O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

terça-feira, 1 de abril de 2014

A bandeira da República loce no Parlamento

A insignia republicana colga da parede xunto a un retrato de Dolores Ibárruri.
Xoán A. Soler
O Grupo Mixto inaugura novas dependencias, presididas pola tricolor e a foto da Pasionaria
             
Non é unha bandeira republicana calquera, desas que se compran nun bazar chinés. Esta é a auténtica. A verdadeira insignia da Segunda República, a que se teceu tras o 14 de abril de 1931 para flamear no balcón do Concello de Ourense e que, tras sobrevivir ao franquismo escondida nunha caixa nas dependencias municipais, loce agora despregada nunha parede do Parlamento de Galicia, aínda que un tanto raída e descolorida a causa do lavado de auga con vinagre ao que foi sometida.
 
A oriflama tricolor acabou, e non sen vicisitudes, en mans da deputada Carmen Iglesias Sueiro, a única integrante do Grupo Mixto, que acaba de estrear as novas instalacións que lle asignaron no casarón do Hórreo. Antes incluso de instalar as mesas de traballo e os computadores para os dous colaboradores que contratou a parlamentaria, Carmen Iglesias xa tiña decidido onde colgar a histórica bandeira republicana: no centro, presidindo a estancia, xunto a un retrato de Dolores Ibárruri, a Pasionaria.
 
Claro que á presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, garante dos símbolos constitucionais e estatutarios, tanta reminiscencia puido causarlle algunha incomodidade e non tardou en enviar a un funcionario ao Grupo Mixto para facerlle entrega de dous mastros cos pavillóns que, por lei, teñen que lucir en todas as súas dependencias.
 
Carmen Iglesias explicou que a bandeira republicana que hai 15 anos chegou a mans do seu compañeiro, o xornalista Javier Huete, só pretende ser unha homenaxe a Manuel Suárez Castro, canteiro de profesión, militante da UGT e do PSOE, e que foi o último alcalde republicano da cidade de Ourense antes de ser fusilado en xullo de 1937. «Esta bandeira é un tesouro, unha homenaxe a todos os que pagaron coa súa vida a defensa de ideas como a liberdade e a igualdade». E avisa: «Teño pensado estendela nunha sesión o 14 de abril, iso é o meu».

Nenhum comentário:

Postar um comentário