O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 8 de fevereiro de 2015

Os galegos que venceron aos nazis

 
Víctor Lantes, fillo duns taberneiros da Coruña, manexou un morteiro nos bosques de Francia fronte aos tanques Panzer do exército alemán. Ángel Rodríguez Leira, alcumado Cariño López, tomou parte na liberación de París e no asalto da residencia do Führer. Loitaron unha guerra de nove anos contra o fascismo. Combateron a Franco e a Hitler. Perderon na casa e gañaron fóra. Nunca volveron estar ao sur dos Pireneos.
 

Luzes - Xaneiro 2015 Número #14 Texto: Arturo Losada · Imaxe: Evelyn Mesquida
 
Ángel Rodríguez Leira naceu en Cariño en 1914. Traballou como percebeiro e mariño, foi militante da CNT, casou e tivo dous fillos, Ángel e Marina. E logo estalou a Guerra Civil. Foi recrutado á forza polos sublevados e obrigado a vestir o uniforme dos sublevados. Pero foi por pouco tempo, xa que desertou en canto puido para loitar co bando leal canda outro cariñés, Antonio Yáñez, o Gharepo.

En marzo de 1939 víronse acurralados en Alacante, unha das últimas provincias en caer. Con outros cinco compañeiros, saíron de Guardamar del Segura nunha barquiña que era «case unha patera», segundo conta un dos netos de Ángel, Andrés Alonso. Enchérona de laranxas e cruzaron o Mediterráneo en catorce días, ata chegar a Beni Saf, na Alxeria francesa. Como moitos outros exiliados republicanos daquela altura, foron considerados perigosos polas autoridades e internados no penal de Suzzoni.

Segundo recolle Alicia Alted no libro La voz de los vencidos, Suzzoni era unha antiga fortaleza convertida en cárcere, carente de todos os servizos básicos, onde foron recluídos uns 300 republicanos. Un deles, o aviador Joaquín Tarazaga, lembraba: «O réxime era moi austero, só nos daban un pan para cada catro, lentellas e rutabaga un tipo de nabo. Cando me internaron, en abril de 1939, pesaba 67 quilos, e en decembro, cando me evadín, só 35». Tamén os dous amigos galegos tentaron escapar daquel inferno en dúas ocasións, sen éxito. A saída non lles chegou ata 1942, cando os alistaron, de novo pola forza, nos Corpos Francos de África. O exército dos EUA viña de desembarcar en Marrocos e Alxeria e as colonias francesas apresuráranse a baleirar os campos de prisioneiros para formar este batallón co que plantarlle cara ao Afrika Korps de Rommel.

O país galo vivía entón unha esquizofrenia, entre a submisión colaboracionista do réxime de Vichy e a resistencia da «Francia Libre» dos partidarios do exiliado De Gaulle. A chegada dos americanos fixo que ninguén quixese ser tomado por vichista. Porén, estes Corpos Francos disolvéronse axiña, tras algúns combates en Tunisia. Ángel e Antonio escolleron entón alistarse co xeneral Leclerc, que viña de loitar por toda África baixo a bandeira da Francia Libre. Polo seu prestixio gañado na batalla, foi escollido para comandar a 2ª División Blindada, unha unidade de nova creación dentro do exército do xeneral Patton. Formábana 14.000 homes de 32 nacionalidades, e uns 2.000 eran republicanos españois. Os dous fuxidos de Cariño remataron na 9ª Compañía, La Nueve, case toda formada por veteranos da Guerra Civil. Ángel Rodríguez Leira pasou a empregar o nome de Cariño López, para ocultar a súa identidade e deixar sinalado o seu lugar de orixe. Era unha práctica habitual entre os soldados, e mesmo nos mandos. O propio Leclerc escondía o seu nome real, Philippe de Hauteclocque, para aforrarlle á súa familia posíbeis represalias dos vichistas.

