo o que ocorre en España,
moi orgullosos dos crimes que cometían os esbirros da Falanxe, que ao
seu servizo cometían os brutais crimes”.
A información que hoxe ve a luz por primeira vez non é máis que unha
mínima achega ao legado memorístico desde militante da Fronte Popular de
Paradela, un legado que cómpre difundir na súa totalidade, pero que
debe ser tamén aguillón que anime a sacar a luz centos de textos coma
estes, tamén inéditos, que gardan arquivos particulares familiares. A
verdade e a memoria das vítimas esíxeno.
Nenhum comentário:
Postar um comentário