O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quarta-feira, 13 de outubro de 2010

M. Victoria Villaverde: “Non esquezo a infamia franquista”


“Levo toda a vida loitando contra os represores e seguirei facéndoo ata o final”

Xornal.com. Daniel Prieto 10/10/2010 A tradutora, xornalista, actriz e escritora María Victoria Villaverde (Vilagarcía de Arousa, 1922) foi nomeada presidenta da Fundación Galega contra a Impunidade, que busca apoios en Galicia para a querela presentada na Cámara Federal Arxentina, que podería sentar no banco dos acusados aos responsables do xenocidio franquista. Considerada a voz dos exiliados galegos represaliados, esta republicana e destacada membro do Partido Comunista dirixiu xunto a Arturo Cuadrado o xornal Galicia en Arxentina. Filla de Elpidio Villaverde, primeiro alcalde de Vilagarcía e deputado en Cortes na Segunda República e viúva do galeguista Ramón Valenzuela, Mariví, como lle chaman os seus amigos, regresou a Galicia en 1966, despois de “tres exilios e unha vida marcada”.

Como valora que desde Arxentina, o país do exilio galego, se promova a denuncia que podería facer que se xulgue aos criminais franquistas?

Paréceme moi ben, porque Arxentina estivo sempre moi vinculada a todos os problemas de Galicia e de España. O xuíz Garzón fixo unha gran labor por moitas causas arxentinas. A Guerra Civil non se viviu como unha guerra calquera nese país, moitos arxentinos viviron como propios os acontecementos que se desenvolveron aquí, todas esas barbaridades e esas mortes.

Reparouse a memoria das vítimas?

En absoluto. Levo toda a vida loitando contra os represores e penso seguir facéndoo ata o final. Isaac Díaz Pardo acaba de darlle un poder notarial á fundación para que se poida investigar por fin o asasinato do seu pai, que foi fusilado polos falanxistas.

Din que vostede é a voz dos exiliados represaliados.

Eu son unha exiliada máis. Tiven que deixar Galicia en 1936, con 13 anos. Desde ese intre sentinme moi involucrada co que ocorría. Moitos dos meus amigos foron asasinados. Tiven a sorte de que o meu pai, alcalde de Vilagarcía e deputado en Cortes durante a Segunda República, puido levarnos a Portugal. Grazas a Claudio Sánchez-Albornoz, daquela embaixador de España en Lisboa, chegamos a Marsella facéndonos pasar por emigrantes de América. Despois de botar tres anos en Francia tamén tivemos que exiliarnos pola Segunda Guerra Mundial. Fomos a Arxentina porque a miña bisavoa nacera alí e meu pai tamén fora residente. Tras cinco anos volvín a Galicia.

Por que decidiu regresar?

Por amor. Porque Ramón Valenzuela me pediu que viaxara a Galicia para casar con el. Coñecérao durante a miña estancia en Francia, onde el colaboraba con iniciativas que recadaban cartos para facer escolas en España, porque ao franquismo interesáballe que os paisanos seguiran sendo analfabetos. Coa ocupación alemá, a Gestapo prendeuno por opoñerse ao nazismo e ao fascismo e entregouno ás autoridades españolas. Encarcerárono varios anos en Ávila e conseguiu volver á súa Bandeira natal, aínda que baixo liberdade vixiada. Esperamos un ano para que lle concederan o indulto e logo marchamos de novo a Bos Aires.

Con que situación se atoparon ao regresar a Galicia?

As cousas seguían iguais e non había cambio, non había esperanza. Así, decidimos marchar de novo a Bos Aires, onde naceron os nosos dous fillos. Este segundo exilio arxentino durou 17 anos. En 1966 decidimos volver pero a Madrid, xa que en Galicia a situación era máis complicada. Sabiamos que moitos galeguistas vivían co medo no corpo. Aínda así, tras tres exilios e unha vida marcada, sempre nos quedou o desexo de instalarnos en Galicia.

No seu libro ‘Tres tempos e a esperanza’ conta a historia dunha mestra tía súa republicana á que lle lía teatro no cárcere. Por que a prenderon?

A miña tía, Argentina Villaverde, era unha mestra exemplar. Preocupábase moito polos raparigos. Nos primeiros meses da Guerra Civil dáballe moita pena ver o mal vestidos que ían á escola os cativos, case non tiñan que poñerse. Organizou unha colecta para mercarlles tecidos e facerlles un uniforme. Mercou fíos brancos e vermellos, os traxes quedáronlle morados e metérona no cárcere por vestir de roxos aos nenos. A última edición do libro é da histórica editorial A Nosa Terra, que por desgraza chegou á súa fin.

Tamén escribiu que “a esperanza estaba fóra de Galicia”, está fóra tamén neste momento para que se xulgue aos que exerceron a represión?

Si. Sempre gardei a esperanza de que chegara ese día, aínda que por sorte a maioría están mortos. Eu era unha nena e todo o que pasou cambioume a vida. Meu pai ensinoume a ser unha persoa comprometida politicamente. E o meu marido que hai que loitar ata o final e que non hai que esquecer. Eu non esquezo a infamia franquista, por iso aceptei a presidencia da Fundación Galega Contra a Impunidade. Non teño a vitalidade de antes e é estupendo que a xente nova se implique neste tema, pero o importante é que todo o mundo coñeza a barbarie franquista.

Nenhum comentário:

Postar um comentário