Caríssimas e caríssimos:
Coa que está a caer, coido que estará ben lembrar... para non esquecer, mais tamén para tomar exemplo...
2011 vai ser un ano conmemorativo: o 80 aniversario da proclamación da IIª República, o 80 aniversario do recoñecemento do dereito das mulleres ao sufraxio, os 75 anos da unidade da esquerda na Fronte Popular... e, unha vez máis, cómpre lembrar as mulleres dun xeito especial.
Libertarias, comunistas, socialistas, republicanas... todas as que contribuíron á construción da democracia e dos dereitos cidadáns, todas as que, tralo golpe fascista, defenderon a legalidade republicana, a revolución social, a liberdade.
Todas as que colleron as armas, as que apoiaron a loita desde a retagarda, as que acoubillaron as persoas que fuxían da represión. As que sostiveron a resistencia armada, no monte, na aldea ou na cidade. Guerrilleiras con e sen fusil, sen as cales sería impensábel a subsistencia do movemento. Elas agocharon, alimentaron, curaron e coidaron da xente que estaba no monte. Elas actuaron como enlaces, substituíndo os que caían. Elas fixeron posíbel a supervivencia das “toupas” durante anos e anos.
As menos delas, coñecidas polo seu nome e apelidos; as máis, anónimas. Todas arriscaron a súa liberdade e mesmo a súa vida... e moitas perdérona. Foron paseadas, fusiladas, torturadas, violadas, encarceradas, peladas, desterradas, “depuradas”...
Elas, malia a represión política e social que sufriron, souberon organizarse ás portas dos cárceres para protexerse das vexacións dos carcereiros, para axudarse e axudar a quen estaban dentro. Para as máis, era a súa primeira experiencia organizativa... e levárona adiante con moitísima dignidade.
Elas deben ser visibilizadas. O papel que xogaron tamén. A recuperación da memoria das mulleres é unha parte fundamental da recuperación da memoria histórica que, alén da abertura das fosas e das gabias (imprescindíbel, por outra parte), deberíase dirixir a investigar e dar a coñecer outros aspectos da represión política, económica, social, laboral e un longo etcétera, asemade de divulgar amplamente (comezando pola escola) o que foi e o que significou a IIª República... e se neste proceso de non se fai especial fincapé na visibilización das mulleres, estaremos, unha vez máis, tratando como igual o que é desigual e, xa que logo, incorrendo nun fallo grave contra a dignidade individual e colectiva.
As mulleres que aparecen neste almanaque, feito desde o máis fondo respecto e recoñecemiento, non son as máis coñecidas. Precisamente por iso están aí. Coas afotos das súas caras deterioradas polo paso do tempo e pola falta de coidados. Para que as coñezamos e as lembremos.
Que o 2011 sexa un ano reivindicativo. Que fagamos unha boa colleita coa herdanza de quen nos precederon na loita. Que recuperemos os folgos para continuar. Que nunca esquezamos que as traballadoras e os traballadores somos as únicas e os únicos que temos capacidade para cambiar o mundo desde a base.
SAÚDE E REPÚBLICA!!!
Mª Luz Maset
Nenhum comentário:
Postar um comentário