O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

sábado, 22 de fevereiro de 2014

Persoeiros da Corporación de Amoeiro na II República: “Pucha”

 
Persoeiros da Corporación de Amoeiro na II República (1931-1936): José María González González  (“Pucha”)
 
O domingo 15 de xuño deste ano, ás 12:00 horas, a súa filla Aurora Fernández González recollerá -en solemne cerimonia celebrada na Casa Museo Otero Pedrayo de Trasalba- os galardóns que o Concello de Amoeiro. lle entregará como proba de recoñecemento aos méritos atesourados por D. José María González González.
 
Porque é de xustiza: gratitude, honra e recoñecemento a D. José María González González, Concelleiro e Alcalde de Amoeiro.
 
Concello de Amoeiro - 7 de febrero de 2014
Naceu no domicilio familiar de Os Casares, o mércores 6 de agosto de 1884, á 1 da tarde. Procedía dunha familia labrega, sendo o seu pai de Amoeiro (Antonio González) e a súa nai de Parada (María Antonia). El tamén traballou a terra, logo aprendeu o oficio de carpinteiro e –como tantos outros- emigrou as Américas, fixando en Cuba o seu destino. Parece que non lle fora mal na illa alén dos mares, pois fixo suficiente fortuna como para mercar algún capital en terras cando retornou aos Casares o 4 de decembro de 1927.
 
Antes de ir a Cuba xa casara, e a súa dona –Perpetua Conde- era orixinaria de Mandrás, esa veciño núcleo de Cea que baña os pés no Barbantiño e que senten tan próximo as nosas xentes. Segundo din, ela era unha muller boa e inocente, e el un home pulcro, benquerido por todos, afeccionado a por simpáticos alcumes (nunca ofensivos), e un pouco amarrado á hora de desprenderse dos cartos. Non tiveron descendencia, mais adoptaron a unha nena de 7 anos -Aurora Fernández González-, que era filla dos seus caseiros e seguiu mantendo os apelidos destes. Felisinda Conde, que vive na actualidade nos Casares, é sobriña política de José María e un dos poucos familiares que aínda lle quedan.
 
Quen foi popularmente coñecido como o “Pucha” (sen coñecerse o significado ou a orixe deste alcume), participou activamente na procura do progreso de Amoeiro. Así, formou parte da UGT de Parada, sendo detido xunto a outros moitos membros da agrupación sindical desta parroquia en novembro de 1934, baixo a acusación de “insurrección”. Ao mesmo tempo, “Pucha” foi concelleiro da primeira corporación democrática (Amoeiro, 1931-1936) e Alcalde da mesma dende o 19 de xaneiro ata o 24 de febreiro de 1936; tal período enmarcase entre a renuncia do anterior alcalde por motivos particulares (Manuel Vázquez González) e a restitución na rexencia municipal de Castor Sánchez Martínez por orde do goberno republicano de Azaña.
 
José María Contribuíu, xunto co resto da Corporación, á inxente tarefa de loitar por mellorar as condicións de vida da cidadanía amoeirense, e apoiou as directrices orientadas a mellorar as infraestruturas e a comunicación entre núcleos, coa capital e cos pobos de arredor, a promover a construción de escolas e cantinas escolares, a facilitar o acceso da veciñanza aos servizos do concello e a apoiar tanto o Estatuto de Autonomía Galego como a II República española. Todo elo con ilusión, e moderación.
 
Traxicamente, a súa entrega quebrantoulle gravemente a vida, e pouco lle faltou para perdela. O golpe de estado de xullo do 36 deu comezo a unha persecución feroz –e moitas veces sen normas- contra os gobernos lexítimos da república. E este delituoso ataque á democracia causou a fuxida dos representantes públicos que trataron de salvar a vida. Na primeira fuxida, “Pucha” acompañou a Castor ata o 21 de agosto de 1936, e logo retornou a Amoeiro para agocharse. A pía de pedra sita na corte da súa casa foi un dos lugares no que esquivou as forcadas dos falanxistas, que entraron nese lugar e estiveron a escasos centímetros de atopalo; unha cova localizada na paraxe de “As Castañas” deulle seguranza ata que decidiu abandonala polo temor que lle ocasionaba unha cobra que, de cando en vez, a visitaba.
 
