Sergio Portela asina o monólito que se instalará na praza José Adrio o venres día 21
D. Guimarey | Pontevedra 14.11.2014 |
Un monumento lembrará as figuras do impresor Ramiro Paz; o avogado José Adrio; os médicos Amancio Caamaño, Telmo Bernárdez e Luís Poza; os mestres Paulo Novás, Germán Adrio e Benigno Rei; o xornalista Víctor Casas e o capitán Juan Rico. Pontevedra homenaxeará a todos eles, fusilados pola ditadura franquista.
Sete metros de altura e quince toneladas de peso. Son as dimensións do monólito que se instalará na praza José Adrio, coñecida popularmente como "pasarela", para lembrar aos fusilados o 12 de novembro de 1936. O escultor pontevedrés Sergio Portela asina este deseño composto por dez cubos de granito nos que irán gravados os nomes de cada unha das vítimas e que contará con bandas con iluminación LED de cor azul.
"O monumento ten que chamar a atención e ter un efecto singularizante", indicou Portela sobre o seu deseño. O escultor partiu dun estudo da contorna a través do cal concluíu que a obra debería ser vertical. "A zona está marcada pola horizontalidad demasiado forte dos elementos que lle rodean", indicaba Portela para xustificar a súa elección. Dentro da idea principal, o autor decidiu utilizar materiais "eternos" como a perda e o bronce, mesturado coa tecnoloxía actual, engadíndolle os elementos de iluminación.
O monólito contará na zona da base cunha figura feminina cun cuenco nas súas mans. Está previsto que durante os actos que se celebre en homenaxe ás vítimas da represión fascista, o recipiente acollerá un lume azul.
"Estamos diante dunha achega que enriquece o patrimonio histórico, cultural e urbanístico de Pontevedra", indicaba o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro durante a presentación do monumento. Tras agradecer o traballo do escultor engadiu que será "un recordo plantado na terra de Pontevedra e o corazón dos pontevedreses na loita pola liberdade e pola democracia".
A instalación deste monólito realizarase a principios da próxima semana, sempre que o permitan as condicións meteorolóxicas. A intención do goberno municipal é poder realizar o acto cívico de homenaxe aos fusilados o venres día 21, durante o cal se inaugurará a escultura, con algo de atraso debido á execución da peza. Será un monumento cívico que, en palabras do concelleiro socialista, "que tamén un monumento á vida".
Para Louro "é un orgullo que Pontevedra conte con este novo referente" e destacou o enriquecemento paisajista que terá na zona coa súa instalación.
Nenhum comentário:
Postar um comentário