O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 1 de fevereiro de 2015

'O piloto', 50 anos do pasamento dun mito

 
O xornalista Afonso Eiré publicará 'O mozo está aquí' , a historia do derradeiro guerrilleiro antifranquista morto no estado español
 
El Correo Gallego - Xosé Ramón R. Iglesias| 25.01.2015 
Xosé Castro Veiga, O Piloto, foi o responsable de que a historia dos guerrilleiros antifranquistas non se puidese pechar ata 1965, vinteséis anos despois do remate da espantosa Guerra Civil española. Convertido en mito e símbolo da resistencia á ditadura, el estivo no xérmolo da guerrilla de Galicia e León, a primeira que se organizou en todo o Estado, e aínda sobreviviu o tempo suficiente para ser, tamén, o derradeiro guerrilleiro abatido en combate. A súa memoria é rescatada agora para as novas xeracións no documental O Piloto, que se estrea o vindeiro 20 de febreiro en Lugo, do que é guionista o xornalista e escritor Afonso Eiré, autor ademais do libro O mozo está aquí, a biografía máis completa sobre este maquis galego, que próximamente porá na rúa a editorial Hércules.
 
"O Piloto era unha personaxe moi incómoda para o réxime de Franco, que en 1964 andaba a celebrar os 25 años de paz, despregando todo o seu aparato de propaganda nesa campaña, e el aínda andaba no monte mantendo viva a guerrilla", explica Eiré. O próximo 10 de marzo cúmprese o 50 aniversario da súa morte, data propicia para lle buscar definitivamente o seu lugar na nosa historia política das últimas oito décadas. Segundo o escritor chantadino, a historia do Piloto demostra que "Galicia non foi un pobo demesticado, como se nos quere facer crer. A súa existencia fálanos de que Galicia participou activamente na primeira guerrilla contra Franco e tamén na derradeira, un movemento de grande importancia no que chegaron impricarse unhas dez mil persoas".
 
Nado no concello lucense do Corgo o 11 de febreiro de 1915, O Piloto trasladouse a Madrid sendo aínda moi novo, onde se enrolou na Aviación, na que chegaría ser cabo mecánico e de onde herdaría o seu alcume. Ao remate da contienda civil, foi condenado a trinta anos de cárcere pola Xustiza do bando vencedor, pero tras pasar catro nunha cela de Carabanchel foi indultado e regresou a Galicia. Aínda voltaría unha vez maís á capital de Estado polo medo a que na súa terra o paseasen os falanxistas, que estaban ben ó tanto do seus vínculos co Partido Comunista de España (PCE). Na súa segunda estadía en Madrid recibiu unha alta formación política dos seus camaradas máis preparados, sendo instruido especialmente no marxismo, antes de regresar definitivamente a Galicia, coincidindo coa constitución da guerrilla galaico-leonesa, na que se integrou.
Como o resto de resistentes antifranquistas que combatían na postguerra, O Piloto esperaba que a vitoria aliada na Segunda Guerra Mundial sobre os nazis provocase tamén a caída da ditadura militar española. Esa ilusión os mantiña firmes nunhas condicións de vida durísimas, buscando o sustendo case do mesmo xeito que calquera fera dos bosques onde se facían compañía, sempre coa ameaza da morte abaneando sobre as súas cabezas. Pero as novas que viñan de Europa non lles eran propicias, malia que o fascismo fora derrotado, os gañadores non tiñan nengu­nha intención de que mudasen as cousas na península Ibérica. A decepción foi dobre porque o PCE deixáraos tamén de apoiar e forzábaos a que se fosen ó exilio.
 
Para O Piloto fuxir do país nunca foi unha opción. A súa muller, Ramona Curto, Mirelle, unha combatente coma el, natural de O Saviñao, tiña familia no estranxeiro, o que lles podía facilitar a saída, pero pesaba máis o seu compromiso adquirido con toda a xente que lle axudara, centos de persoas as que non quería abandonar, indefensos, á súa sorte, sabedor como era do ánimo vingativo dos gardas civís daquela época.
 
"Só en Chantada -recorda Eiré- din con 105 casas que o apoiaron. Pese á represión, O Piloto era un mito e unha persoa moi querida que sempre atopaba quen lle botase unha man". Segundo o tamén autor de Eu estaba alí, o seu anterior ensaio onde xa lle adica un capítulo ó guerrilleiro galego de maior sona, "a propaganda oficial quixo facelo pasar por un bandoleiro, meténdelle medo á xente coas súas supostas atrocidades para que o delatasen, pero O Piloto sempre tivo unha motivación política".
 
Efectivamente, como acredita Eiré no seu libro, mesmo nos peores momentos da súa errante existencia de fuxido, cando a soidade e o tempo infecundo empezoñan a alma, el nunca tivo a tentación de baixar os brazos e cruzar esa liña de desalento que o convertería nun simple supervivente á espera de tempos mellores. Non. O Piloto non deixou de erguerse nin un só día na procura deles, desde un compromiso político para el irrenunciable.
 