Nesta tesitura, fuxiu a Portugal. Pero alí detivérono os “gardiñas”; estaba moi desaliñado e con longos cabelos, e acertou a dicirlles estas palabras: “si fan o favor, déixenme cortar o pelo que parezo un bicho”, sen embargo, estes replicáronlle: “mais si é un bicho, métase na cova”. Abatido e desarroupado, entregárono na fronteira á garda civil. Unha vez traído a Ourense, foi xulgado e condenado a morte baixo a acusación de “adhesión á rebelión”. Que paradoxo! os insurrectos acusando de rebelión a quen representaba a lei e a vontade do pobo! Estando preso, os gardas sacárono un día dos calabozos e preguntáronlle: “É vostede José González González?”, ao que el respondeu con grande temor: “Non, eu son José María González González”. Tras a conversa, mandárono de novo a cela, chamaron a un home con eses datos que era de Sobradelo de Valdeorras, e fusilárono. Pasado un tempo, conmutáronlle a pena de morte pola de cadea perpetua e, tras case cinco anos no cárcere de Ourense, quedou en liberdade vixiada.
 
Esta breve descrición de atropelos, aldraxes, ignominias e abusos apenas axudan a imaxinar a magnitude dos sufrimentos que padeceron “Pucha”, a súa dona e a súa familia. Á saída de tan penoso encerro, retornou a un territorio hostil, no que asasinaran ao seu alcalde e a algúns amigos, e no que outros tiveran que fuxir; chegou a un lugar amedrentado polo terror da ditadura e –alí- tratou de afrontar a vida.
 
Faleceu no seu domicilio de Os Casares ás 10 da mañá do mércores 25 de marzo de 1970. Tiña 85 anos, e a súa morte foi inesperada xa que aparentaba boa saúde. A causa oficial do pasamento foi a de insuficiencia cardíaca. Un ano despois finaba a súa dona. José María González González, está soterrado no cemiterio parroquial de Amoeiro.
 
Durante a súa vida tivo dor en lugar de recoñecemento, e tras esta veu o ouvido. O 24 de xaneiro, a Alcaldía do Concello de Amoeiro deu inicio ó procedemento destinado a outorgar os méritos que a Corporación de Amoeiro durante a II República tanto merece, e o 30 de xaneiro foi aprobada en Sesión Plenaria Extraordinaria, por unanimidade, a concesión de galardóns que estipula o Regulamento de Honra e Distincións deste municipio. “Pucha” recibirá o Nomeamento de Membro de Honra da Corporación Municipal pola súa condición de Concelleiro, e acordouse, así mesmo, outorgarlle a Medalla de Ouro do Concello de Amoeiro na seguinte entrega de distincións municipais (debido a que Castor Sánchez Martínez e Manuel Vázquez González antecedérono no cargo, e o regulamento só permite dúas medallas cada ano).
 
O domingo 15 de xuño deste ano, ás 12:00 horas, a súa filla Aurora Fernández González recollerá -en solemne cerimonia celebrada na Casa Museo Otero Pedrayo de Trasalba- os galardóns que o Concello de Amoeiro. lle entregará como proba de recoñecemento aos méritos atesourados por D. José María González González.
 
Porque é de xustiza: gratitude, honra e recoñecemento a D. José María González González, Concelleiro e Alcalde de Amoeiro.
 
Nota: relación de compañeiros da UGT de Parada de Amoeiro que foron detidos o 10 de novembro de 1934 xunta a “Pucha” baixo a acusación de “insurrección”: José González Sánchez, Agustín Rivera Suárez, Francisco Seco Lerumbe, Benigno González Caride, Manuel Crespo Crespo, David Dopazo Caride, S. Vázquez Rodríguez, Francisco Dopazo Rodríguez, Alfonso Pérez Nóvoa, Jesús Caride Dopazo e Higinio Dopazo Caride.
 
Fontes: Actas de Nacemento, Defuncións e de Sesións Plenarias do Concello de Amoeiro. Quintas Ferreño, F.J. (2012): Historia do movemento obreiro socialista en Ourense (1895-1936). Fundación Luís Tilve: Santiago de Compostela. Testemuños de familiares.

Nenhum comentário:

Postar um comentário