O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quarta-feira, 24 de dezembro de 2014

As Mulleres da Illa e do Upo Mendi

Barco prisión Upo Mendi, fondeado perto de San Simón
Luís Bará en: non des a esquecemento 21/12/14
Para Olga Nogueira, neta de Florinda, que amasaba empanadas de xoubas para os presos do Lazareto e do Upo Mendi   
 
O 21 de outubro de 1938 o barco prisión Upo Mendi ficou fondeado na enseada de San Simón, entre as illas e o lugar da Portela (Redondela). A bordo do barco, case mil presos bascos, cántabros e asturianos malvivían amontoados, sometidos a unhas condicións infrahumanas, comestos pola fame, as pulgas, o frío e a distancia... Na intemperie absoluta, rodeados daquel mar cheo de beleza e de fulgor.
 
Aquela tortura non era igual para todos. Na illa e no barco había presos cuxas familias podían encargar a comida e outras atencións. E había quen non tiña nada, nin o agarimo dos seus, nin o amor dunha nai ou dunha compañeira, nin sequera bágoas para chorar a soidade e o desamparo. Só aquela escuridade, aquela morte en vida, aquel silencio, aquel mar, aquela amargura que o invadía todo.
 
Ata que chegaron elas. Mulleres xenerosas, valentes e solidarias. Ducias de mulleres de Redondela, A Portela, Cesantes e outros lugares da ría, que compuxeron escenas que merecen un lugar de honra no memorial da dignidade, nas páxinas de ouro da Galiza resistente, da Galiza combatente. Mulleres que amasaban bolos de pan e empanadas de xoubas sen pedir nada a cambio. Mulleres que facían potas de cocido que os presos quentaban con velas en botes de pementos morróns. Mulleres que ían camiñando até A Portela a recoller as bolsas de roupa suxa e as devolvían na data acordaba. Mulleres que desfacían as sabas para facer roupa interior e camisas para levarlles aos presos do Upo Mendi. Mulleres que cosían mensaxes nos dobrados da roupa, palabras de agarimo e de alento que eran pequenos lampos de vida no medio daquel horror.
 
Contan as protagonistas desta historia fermosa que fora Faustino da Portela, un mariñeiro humilde, quen tecera aquela rede solidaria. Unha rede que coseron, fío a fío, man a man, mulleres de Cesantes, da Portela e de Redondela, como as fillas de Faustino, como as irmás Josefa e Carmen Rodríguez Esteiro, e Carmen Fernández Domínguez, e Teresa Justo Otero, e Cándida Esteiro, e Filomena Míguez Blanco, e Carmen Crespo Rodríguez, e Serafina Bouzón, e Ceferina Docampo, e Candelaria Araújo, e Narcisa “A Monxa”, e Rosa do Louro, e Lola e María da Vila, e Candelaria, e Gina, e Maruja A Chiquiña, e a nai de Felicitas, e Lourdes ... e Florinda que amasaba empanadas de xoubas para os presos, e Salud, que casou cun bilbaíno...
 
Todas elas, e moitas máis cuxos nomes se perderon nas tebras do tempo, compuxeron unha historia chea de beleza, de grandeza e de heroísmo. A crónica de como, no medio da devastación e do terror, había homes e mulleres que se mantiveron en pé, que se arriscaron, e que tiveron coraxe para levarlle roupa e alimento e agarimo a quen máis o necesitaba.
 
PD Os nomes das mulleres que aparecen citados neste artigo foron extraídos do libro Redondela, crónica dun tempo pasado (Edicións do Castro, 2002), de Gonzalo Amoedo, e do artigo “Unha pequena homenaxe ás lavandeiras de Redondela durante a guerra civil”, de Carlos Antuña Souto. En marzo de 1995 a Asociación de Mulleres Xanela organizou en Redondela unha homenaxe ás mulleres da Illa e do Upo Mendi.