A. C. Vagalumes Tabeirós-Terra de Montes 30/1/14
Proxección do documental e presentación do libro “Do Piñeirismo ao Consello da Mocedade. O Rexurdir do nacionalismo galego”
O acto terá lugar venres 31 de xaneiro ás 20:30 horas na sala de exposicións de Novagalicia Banco da Estrada
Organizado pola Asociación Cultural “Vagalumes” e coa colaboración da Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza (FESGA) que vén de publicar a obra “Do Piñeirismo ao Consello da Mocedade. O Rexurdir do nacionalismo galego”. Un ensaio da autoría do historiador e profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez do profesor de Filosofía e historiador Xoán Carlos Garrido.
Na devandita obra desenvólvese a evolución do nacionalismo galego desde o golpe militar españolista do 1936 até mediados dos anos sesenta do pasado século. A dicir dos autores, aquel tempo iniciaríase co asasinato dos principais cadros do nacionalismo galego, reconstituíndose no exilio o tecido patriótico galego, tendo como símbolos a Irmandade Galega (1941) e o Consello de Galiza (1944). Ambas institucións terían ao noutrora deputado nacionalista Daniel Rodríguez Castelao, que librara dun asasinato seguro, como máximo referente. Na nosa terra iría agromando un galeguismo eminentemente cultural arredor da figura de Ramón Piñeiro, membro até 1936 das Mocedades Galeguistas, creándose no 1950 o selo editorial Galaxia.
Segundo apontan os autores, unha nova xerazón de mozos nacionalistas apoiados polos vellos exiliados daría lugar no 1963 ao que se daría en chamar Consello da Mocedade. Este organismo estaría en ligazón co Consello de Galiza, goberno galego no exilio, asentado en Bos Aires (Arxentina) e terían como referente ideolóxico máximo a Castelao, xa finado no 1950, e a súa obra central Sempre en Galiza. O Consello da Mocedade tería como presidente ao mariñao Antón Moreda, quen no 1954 relanzara alén mar, xunto outros activistas, as Mocidades Galeguistas e volvera a Galiza no 1961 coa misión de remozar o nacionalismo galego na clandestinidade franquista.
Nenhum comentário:
Postar um comentário