O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quarta-feira, 7 de julho de 2010

Emilio Grandío: “Na Segunda República houbo dúas repúblicas”



O profesor presenta un novo ensaio titulado ‘A Segunda República en Galicia. Memoria, mito e historia’

XORNAL.COM 07/07/2010 -Emilio Grandío é un home dedicado a descifrar o pasado. Profesor Titular de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela, este investigador conta cunha longa traxectoria as súas costas. Grandío desenvolveu un gran número de estudos e investigacións sobre a II República, a Guerra Civil e o Franquismo. Este historiador presentou onte unha nova obra sobre un período determinante para o transcorrer do século XX. Co título A Segunda República en Galicia. Memoria, mito e historia (Ediciones Trea), Emilio Grandío tenta poñer luz sobre unha etapa esencial da nosa historia máis próxima que, segundo moitos, é unha gran descoñecida para os galegos.

Galicia precisa coñecer mellor a II República? É un período histórico que non se coñece xa o suficiente?

Non só Galicia precisa coñecer máis, toda España. Os estudos realizados son realmente escasos. É fundamental entender eses anos; son básicos para o desenvolvemento de todo o século XX. A II República chégalle á xente dende perspectivas moi tópicas que son produto da Guerra civil, da cultura franquista e do reducionismo entre dous bandos maniqueos. Por outra banda, nos últimos tempos, a II República chégalle á xente dende unha perspectiva única: á da violencia da Guerra Civil. Creouse un elemento indisoluble, unha especie de pegamento, que une os anos 31-36 e os 36-39. Ese pegamento é produto do réxime franquista ao que lle interesaba crear esa imaxe de violencia coa II República. Realmente estamos ante unha gran descoñecida.

Falamos de tópicos e falamos de mitos. Cales son os grandes mitos da II República en Galicia?

Os mitos non son algo específicamente galego, son formulacións mitificadoras por parte dos sectores progresistas e dos conservadores. Mitos asumidos son o da violencia polítca, o mito de que a Fronte Popular era un elemento de discordia constante e de violencia sistemática. Os últimos estudos realizados amosan que o camiño da Fronte Popular, sobre todo dende a ilegalización da Falange, non vai cara a un aumento da violencia política, senón nun retroceso desa violencia. Hai violencia e altercados pola crise económica, pero a violencia política vai caendo. Outro gran mito é o que relaciona as mulleres co voto conservador. Son moitos mitos e moitos deles seguen a funcionar. Estes mitos descóbrense investigando e rabuñando un pouco.

A II República puxo trabas constantes ao Estatuto da Autonomía? Ese feito marcou a relación da República con Galicia?

Neste sentido, o tema é o de sempre: A relación do estado cos sectores nacionalistas. Hai que ter en conta que unha cuestión fundamental era a diferenza de obxectivos entre os sectores galeguistas e os sectores republicanos progresistas no poder. Tamén é certo que a Constitución de 1931 pon trabas aos estatutos de autonomías, a todos, non só o galego. Pero os sectores galeguistas e os sectores republicanos burgueses coincidiron nunha serie de obxectivos que se introducen no programa da Fronte Popular. Así introdúcese no programa da Fronte o plebiscito. Tamén hai que ter en conta que antes, nos primeiros anos da República, todos os sectores –mesmo a dereita– estaban a favor da convocatoria do plebiscito. En 1933 íase facer, pero aprazouse. E logo púidose facer en 1936. Pero hai que ter moi presente que o 33 é un ano importante porque varían moitas cousas. Non só porque a dereita gaña as eleccións, senón a vitoria de Hitler. Realmente, hai dúas repúblicas na II República: a de antes do 33 e a de despois 33. A partir dese ano, radicalízanse a dereita e a esquerda. Ambas as dúas miran para fóra, miran como desbordar a república cara aos seus intereses.

Como historiador, no asunto da memoria histórica, considera máis importante a investigación ou as leis?

As dúas son importantes e son complementarias. Pero cada unha ten que estar no seu sitio. O debate político non pode influír no traballo do investigador histórico. Son realidades distintas e responden a obxectivos distintos. A visión política é moito máis directa, son diálogos moi rápidos e mesmo utilizando mitos e tópicos para os seus fins. O traballo de investigador é radicalmente diferente, é un traballo de anos que non se debe ver influído polos debates políticos. Tanto as leis como a investigación son dous elementos moi importantes, dous elementos totalmente complementarios, pero cada un no seu sitio, cada un na súa realidade concreta.

Tamén como historiador. Que lle parece a situación que se está a vivir co Panteón de Galegos Ilustres?

Dunha maneira ou doutra, o Panteón dos Galegos Ilustres é un ben público da sociedade galega e ten que estar accesible para todos os galegos e tamén para todos os visitantes que queiran ver o lugar. Iso dignifica o país e dálle un prestixio, non só para nós mesmos como país, senón amén para todos os que queiran encontrarse con este lugar histórico.

Nenhum comentário:

Postar um comentário