Ó
XULGADO DO CONTENCIOSO-ADMINISTRATIVO Nº 2 DE VIGO
GUILLERME
PRESA SUÁREZ, avogado, na representación da ASOCIACIÓN VIGUESA POLA
MEMORIA HISTÓRICA DO 36, segundo teño acreditado no Procedemento de
Protección dos Dereitos Fundamentais nº 224/2013, perante ese Xulgado comparezo e DIGO:
Que cumprimentando o trámite
conferido, por medio do presente escrito paso a FORMALIZAR A DEMANDA, baseándome nos seguintes
FEITOS
PRIMEIRO: A denominada Cruz
dos Caídos do Monte do Castro de Vigo foi erixida como consecuencia de unha
proposta que fixo ó Concello de Vigo a Xefatura Local de “Falange
Tradicionalista y de las JONS”, que escolleu tamén o lugar do seu
emprazamento actual, aprobándose a proposta en sesión extraordinaria da
Comisión Municipal Permanente de 12 de agosto de 1959.
Tras un primer proxecto mais
modesto, en maio de 1961 o arquitecto municipal presenta o proxecto definitivo,
con unha cruz de 12 metros de altura, ampliando o perímetro para unha maior
visibilidade do monumento e un maior aforo de persoas nas cerimonias,
engadíndose un sarcófago, dúas coroas de loureiro en bronce, a inscripción “Caídos
por Dios y por España ¡Presentes! 1936-1939”, un escudo de España, un
escudo de Vigo, os emblemas da “Falange” e os Requetés, unha escaleira “imperial”
de acceso e, no frontispicio do arranque das escaleiras, as figuras de un
mariño e un soldado cos uniformes da época e os emblemas en bronce dos tres
exércitos.
Foi inaugurada o 14 de setembro de
1961 persoalmente polo dictador Francisco Franco e en ese lugar realizáronse
exaltacións do franquismo sobre todo cada 20 de novembro, cabodano da morte do
fundador da “Falange”, celebracións que perduraron até a morte do
dictador, sendo tamén en ese lugar onde se realizaron as exequias polo seu
pasamento.
SEGUNDO: Ca toma de posesión
da primeira Corporación Municipal da democracia, o Partido Comunista de Galicia
(PCG), que tiña tres Concelleiros, presentou unha moción a principios de
1980 reclamando o derrubo da cruz dos caídos do Castro, requirindo en varias ocasións
para que fose elevada ó Pleno sen conseguilo.
O 30 de xuño de 1981 o Alcalde
Manoel Soto Ferreiro presentou unha moción de urxencia propoñendo instalar unha
placa no monumento adicando o mesmo ós mortos dos dous bandos, pretensión que
recebeu o voto en contra dos tres Concelleiros do PCG e da Concelleira do
Bloque Nacional-Popular Galego (BN-PG), sendo aprobada por maioría; pero dita
placa nunca foi instalada.
O que si foi aprobado por
unanimidade foi a retirada da simboloxía fascista e as inscripcións existentes
no mesmo pero aínda a día de hoxe permanecen no frontispicio do arranque das
escaleiras as figuras dos dous soldados cos uniformes da época e os emblemas en
bronce dos tres exércitos.
Na sesión plenaria do Concello de
Vigo de 27 de febreiro de 2006 foi aprobada por unanimidade unha moción do
grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego instando a retirada da simboloxía
franquista, na que textualmente se dicía:
“Tampouco non podemos deixar de
sinalar, nesta moción, o monumento ós caídos situado na ladeira do Castro e que
coa chegada dos concellos democráticos foi reconvertido en monumento ós mortos
da guerra civil, reconversión que non consegue eliminar a súa carga
simbólica inicial claramente franquista por ser un modelo típico que se repite
noutras zonas, xunto co monolito existente nun dos extremos da praia de Rodas,
nas Cíes, presidido por un “Víctor” como homenaxe a Franco.
Franco, certamente, pertence a
historia, pero non cabe que símbolos que renden recoñecemento social á ditadura
permanezan nos espacios públicos da cidade e do Concello, a non ser que se
comparta ese recoñecemento”.
O monolito das Illas Cíes foi
derrubado o 1 de xullo de 2008.
TERCEIRO: A Asociación
demandante ven insistindo na súa petición ó Concello de retirada do obxecto
mencionado desde o 17 de abril de 2008 (rexistro de entrada nº 80047594), cando
presentou a primeira solicitude, que foi reiterada o 6 de agosto de 2008
(rexistro de entrada nº 80098451), o 31 de maio de 2010 (rexistro de entrada nº
100076283) e o 23 de agosto de 2010 (rexistro de entrada nº 100110314), e
reclamada por 4.046 cidadáns e 30 asociacións e colectivos de Vigo (como se
acreditou co escrito de 31 de maio de 2010), sen que o Concello respostase
nunca as peticións.
O 19 de xullo de 2011 presentouse
escrito exercitando o dereito fundamental de petición do art. 29 CE, regulado
pola Lei Orgánica 4/2001, de 12 de novembro, para que en virtude do disposto no
art. 15.1 da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían
dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceron persecución ou
violencia durante a guerra civil e a dictadura (coñecida como Lei da
Memoria Histórica), que obriga as administracións públicas a tomar as medidas
oportunas para a retirada de obxectos ou mencións conmemorativas da sublevación
militar, da Guerra Civil e da represión da dictadura, instando a que “proceda
de maneira inmediata a adoptar as medidas oportunas para a retirada do obxecto
denominado “cruz dos caídos”, sito no monte do Castro de Vigo, propiedade do
Concello de Vigo”.
A pesares da súa obriga
constitucional de responder, o Concello non acusou recibo da petición, nin a
respondeu nin realizou actividade algunha ó respecto, motivo polo que a
Asociación demandante presentou demanda que se seguiu como Procedemento de
Protección dos Dereitos Fundamentais nº 4/2011 do Xulgado do
Contencioso-Administrativo nº 1 de Vigo, que dictou sentenza o 19 de decembro
de 2012 estimando parcialmente a demanda e ordenando “retrotraer las
actuaciones para que en el plazo máximo de un mes a partir de la notificación
de esta sentencia, por la Administración, o bien se proceda a inadmitir
motivadamente la petición de revisión formulada por la parte actora, o bien
incoe el procedimiento correspondiente y resuelva lo procedente”,
pronunciamento que se complementa co exposto no Fundamento Xurídico segundo,
penúltimo parágrafo, no que consta: “Lo procedente, entonces, es ordenar a
la Administración que se pronuncie expresamente, bien por inadmitir
motivadamente la petición, bien por tramitar el oportuno procedimiento,
acomodándose a los trámites de la LO reguladora y del Reglamento Municipal,
acordando en definitiva lo que proceda”.
CUARTO: O 10 de xanerio de 2013 o Alcalde-Presidente dictou
resolución incoando o expediente nº 1349/110 para resolver a petición que a
Asociación demandante formulara o 19 de xullo de 2011.
O 22 de xaneiro de 2013 o instructor emitiu unha proposta previa de
desestimación da pretensión, dando trámite de audiencia a Asociación que
represento para formular alegacións, que foi notificada o 30 de xaneiro.
Mediante escrito da Asociación demandante que tivo entrada no rexistro do
Concello o 12 de febreiro se formularon alegacións.
O 1 de marzo de 2013 a Xunta de Goberno Local adoptou o acordo de non
acceder a petición.
Dita resolución non foi notificada a Asociación demandante, que tivo
noticia da súa existencia cando foi presentada no procedemento de Protección de
Dereitos Fundamentais nº 4/2011 do Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1
de Vigo.