Torrents, xunto ao espazo que deixou a placa que rompeu. Foto manuel |
Clifford Torrents recorrera no xulgado alegando «indefensión» por descoñecer o castelán
Laura López - Lugo / La Voz 07 de abril de 2014
Levoulle meses, pero finalmente o logrou. A Audiencia provincial de Lugo remitiu en inglés a Clifford Torrents a sentenza que ratifica a súa condena ao pagamento de 434 euros de multa por romper unha placa franquista en Negueira de Muñiz. Este escocés que reside en Ouviaño desde hai máis de catro anos presentara un recurso ante a Audiencia alegando «indefensión» porque non coñece o idioma español.
Foi a principios de decembro -uns días despois de ser emitido o fallo da Audiencia- cando Torrents presentou o recurso apelando á Convención Europea dos Dereitos Humanos. Explicaba o seu avogado designado de oficio que «o Tribunal debe ordenar a tradución da resolución xudicial ditada así como doutras que puidesen ditarse, xa que o meu cliente non pode comprendelas (este letrado tampouco pode facerllas comprender dado que non domina o idioma inglés)». Finalmente, o xulgado deulle a razón.
O escocés de Negueira estaba esperando precisamente esta tradución para levar o seu caso ante o Tribunal Constitucional, onde pedirá a súa absolución. Se non o consegue, apelará a Estrasburgo.
A historia remóntase a xullo do 2011, cando Cliff, segundo consta na sentenza, achegouse á fonte pública de Ouviaño e rompeu unha placa conmemorativa na que rezaba: «Reinando Francisco Franco e sendo alcalde D. José M. López, inaugurouse esta o día 24-5-53». Cliff di que esnaquizou a placa despois de ter falado diso co alcalde, o socialista José Manuel Braña, aínda que este nega estar de acordo con esta retirada. De feito, denunciouno e comezou así este proceso xudicial que continúa aberto.
Son numerosos os puntos da sentenza cos que Cliff está en desacordo. Un deles é que se estima o valor da placa que rompeu en 384,28 euros. Para o escocés, ao ser un obxecto ilegal segundo a Lei de Memoria Histórica, non pode ter valor. É máis, considera que lle aforrou diñeiro á Administración pública por quitar el mesmo un obxecto que había que retirar. Ademais, insiste en que o alcalde se comprometeu a sacar a placa e pór logo outra diferente.
Nenhum comentário:
Postar um comentário