Ver fotos |
Unha escultura de Sergio Portela recorda desde onte aos veciños fusilados en 1936
Negra sombra interpretada por dous violíns e un violoncelo do grupo Scordatura e unha bandeira republicana que destacaba entre os máis de cen asistentes ao acto. «Un monumento aos mortos, pero que, sobre todo e antes que nada, é un monumento á vida». Con estas palabras definiu onte pola tarde o tenente de alcalde de Pontevedra, Antón Louro (PSOE), a nova escultura que recorda aos dez veciños do municipio que foron fusilados o 12 de novembro de 1936. Trátase dun monumento civil de quince toneladas de peso e sete metros de altura, obra de Sergio Portela, que foi estreado na pasarela peonil de José Adrio Barreiro (entre as rúas Loureiro Crespo e Joaquín Costa).
Nese granito tan asociado a Galicia están gravados os nomes dos verdadeiros protagonistas do 12-N. Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez, Luis Poza, Paulo Novás, Germán Adrio, Benigno Rey, Ramiro Paz, José Adrio, Víctor Casas e Juan Rico. As lectura dos seus nomes arrincaron aplausos nun acto sobrio e emotivo. «Dez homes valerosos, heroicos, honestos e, sobre todo, libres. Libres para defender as súas ideas. Libres mesmo para morrer por elas», dixo Louro.
A escultura inaugurada onte completa a obra de acondicionamento da pasarela. O Concello optou por pechar esa actuación, concluída fai un ano, con este monumento dedicado á memoria histórica. Segundo Louro, pretende ser «un fito chantado nas entrañas de Pontevedra que lembre, de por sempre, ás xeracións futuras, aquel triste episodio que constitúe a ferida máis sangrante na memoria histórica da cidade». Un monólito que se suma á rúa 12 de Novembro, dedicada tras a súa aprobación en 1999 a estes dez mártires da democracia fusilados.
Tras Louro interveu Sergio Portela, que recordou que os protagonistas da súa escultura foron vítimas do peor da sociedade e da especie. A iluminación en azul da escultura dificultaba a lectura dos nomes de noite, un efecto buscado polo autor. O historiador Xosé Fortes avogou por manter vivo «sen odio nin rencor, o furacán que borrou o país». José Luis Adrio, tío de Gonzalo, foi quen falou en nome dos familiares dos homenaxeados. «Foron executados por defender a República e algúns corpos aínda seguen nas cunetas», leu. Pechou as intervencións o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (BNG), que considerou necesarios estes actos «de memoria e xustiza». O himno galego interpretado polo grupo Foula foi o broche á homenaxe.
Nenhum comentário:
Postar um comentário