O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

segunda-feira, 14 de julho de 2014

Filgueira e o franquismo

 
Sermos Galiza - 11/7/14 - Xoán Carlos Garrido Couceiro
Membro da Iniciativa Galega pola Memoria e profesor de Filosofía
 
O problema non é se Filgueira asasinou a Bóveda ou non, tal como pretende situar os termos do debate unha “Voz” que gosta de presentar o nacionalismo como unha enfermidade irracional padecida por infrahumanos que se matan entre si. A cuestión é si no Estado Español se respectan os dereitos humanos. E, sobre todo, en que medida este debate previo condiciona calquera outro sobre a lingua e literatura que puidera haber e no cal eu non vou entrar por entender que quen está tras desta controvertida proposta non esta movido polo seu interese pola lingua ou a literatura galega.
"Se hai algo que poida frear un xenocidio é a perspectiva de que estas vergoñas se destapen e se amose a auténtica faciana xunto coas mans ensanguentadas de quen se considera gobernante por consentimento popular".
Pois ben, pode parecer moi atrevido mais eu considero que na situación actual non vivimos nun Estado normal no que se poida afirmar que expiou o seu pecado orixinal e tronzara o seu cordón umbilical co pasado do réxime criminal do que procede e, xa que logo, non se dan as circunstancias para que unha iniciativa coma esta careza de repercusión na consolidación e avance da loita pola memoria e, en definitiva, polos dereitos humanos. 
 
Sen entrar en leas filosóficas ou subxectivistas sobre o que son dereitos humanos, simplemente remitámonos ás impresións previas que tirou o relator da ONU Pablo de Greiff en cada un dos seus mandatos.
 
Dereito a verdade
Temos un sistema de acceso discrecional aos arquivos que impide coñecer os crimes do franquismo e de calquera outra feito máis recente que afecta de xeito decisivo a nosa historia. Hai pouco polemizábase polo tratamento de menores de idade recibido polos cidadáns deste Estado cando aínda hoxe se lle restrinxía o acceso as gravacións e documentos relacionados co 23 F. Instalados na opacidade herdada non lles custou aplicar a democracia o que tiñan reservado para o esquecemento do totalitarismo. Mais o caso é que calquera que pretenda acceder as Causas Xudiciais e fichas que puideran botar luz sobre o acontecido no franquismo topará uns limites temporais para ser autorizados ou mesmo uns borranchos acochando nomes de represores que ninguén se pode imaxinar que suceda logo da caída de calquera réxime de terror que se considere ilexítimo. Mais aplícaselle ao franquismo a mesma lexislación de protección de datos que ao que acontece no réxime actual porque no fondo considérase que merecen o mesmo respecto ambos escenarios. Non se pretende un distanciamento do marco franquista alén de consideralo unha solución excepcional porque no fondo preténdese manter a referencia de non descartabilidade no futuro, polo que merece toda a lexitimidade como resposta a posíbeis ameazas as hexemonías existentes. É sabido que se hai algo que poida frear un xenocidio é a perspectiva de que estas vergoñas se destapen e se amose a auténtica faciana xunto coas mans ensanguentadas de quen se considera gobernante por consentimento popular.
"A vixencia no ordenamento xurídico español da lei de amnistía do ano 77 é un escándalo mundial que ano tras ano leva a que se lle aperciba por manter a impunidade cara uns crimes que todos os tratados internacionais consideran imprescritíbeis"
Impunidade
A vixencia no ordenamento xurídico español da lei de amnistía do ano 77 é un escándalo mundial que ano tras ano leva a que se lle aperciba por manter a impunidade cara uns crimes que todos os tratados internacionais consideran imprescritíbeis. Mais a ilegalidade dos crimes contra a humanidade cometidos polo franquismo supoñía a ilegalización do franquismo e, xa que logo, a reforma democrática feita desde dentro dos propios límites que impoñía a ditadura. O problema é que a esquerda española non aceptou a “reconciliación nacional” só como un elemento transitorio no que apoiarse senón como fundamento estrutural do actual sistema democrático. Isto é, a “reconciliación nacional” é un ben superior, certo, mais non eterno e moito menos ao que haxa que subordinar de xeito permanente un sistema que garda na súa manga a tortura e a desaparición forzosa como algo que só se considera inadmisíbel en determinadas circunstancias como as que hoxe gozamos, mais que son aceptábeis noutras.
 
