O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 8 de fevereiro de 2015

A casa do Cónsul

Imaxe de Vilagarcía no tempo en que Edmundo Nóvoa exerceu como cónsul
Blog de Luís Bará sobre memoria represaliada e resistente
 
Para Xosé Álvarez Castro, que deitou luz sobre as tebras dos Anos do medo. Por salvar tantas vidas da morte definitiva, o Esquecemento

Edmundo Nóvoa De María, cónsul de Uruguai en Vilagarcía, era nos anos 30 un home plenamente integrado na sociedade da vila arousá. Grande afeccionado ao deporte, tiña moi boa relación cos galeguistas e claras simpatías republicanas. Casara en 1914 coa pontevedresa Mercedes García Solla, e do matrimonio naceran varios fillos, entre eles Leopoldo, que co tempo será un dos máis grandes artistas da historia de Galiza.

Nos anos 30 Edmundo Nóvoa encargouse tamén do consulado da República Arxentina, debido ao falecemento do titular. A acumulación de traballo fixo que o seu fillo Leopoldo, que tiña 17 anos, axudara nas tarefas administrativas das dúas legacións. 

Na incertidume das primeiras horas despois do levantamento militar en África, Edmundo Novoa utilizou as súas prerrogativas diplomáticas para protexer a destacados elementos dereitistas da vila, entre eles o Capital Bernal, amigo seu. Mais cando Galiza caiu nas mans dos militares golpistas, a actividade diplomática e solidaria do cónsul volcouse na protección dos amigos demócratas, republicanos e galeguistas.

Edmundo Novoa salvou moitas vidas. A súa foi casa refuxio de compatriotas e de galegos comprometidos coa causa da liberdade. Mais a algúns non os puido salvar. Adiantáronse os falanxistas, na noite azul das correaxes e das pistolas. Como a noite do 15 de agosto de 1936, cando lle rebentaron a cabeza a Manolo Rey, militante da CNT, empregado do consulado arxentino, de 44 anos, e a Ramón Abalo, o da Morenita, tipógrafo de 40 anos.

Belarmina Ordóñez traballaba na casa da nai de Manolo Rey López e unha leiteira avisouna de que apareceran dous corpos na vía do tren. Foi alí a velos, e só puido recoller na boina os miolos ciscados no chan. Aquela mañá voltou conmovida á casa de Carmen López, e antes de chegar parouna un garda civil que lle dixo que non chorara, que estaba prohibido chorar.

Na casa do cónsul buscou abeiro a súa sobriña Carmen Echevarría Novoa, irmán de José Echevarría Nóvoa, gobernador civil de Biscaia en xullo de 1936. Carmen refuxiouse en Vilagarcía porque á casa de Raxó na que a familia pasaba o verán chegara o aviso de que ían detela para rapala. Cando o capitán Bernal chegou á casa do cónsul preguntando por Carmen, Nóvoa díxolle que non saía de alí, que estaba baixo a protección do consulado. Edmundo Nóvoa negouse até en tres ocasións a entregar á súa sobriña mais as ameazas da garda civil obrigárono a ceder. E acordou que el mesmo lle cortaría o cabelo, para evitarlle a dor e a humillación de pasar polo cuartel. E entregoulle ao Capitán Bernal o cabelo rapado de Carmiña, como un trofeo de guerra, como proba daquel acto infame.

Despois trasladaron a Carmiña a Pontevedra e ela, os seus irmáns, a súa nai e un tío permaneceron tres anos incomunicados na súa casa, sen poder saír, coa radio confiscada e coa vixilancia permanente dos requetés e dos falanxistas que facían garda no portal e na entrada do piso.

A partir do verán do 36, Edmundo Nóvoa despregou unha intensa actividade solidaria desde o consulado para salvar vidas. Utilizaba o seu coche con bandeira diplomática para pasar a moitos perseguidos através da fronteira portuguesa, camiño da liberdade. Coma ao seu propio fillo Leopoldo, que marchou fuxindo da chamada do exército franquista e deixando atrás os cánticos tétricos das procesións no mencer, e a visión alucinante da cabeza desfigurada de Manolo Rei, compañeiro seu no consulado arxentino, tirado xunto á vía do tren.

A moitas outras persoas, o cónsul arranxoulles a documentación para que saisen en barco rumbo a América. Até que o goberno de Burgos lle retirou o exaequator e tivo que trasladarse a Porto, desde onde seguiu realizando xestións para axudar aos perseguidos a cruzar a fronteira.

Tempo despois, xa de volta en Montevideo, Edmundo Novoa recibiría unha grande homenaxe dos exilados galegos en Uruguai. Foi un acto de xustiza con aquel home valente, solidario e comprometido coa causa da República. Un nome, Edmundo Novoa De María, que merece un lugar de honra no memorial da dignidade, na historia da Galiza xenerosa, da Galiza resistente.

Fontes

-Entrevista a Leopoldo Nóvoa (Proxecto Nomes e Voces)
-Entrevista de Olalla Bouza a Belarmina Ordóñez (Arquivo de Margarita Teijeiro)
-Carlos Zubillaga Barrera: "El exilio gallego en Montevideo", en O exilio galego de 1936, Ediciós do Castro, 2006