A Comisión do 35 Aniversario Moncho Reboiras, achega o programa de actos programados para o día 7 de agosto (sábado), como homenaxe popular a Moncho Reboiras.
Páxina web: http://monchoreboiras.org/
Agradecemos a vosa colaboración.
Comisión 35 Aniversario Moncho Reboiras.
Manifesto homenaxe a Moncho Reboiras
No ronsel desta nova situación e trala solicitude da súa familia, o Consello de Ministros veu recoñecer que Moncho Reboiras padecera de maneira ilexítima persecución e violencia, até lle daren morte, pola súa militancia política nacionalista e a súa implicación na loita sindical. Atendendo ao disposto na devandita Lei, que honra aos que sufriron inxustamente persecución e violencia durante a guerra civil e a ditadura, o Ministro de Xustiza outorga unha Declaración de reparación e recoñecemento persoal de Moncho Reboiras que, deste xeito, soborda as condicións de invisibilidade que unha democracia covarde exerceu sobre a “Galiza mártir”.
Hai persoas que loitan toda unha vida e esas son imprescindíbeis, concluía Bertolt Brecht nun dos seus poemas máis citados, cun eco que chega até Moncho Reboiras. A súa loita permanente por unha Galiza ceibe e popular en todos os campos nos que se lle reclamaba ou que el mesmo consideraba necesarios para a súa acción política revolucionaria, xa fose intelectual, cultural, sindical, organizativo, axitativo ou armada levouno a abandonar a tranquila vida profesional que daquela lle reportaría a súa carreira de enxeñeiro técnico industrial pola sacrificada e perigosa vida na clandestinidade.
Disposto sempre a escoitar e comprender, a dialogar e argumentar; apaixonado lector; con gran capacidade de síntese e de organización; sobrio e reflexivo, Moncho irradiaba serenidade e seguridade a seu redor sen pedir nada aos demais que el non estivera disposto a facer. Eis o seu liderado.
Coa súa rehabilitación institucional, Moncho Reboiras xa é patrimonio de todos os galegos e galegas de ben. En Galiza cumprirase a vontade dos mártires, deixounos dito Castelao e as súas verbas reflíctense arestora no legado de Moncho Reboiras por unha Galiza de seu, democrática e popular. Que a súa lembranza pule cada día desta arela en nós.
Nenhum comentário:
Postar um comentário