O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

segunda-feira, 11 de outubro de 2010

Manane Rodriguez "Un romance permitiu localizar o Batallón Galicia"


Traducción Estación Atlantica

"Para aqueles nenos obrigados a enterrar os mortos foi un alivio poder contalo"

 01/10/2010 Xornal.com
A directora e realizadora Manane Rodríguez (Montevideo, 1955), de Xamalú Filmes, emprendeu a rodaxe de Memorias Rotas despois de coñecer pola tradición oral a historia do Batallón Galicia, que se repregou cara á comunidade tras a caída da Fronte de Asturias. O comandante Moreno e os seus homes foron asasinados en 1937 na Fonsagrada e esta uruguaia, que se viu forzada a abandonar o seu propio país, investiu un ano en restaurar a súa memoria.

Memorias Rotas conta cos escasos documentos audiovisuais existentes da Guerra Civil, ¿como recompilaron ese material?

Cando no Acevo empezaron a exhumar os restos de José Moreno Torres e os seus homes, Carmen García-Rodeja, co-guionista, xunto comigo e con Eliseo Fernández de Memorias Rotas, contounos a historia destes loitadores republicanos e de como os seus últimos días marcaran aos habitantes da Fonsagrada e Grandas de Salime. Falounos do romance anónimo que pouco tempo despois do crime empezou a circular na zona e de como este permitiu localizar o lugar onde foran enterrados. Propuxen o proxecto á produtora, Xamalú Filmes, e empezamos a ir á zona. Durante case un ano estivemos a gravar testemuños e localizacións. Non é que en Galicia haxa poucos documentais sobre a Guerra Civil, pero hai moi pouca documentación sobre o que rodeou o golpe de Estado franquista. Moi pouca sobre a feroz represión que se desatou os días que seguiron o 18 de xullo de 1936, e menos aínda sobre os actos de resistencia. A historia ata agora contárona os vencedores.

A historia do Batallón Galicia e, máis concretamente, da sorte que correu o comandante Moreno, ¿son episodios suficientemente coñecidos?

Moitos galegos loitaron no bando republicano, pero non creo que a existencia do Batallón Galicia, formado case integramente por galegos, sexa coñecida por moitos. A maioría dos seus integrantes eran membros da CNT. Algúns, como José Moreno, tiveron que saír de Galicia para non ser paseados. Outros moitos fuxiron a Asturias para non ser recrutados polo exercito de Franco. Para as testemuñas directas, para aqueles nenos que foron obrigados a carretar e enterrar os mortos, foi un alivio poder contalo.

¿Que sentiron cando se exhumaron as tumbas deses combatentes?

A xente sentiu un grande alivio de, por fin, poder contar a historia que gardaran tanto tempo, e de que o seu testemuño servise para que moitos dos familiares coñecesen, con certeza, o destino dos seus.

Abandonou Uruguai xa que tres familiares seus foron secuestrados e encarcerados. ¿Influíu iso na súa decisión de realizar este documental?

En 1973, cando os militares, en compañía dalgúns civís, deron un golpe de estado en Uruguai eu era estudante e participei da resistencia. En 1975 tiven que saír do país para non ser detida. Instaleime en Bos Aires, pero ao pouco tempo tamén alí os militares deron un golpe de estado. É coñecido de todos o regueiro de morte que deixaron estas ditaduras. Moitos amigos, ademais de tres familiares, foron secuestrados e a maioría segue hoxe detido-desaparecido. Eu vinme a España e aquí vivo dende 1977. Descubrín que a desaparición forzada non foi un invento das ditaduras do cono sur, senón que foi unha constante na represión franquista.

¿Que opinión lle merece que Arxentina lle pida a España que investigue os crimes franquistas?

Paréceme ben que determinados crimes, como os crimes contra a humanidade poidan ser xulgados dende calquera democracia.

Nenhum comentário:

Postar um comentário