Xa desde os seus primeiros anos, a guerrilla mantivo unha grande actividade en Galicia, sobre todo nas provincias de Ourense e Lugo, por onde máis se movía O Piloto. No final da década dos corenta, eran continuas a súas sabotaxes ás liñas férreas que conectaban as terras do interior. En boa parte delas, os asaltos tiñan como obxectivo os ferrocarrís que carrexaban armas cara a meseta. Noutras veces, as accións ían encamiñadas a cortar as comunicación telegráficas, de suma importancia naqueles anos.
 
Aínda que oficialmente o réxime o negaba constantemente, estes combatentes seguían a manter a guerra que para eles non rematara no ano 39. Raramente buscaban o enfrontamento directo con grupos da Garda Civil ou da Lexión, enviada a Galicia expresamente para acabar cos guerrilleiros, pero cando sufrían baixas ou a xente que os axudaba era represaliada por delacións, buscaban os responsables para os executar.
 
A propaganda política era outra das accións máis salientables destas guerrillas. A medida que foi perdendo compañeiros e quedándose so, foi a tarefa á que máis se dedicou O Piloto. Tamén socorría os labregos cando tiñan que se enfrontar ós papeis da Administración. Nos anos 50, axudoulles aos propietarios a redactar os recursos contra as expropiacións dos terreos para a construción dos saltos de Belesar, onde co tempo atoparía a morte, e Os Peares, onde traballaría o pai do actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
 
"O cincuenta aniversario da súa morte é un bo momento para escribir un libro sobre a súa vida", refexiona Afonso Eiré, quen recoñece que entre as razóns que o levaron a acometer esta empresa o que máis pesou foi "a necesidade de acabar con todas as mentiras que se verteron sobre el e de clarificar partes da súa historia que intencionadamente foron deturpadas".
 
Movérono tamén, non o nega, razóns sentimentais de dobre orixe. Por unha parte, a súa admiración pola traxectoria consecuente coas súas ideas seguida polo Piloto; por outra, a proximidade emocional que sinte coa figura deste home, todo un mito do que decote escoitaba falar nos anos da súa infancia, na súa Chantada natal onde o lendario guerrilleiro rematou a súa existencia. O exdirector de A Nosa Terra recorda aínda perfectamente o día que o mataron. "A nova extendeuse rápido pola zona e o certo é que eu desexaba ir ver o seu cadáver, pero disuadiume o meu avó cun argumento incontestable. Díxome, a todos os que van a Garda Civil obrígalles a darlle unha patada no cu. Ti queres darlle unha patada no cu ao Piloto?". Non quería, é por iso quedou na casa.
 
A Eiré non lle resultou difícil recoller testemuñas que lle alumbraran as pegadas do guerrilleiro. O ser da zona desfechoulle moitas desconfianzas. E máis dunha sorpresa tamén se levou. Como comprobar que entre os fundadores de Comisións Labregas, no 1972, a maioría trataran ao Piloto. A súa semente deu os seus froitos, pensou.
 
Abatido no 65, en zona neutral
"O mozo está aquí". Valaí a frase clave no desenlace desta historia. A mesma que dará título a reconstrucción da vida do 'Piloto' que Afonso Eiré porá en breve nas librarías, tras rebulirlle ben anos no seu maxín e completar un inmenso traballo de investigación. "O mozo está aquí". Así, sen máis explicación, como unha consigna secreta, agora descifrada e feita pública pola nova publicación. Recibila por teléfono e poñerse en marcha foi todo un no vello cuartel de Chantada. A Garda Civil amoreaba ducias de tentativas falidas contra o escorregadizo guerrilleiro, que en situacións límites sempre lles levaba a dianteira. Décadas de fracasos que provocaron que aquel 10 de marzo do 65, tras chegar o aviso, fosen movilizados todos os gardas dispoñibles. O grande dispositivo non pasou desapercibido para os veciños. Tacitamente, O Saviñao, Pantón, Chantada e todas as comarcas no cenrtro de Galicia conformaban unha zona neutral, na que os guerrilleiros non actuaban e a Garda Civil non se esmeraba na súa persecución. Tanto movemento era estraño. Que algo importante estaba a piques de ocorrer palpábase no ambiente. Con todo, antes de todo aquel rebumbio de gardas alborotados, 'O Piloto' tivera un día movidiño en quilómetros, pero moi tranquilo en canto a súa seguridade. Pura rutina cotián. Pola mañán ben cedo, andivera polo lugar de Areas, en Pantón. De aí trasladouse á parroquia de Lamagrande, no Saviñao, e logo foi á casa do Souto, onde lle deron dous chourizos e un anaco de pan. Botou andar cara a San Fiz, na beira do encoro de Belesar, momento en que Darío, fillo do patrón da casa do Souto, deu avisou ao Angelito, un brigada que facía as veces de garda da presa. Este colleu o teléfono e so pronunciou catro palabras: "O mozo está aquí". Alí estaba e os gardas matárano a tiros mentres comía. Sen darlle o alto. Seica era rápido dabondo coas armas como para avisalo.
 
Carné de afiliación al Partido Comunista de España do ‘Piloto’ , datado en 1945