O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

quarta-feira, 28 de março de 2012

A Deputación de Lugo retira os títulos honoríficos a Franco

Rua de San Marcos xardíns da Deputación. Lugo 1948
26/03/2012 - Axencias / Galiciaé LV
O pleno da Deputación de Lugo retirará mañá (27 de marzo) os títulos honoríficos que lle concedeu en tempos da ditadura ao xeneral Francisco Franco e a outras institucións e personalidades do réxime franquista, como varias seccións da Falanxe ou Pilar Primo de Rivera.

A retirada dos mencionados títulos será posible grazas ao cambio no Regulamento de Honras e Distincións aprobado en xaneiro pola Deputación lucense. Segundo informou a propia institución, ese cambio de regulamento, aprobado a proposta do presidente, José Ramón Gómez Besteiro, fai posible que se lle retiren esas distincións ás personalidades do réxime de Franco sen necesidade dun acordo unánime por parte da Corporación provincial, como esixía a antiga normativa.

Para retirar as mencións honoríficas concedidas ao ditador e a Pilar Primo de Rivera, entre outros, será suficiente con que o acordo sexa adoptado por maioría, de forma que bastarán os votos dos dous socios do Goberno provincial, formado por PSdeG-PSOE e BNG, para sacar adiante a iniciativa.

O Goberno provincial iniciou os pasos para retirar as mencións honoríficas a Franco e a outras figuras representativas do seu réxime no ano 2009, coincidindo coa aprobación da Lei de Memoria Histórica, pero a necesidade de conseguir un acordo unánime e a abstención do PP impediron entón que a iniciativa prosperase.

De feito, o acordo para modificar o Regulamento de Honras e Distincións da Deputación de Lugo, de forma que non fose necesaria a unanimidade do pleno para retirarlle as mencións honoríficas a Franco, foi aprobado só cos votos dos dous socios do Goberno provincial.

Franco foi nomeado Presidente de Honra da Deputación de Lugo en 1944 e esa mención foi ratificada en 1945. Máis tarde, en 1958, a institución provincial concedeulle a Medalla de Ouro, un recoñecemento que só foi outorgado en quince ocasións desde a súa creación. Esa mesma medalla foille entregada á Sección Feminina da Falanxe, á fronte de Mocidades e a Pilar Primo de Rivera.

Nenhum comentário:

Postar um comentário