A 2ª División Blindada trasladouse a Escocia, antes de desembarcar en Normandía a comezos de agosto de 1944, dous meses despois do Día D, coa zona xa asegurada para permitir o paso dos blindados. A 9ª Compañía, integrada por homes con experiencia en combate, foi sempre na vangarda. Era unha unidade motorizada, que transportaba armamento antitanque nuns veloces half-tracks todoterreo. Os soldados pintáronlles a bandeira da República española e bautizáronos con nomes de batallas da Guerra Civil, como Madrid, Ebro, Guadalajara ou Brunete. Cariño López viaxaba na Guernica, e non tardou en facerse un nome pola súa puntería co canón do 57.

Así o conta o capitán Raymond Dronne, o oficial francés ao mando desta compañía de exiliados. Nas súas memorias, Carnets de route d’un croisé de la France Libre, reivindicaba o papel dos republicanos españois na loita pola liberación de Francia, «impulsados por un enorme desexo de revancha e de vitoria». Nelas eloxia a habilidade de Cariño López para rebentar blindados alemáns, e defíneo como «un home de gran sangue frío». Tivo que demostralo ben cedo. O 19 de agosto, La Nueve contivo unha división enteira da SS na vila de Écouché, nunha durísima batalla. Cariño López estivo 24 horas sen afastarse do seu canón, no que «gravaba unha esvástica por cada tanque que destruía», segundo o seu neto Andrés.

Na noite do 24 de agosto, esta unidade sería a primeira en entrar en París e chegar ate o Hôtel de Ville, a sede do concello. Aló, un sorprendido tenente valenciano, Amado Granell, atopouse co líder da resistencia, Georges Bidault, e a foto dese encontro apareceu na portada do xornal Libération. En dous días, a capital foi liberada, nunha vitoria que marcou o principio da fin da Guerra. Aqueles half-tracks de estraños nomes tiveron un lugar destacado no desfile triunfal polos Campos Elíseos.

Nas semanas seguintes, a compañía pagou un alto custo en vidas para conter os alemáns na beira do río Mosela, cubrindo o avance do resto da división. O cabo Cariño López volveu ter un papel destacado: destruíu cinco Panzer en cinco disparos. O 26 de setembro de 1944 foi condecorado en Nancy xunto ao subtenente Miguel Campos e o sarxento Fermín Pujol, por Charles De Gaulle en persoa. O mesmo De Gaulle que logo afirmaría que na liberación de París só participaron franceses. A condecoración debeulle ser amarga ao galego: catro días despois vería morrer o seu amigo Ángel Yánez, nun ataque sobre a vila alsaciana de Vaqueville, con outros dous compañeiros.

O percebeiro chegou a sarxento e loitou aínda na liberación de Estrasburgo, onde o frío era un inimigo tan perigoso coma os alemáns. Quedaban xa poucos dos homes que se alistaran en Alxeria. Raymond Dronne explicou que «tras cada combate, os baleiros enchíanse con mozos franceses, case todos carentes de instrución militar. Os vellos loitadores tomaban baixo a súa protección estes recrutas inexpertos, formándoos e protexéndoos; comportábanse como pais preocupados». Ao final da guerra, só 16 dos 156de La Nueve volveron á casa con vida.

A súa última parada bélica estivo no Niño de Aguias, o refuxio dos altos cargos nazis. Estaba situado na vila alpina de Berschtesgaden, ao sur de Salzburgo, e defendido polos últimos efectivos das SS. Moitos deles eran pouco máis que adolescentes animados polo fanatismo, pero non por iso a batalla resultou máis suave. Os americanos chegaron primeiro á vila, pero os homes de Leclerc foron os que tomaron o Niño de Aguias, e fixeron ondear nel a bandeira francesa o 5 de maio de 1945. O artilleiro cariñés estivo presente, e saíu de alí cun reloxo de ouro que aínda hoxe segue na casa dunha das súas fillas.

Ángel gañou en Europa a súa gran guerra contra o fascismo, pero este seguía na casa. Non retornou nunca a España, sabedor de que aquí o agardaba un pelotón de fusilamento ou un tiro na caluga. Ficou en Francia, onde casaría e tería outras dúas fillas antes de morrer en París en 1979. Dende 2010 unha placa lembra en Cariño este veterano da loita pola liberdade. Na vila viven aínda os seus fillos galegos e algúns dos seus netos.
[...]