O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sábado, 1 de fevereiro de 2014

A historia do habitante máis misterioso das Fragas pontesas

A pesar de que apenas falaba era moi querido e o seu enterro custeouse entre os veciños, que nunca chegaron a coñecer as súas verdadeiras orixes
Xaquín ou Xoquín dás Herbas foi un personaxe real, aínda que o que se conta del poida soar a mitológico. Durante máis de dúas décadas (entre o ano 1936 e 1958) viviu entre as árbores da Fraga e sempre fuxiu da xente, aínda que terminou gañándose o cariño de moitos dos seus veciños.
 
« Sospéitase que era un canteiro anarquista e que veu esconderse a esta zona, como tantos outros, pero apenas falaba cos veciños, supomos que por medo a que o delatasen», explica Antonio Castro, concelleiro dedicado ás zonas rurais e que chegou a coñecer a este home, do que asegura que era un intelectual. « Gustáballe moito ler», di. Castro laméntase da vida que tivo que levar e recorda que houbo outros casos nas Pontes de persoas que tiveron que vivir moitos anos escondidas. «Un estivo preto de 30 anos sen saír da súa casa por medo a que o detivesen», conta.
 
Autosufiente
Castro recorda que cando morreu participou nunha colecta, encabezada por outros represaliados que tamén tiveron que botarse ao monte para non ser detidos. «Pedimos por case todas as casas para pagar o enterro e todo o mundo quixo contribuír, todos menos o cura que cando terminou a misa cobrounos».
 
Boa parte dos habitantes das Pontes recordan a este home que era totalmente autosuficiente: facíase a súa roupa con restos de peles e sempre levaba unhas curiosas polainas para resgardarse do frío. Nunca pediu comida ou aceptou algún prato quente, porque prefería buscar insectos, herbas silvestres e raíces para confeccionar a súa dieta. «Tal vez fose o primeiro vegetariano das Pontes», reflexionan algúns dos que escoitaron dos seus maiores a historia deste personaxe que ten un espazo no rueiro e tamén nos folletos turísticos que se acaban de editar para promocionar os circuítos turísticos na vila. Hai unha árbore centenaria cun gran oco no tronco e que está ao pé da denominada Ponche Vella da que se di que era a súa morada principal.
 
A vida de Xaquín -do que algúns sospeitan que era de Pontevedra, mentres que outros fixan a súa orixe en Lugo- foi, en calquera caso, moi dura. Nunca tivo, nin quixo ter unha casa convencional ou un traballo ao uso. «Todos sospeitabamos que era para que non o descubrisen, aínda que algunhas cousas fixo sobre todo de cantería e era un fenómeno», apunta Castro. Tamén axudou a algúns agricultores nas tarefas, pero sempre coa condición de pasar completamente inadvertido.
 
A medida que se fixo maior comezou a perder o pánico a atoparse coa xente ou as autoridades e sentábase preto dalgún camiño. Seguía sen pedir comida ou diñeiro, pero como xa non tiña forzas aceptaba os anacos de pan que lle daban os veciños. Morreu un inverno do ano 1958 no bosque. E desde entón nas Pontes ségueselle recordando: fixéronselle cancións, cadros e incluso se reclamou unha praza co seu nome.

Nenhum comentário:

Postar um comentário