Reparación
A miúdo emprégase alegremente iso de que “antes se prohibía el gallego y ahora se prohibe el castellano” ou “todos mataban”, “Carrillo también hizo de las suyas” e outras frases que temos lido ou escoitado no mesmo sentido de evitar dúas cuestións claves para a superación do franquismo: O recoñecemento da culpa e a compensación as vítimas. As vítimas da represión do “outro bando”xa foron resarcidas de sobra -mesmo si se entendese esta como vinganza- co asasinato, prisión, persecución e exilio dos seus executores, por iso non deben usarse a estes como escusa. As equiparacións que se fan é unha perpetuación da represión: Non só se asasinou, deixou sen traballo, expulsouse ao exilio, etc. a quen escribira en galego senón que por enriba agora se banaliza isto ao comparalo cun Decreto que non xerou ningún expediente ou sanción e que só ordenaba o currículo co fin de que os alumnos adquiriran competencia en ambas as dúas linguas. E non se trata de indemnizacións ou devolución de incautacións. Compre insistir en que non se resarciu as vítimas nin sequera no máis barato: nun Estado onde tanto se fala de transición modélica porque se perdoou todo topámonos co paradoxo de que é o único lugar no que ninguén pediu perdón. É o mínimo que se lle podía esixir.
"Non é comparábel compartir algunhas ideas conservadoras co réxime -como puideron facer moitos outros autores que foron homenaxeados- como o feito de aceptar cargos políticos da embergadura dos que asumiu Filgueira"
Non repetición
Porque non se actúa nos anteriores puntos, pois porque se pretenden manter presente a ameaza. Non hai ningunha vontade de asentar na sociedade a idea de que o franquismo é irrepetíbel senón que se quere condicionar a xente polo medo a que volvan as andadas como alguén se desvíe do rego que se lle marca ( e isto non só vai por Cataluña). 
 
O tratamento dos lugares da memoria ou o xeito no que asistimos a xestión do fin da violencia de ETA supón asentar unha ontoloxía política na conciencia popular que naturalice a desigualdade e xustifique as agresións contra os desobedientes xa que a violencia é en última instancia o único xeito de resolver os conflitos nas relacións xerárquicas.  Como se pode xustificar que Otegui e outros catro presos vascos estean no cárcere polo delito de tentar reconstruír un grupo político (Batasuna) aínda que non cometera ningún acto violento nin estivera relacionado con quen os cometeu e ao mesmo tempo se considere que un ministro de Franco coma Fraga mereza ter dedicados centros de ensino, rúas, pontes, prazas, etc?

 Se o Val dos Caídos e outras moitas iconas do réxime se conservan (como a rúa principal do meu concello dedicada a Calvo Sotelo) mentres se quer borrar o rastro do sucedido en San Simón é porque se quer fundamentar que non todos somos iguais. Uns son enterrados coma porcos, e xa que logo non merecen nin que se retiren os seus restos das foxas comúns, mentres outros – os asasinos coma Franco – teñen un mausoleo intocábel. E tal como se trata ao mortos, así se pretende que sexan considerados os vivos.
"Mentres non se cumpran os catro mandatos anteriores (Dereito a verdade, eliminación da impunidade, reparación e non repetición) moitos non podemos render tributo a Filgueira "
E é neste contexto e non outro no que se lle dedica o Día das Letras Galegas a Filgueira. Podía noutras circunstancias aceptarse este nomeamento polos méritos estritamente literarios do autor?. Pode ser. Obviamente, dentro das lóxicas discrepancias que puidera haber sobre a calidade da súa obra. Mais nestes momentos é inaceptábel porque non podemos falar do franquismo como do feudalismo a respecto da dedicación a Alfonso X o Sabio desta data, e non é comparábel compartir algunhas ideas conservadoras co réxime -como puideron facer moitos outros autores que foron homenaxeados- como o feito de aceptar cargos políticos da embergadura dos que asumiu Filgueira que supoñía acatar o réxime no seu conxunto, sobre todo, ao non presentar a súa renuncia en ningún momento a representar un Estado que até o último alento cometía crimes, mesmo recoñecéndolle o non ter el executado ningún. 

Que quede claro que non foi quen fusilou a Bóveda (por se quedaran dúbidas aos da Voz). Mais do que se trata non é de xulgar a Filgueira, tal como pretende facer quen non quere xulgar ao franquismo. Un xuízo e condena que segue a quedar pendente. Fronte ao que non podemos aceptar sen mais que se aproveite unha homenaxe como esta para lexitimalo aínda máis.
 
En definitiva, mentres non se cumpran os catro mandatos anteriores (Dereito a verdade, eliminación da impunidade, reparación e non repetición) moitos non podemos render tributo a Filgueira sen ter a sensación de estar a contribuír a perpetuar a anomalía na que vivimos, e xa que logo, non podemos concordar con que se lle dedique o día das letras galegas.
 
Cunqueiro (de pé), Fraga, o alcalde Joaquín Fole e Filgueira Valverde, sentados.
Na Festa do Albariño en Cambados
Foto da exposición sobre a Festa do Albariño na Cultural de Cambados

Nenhum comentário:

Postar um comentário