Os protagonistas do filme no instituto Adormideras. César Quian |
O filme preséntase esta noite en Ferrol, na Fundación Caixa Galicia
Francisco Varela - Ferrol / A Voz 24 de xaneiro de 2014
A tráxica historia de Amada García, a muller republicana mugardesa fusilada no castelo de San Felipe en 1936 serviu de base para un documental de memoria histórica que ten como coprotagonistas a un grupo de alumnos do instituto de Adormideras da Coruña. Ao modo dos mozos alemáns da terceira xeración da II Guerra Mundial, que indagan o pasado nazi dos seus avós, neste caso os raparigos coruñeses exploran o ocorrido con Amada e de José Villaverde, un anarquista herculino tamén fusilado tras o levantamento militar de Franco. O documental A pegada dous avós, cuxo director foi o documentalista Xosé Abad, entrevista a Gabriel, fillo de Amada, que estaba no ventre da súa nai cando foi condenada á morte en consello de guerra. Esperouse a que dese a luz e logo foi asasinada ante unha tapia do castelo.
Mariquiña Villaverde é a descendente de José Villaverde que aparece no documental. Faino igualmente o escritor Manuel Rivas, que fala nun lugar emblemático da represión na Coruña, ante o vello cárcere provincial. Ao xuíz Baltasar Garzón gravárono mediante unha videoconferencia cando o maxistrado se atopaba en Bogotá.
O filme ten unha duración dunha hora e quince minutos. Para a súa montaxe, explica Xosé Abad, necesitábanse medios económicos porque é tarefa dun profesional que había que contratar. O diñeiro foi reunido mediante micromecenazgos. O director prestou o seu traballo sen cobrar por iso.
O documental, xa que logo, investiga a represión durante o franquismo desde dúas historias particulares de dúas familias represaliadas. Desde o particular á visión xeral.
Os novos artífices son Carlos Galego, Julia Lago, Luis Lloréns, Clara López, Santiago Martín, Carla Souto e Aitana Rodríguez. Estaban no instituto, pero agora estudan xa na universidade, repartidos por medio país porque o traballo o realizaron no 2011.
Deles acoden esta tarde a Ferrol á proxección do documental (ás 20 horas, entrada libre).
Tamén estará presumiblemente Gabriel, fillo de Amada, agora con 77 anos. O director explica que en realidade non é un filme documental de memoria senón «de actualidade» porque os raparigos narran que o que describen non vén nos seus libros de texto.
«Eles actúan como compañeiros de viaxe na narración das testemuñas vivas», engade. Abad explica que o documental se pode ver tamén mediante o formato on-line na plataforma Filmotech.
Acto, o luns
O vindeiro luns, ás 17 horas no castelo de San Felipe, Memoría Histórica Democrática de Ferrol, organizadora a súa tradicional ofrenda floral en San Felipe en recordo de Amada García. No seu nome recórdase a todos os presos que houbo na fortaleza.
Alumnos do instituto Ricardo Carballo Calero de Caranza, en Ferrol, celebrarán o vindeiro luns un acto en conmemoración do Soah xudeu. É o día mundial en memoria das vítimas dos campos de exterminio nazis.
O profesor de Historia no centro Enrique Barrera explicou que xa durante toda esta semana se están proxectando documentais sobre a materia e el mesmo imparte conferencias, aínda que o exterminio xudeu está nos libros de texto.
O formato
O acto segue o modelo que propón a ONU, ao facer esta convocatoria. Acenderanse seis velas: unha polos adultos asasinados, outra polos nenos, e as restantes son por outros colectivos vítimas tamén do masacre como foron o pobo xitano e republicanos españois.
Porque nos campos de exterminio houbo incluso máis de 20 republicanos de Ferrol e comarca. A quinta e a sexta vea son polos que se salvaron e por quen lles axudaron. Foron invitados para acender as velas un matrimonio xudeu, e descendentes de familias republicanas represaliadas. Unha alumna do propio centro de etnia xitana prenderá o lume en recordo dos xitanos asasinados polos nazis pola súa condición de talles.
Nenhum comentário:
Postar um comentário