O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

segunda-feira, 16 de fevereiro de 2015

Emilia Cabaleiro Amoedo

blog de Luís Bará sobre memoria represaliada e resistente
Emilia vivía en Cabeiro-Redondela, tiña 54 anos, era nai solteira e traballaba no campo co seu fillo, Antonio Cabaleiro Amoedo. Traballaban as terras e ían vender os froitos a Vigo e Redondela. Emilia e Antonio tiñan unha casa humilde no lugar da Igrexa, mais a súa era unha casa xenerosa, das que compartían a escaseza e a bondade. Por iso Emilia Cabaleiro Amoedo procurou agocho nunha cova de Porto Cabeiro para catro homes de Vigo e Lavadores. Eran os últimos meses de 1936, días de frío, de humidade, de voces baixas, de espreita e escuridade. Días de medo e de coraxe... Onde hai xentes solidarias hainas tamén delatoras. En Porto Cabeiro habíaas tamén. Coma aquel veciño ao axexo, enriba da cerdeira, seguindo os pasos de nai e fillo polo Camiño do Costal cara á casoupa onde estaba a cova.
 
O 13 de febreiro de 1937 decretouse a cacería humana. Unha numerosa comitiva terrorista gardas civís, gardas cívicos, falanxistas- cercou o lugar. Chegaron de Vigo, de Lavadores, de Redondela... ao mando do sarxento da garda civil Miguel Marcos. Foron á casa de Emilia e Antonio, preguntáronlles quen estaba na cova, a quen lle levaban a comida, o tabaco e os xornais. Comezaron tres días de martirio.

Fernando Castro, de 25 anos, barbeiro, natural de Cangas e veciño de Casablanca (Vigo) conseguiu fuxir, gravemente ferido; o seu corpo apareceu nese mesmo día no monte de Negros. Os outros tres habitantes do refuxio foron detidos: Manuel Vázquez Lamas, de 30 anos, empregado de arbitrios, casado con Estrella Diez Piñeiro; Higinio Fernández, de 20 anos, zapateiro, de San Paio de Lavadores; e Antonio Alonso Comesaña, 29 anos, de Matamá, ebanista, casado con Irene Fernández.

Aqueles criminais axentes da nova orde, do exército, da relixión e da familia- asañáronse con Antonia e co fillo. Non había límites para a aldraxe, para a humillación. Mais sobre todo non había límites para o terror, para os signos do medo. A mensaxe do horror, o aviso para quen protexía os perseguidos, ou pensaba facelo.

Os corpos de Manuel Vázquez Lamas, Higinio Fernández e Antonio Alonso Comesaña apareceron asasinados o día 16 de febreiro no Alto da Concheira, na parroquia de Chapela. Alí estaban tamén os corpos torturados, mutilados e acribillados de Emilia e Antonio. Conta a memoria do pobo que Emilia Cabaleiro Amoedo tiña os peitos seccionados, e que lle meteran na boca o pene e os testículos do seu fillo.

Fontes:
- Gonzalo Amoedo e Roberto Gil: Redondela, crónica dun tempo pasado, Ediciós do Castro, 2002.

- Juan Carlos Abad Gallego: Héroes o forajidos: fuxidos y guerrilleros antifranquistas en la comarca de Vigo, Instituto de Estudios Vigueses, 2005
 
- Entrevista a Clementina Villar Martínez (Proxecto Nomes e Voces)

Nenhum comentário:

Postar um comentário