Pueblo Gallego anuncia a proclamación da República Galega |
O 27 de xuño de 1931 unha Folga Xeral Revolucionaria remataba coa declaración da República Galega. Esta é a historia do que aconteceu antes e despois daquel simbólico acontecemento. Vídeo no interior.
Galicia Confidencial - Lois Pérez Leira | Vigo | 27/06/20
Tras a dimisión do xeneral Miguel Primo de Rivera en xaneiro de 1930, Alfonso XIII tentou devolver o réxime monárquico ao rego constitucional e parlamentar malia a debilidade dos partidos dinásticos. Para iso, o goberno da Coroa convocou unha rolda de eleccións que debían inxectar lexitimidade democrática nas institucións monárquicas e rexenerar o réxime. Foi nomeado xefe nominal de goberno Juan Bautista Aznar.
As eleccións municipais do 12 de abril de 1931 foron determinantes para a proclamación da Segunda República: A pesar de que os monárquicos acadaran un resultado destacado en votos, as máis importantes cidades do Estado quedaban en mans dos republicanos.
En Galiza a proclamación da República foi recibida con gran entusiasmo e manifestacións populares. Vigo é unha das primeira cidades de todo o Estado onde ondea a bandeira republicana e se anuncia desde os balcóns do Concello a nova da declaración da República.
Mentres tanto, en Barcelona, Francesc Maciá 14 de abril de 1931 declara la República Catalana:
“CATALÁNS: Interpretando o sentimento e os anhelos do pobo que nos acaba de dar o seu sufraxio, proclamo a República Catalá como estado integrado na federación ibérica De acordo co presidente da república federal española, Niceto Alcalá Zamora, co cal ratificamos os acordos do pacto de San Sebastián, fágome cargo provisionalmente das funcións do Goberno de Cataluña, esperando que os pobos español e catalán expresasen cal é nestes momentos a súa vontade...”.
Días despois da declaración da Segunda República conmemórase o 1º de maio en todas as cidades galegas. Celebración que dá en multitudinarias demostracións de apoio ao novo réxime constitucional.
Despois da caída da monarquía borbónica e da instauración dun goberno provisorio, convócanse as eleccións para elixir as Cortes Constituíntes para o 28 de xuño.
A Emigración
Coa declaración da República, os galeguistas de Bos Aires cren que chegou o momento de pular no propio Estado español, para que o futuro goberno recolla as aspiracións nacionais de Galiza. Esta análise dos sectores máis avanzados da colectividade galega do Río da Prata, impulsan o envío dunha delegación para que participe no proceso electoral constituínte.
O 7 de maio de 1931 a xunta Executiva da Federación de Sociedades galegas acorda a delegación que ha ir a Galiza: Alonso Ríos, Ramón Suárez Picallo, Blanco Amor, Francisco Regueira e Pedro Campos Couceiro. Por Uruguai os galeguistas republicanos envían o poeta Xulio Sigüenza.
Blanco Amor, por falta de recursos económicos, non pode viaxar cos seus compañeiros mais súmase tempo despois en calidade de enviado de prensa.
Asemblea Republicana da Coruña
O 2 de maio nunha declaración pública asinada por Lugrís Freire, Arturo Carracido, Peña Novo, Antón Vilar Ponte e Alfredo Somoza convócase a Asemblea Preparatoria do Estatuto Político de Galiza na cidade da Coruña.
As forzas republicanas galegas esperan a chegada da delegación da emigración para fixar a data e empezar as deliberacións da asemblea.
Suárez Picallo chega a Galiza o 4 de xuño, xusto para participar na Asemblea, que se ha realizar na Coruña. Alonso Ríos, entrementres, aproveita a súa escala en Barcelona para entrevistarse con Maciá, e, de volta para Galiza, fai escala en Madrid, onde ten un forte enfrontamento con Casares Quiroga, a quen lle fai chegar as opinións da emigración con fincapé nos dereitos nacionais de Galiza.
Do 4 ao 5 de xuño de 1931 convócase na Coruña a Primeira Asemblea Republicana Pro-Estatuto. Nela participaron representantes de ORGA, agraristas e galeguistas de toda Galiza. A presidencia desta asemblea recaeu en Alonso Ríos, acabado de chegar de Bos Aires canda Suárez Picallo, Julio Sigüenza e Campos Couceiro.
Daniel Alfonso Castelao cóntanos algúns aspectos daquela histórica asemblea:
“Eu coñecín a Alonso Ríos na magna asemblea autonomista, convocada pola Federación Republicana Galega para discutir as bases do noso Estatuto...Pois ben; nas xuntanzas previas todos os concorrentes adiviñamos en Alonso Rios a vontade que debía encarrilar as discusións, e así foi como el ocupou a sitial da Presidencia – que naquel intre era a Presidencia de Galiza- na asemblea en que todas as forzas republicanas do noso país ían exercer democraticamente un dereito de iniciática...”
O venres 5, co Teatro Rosalía ateigado polo público, aprobouse o que se deu en chamar a “Carta de Galiza”.
Após calorosos debates foise debatendo punto por punto o borrador presentado á asemblea. O texto sinala no seu artigo 1º que Galiza é un Estado Autonómico nunha República Federal.
Durante a asemblea os dous delegados da emigración habían xogar un papel moi activo. Alonso Ríos saíu elixido presidente da mesma e Suárez Picallo foi proposto como candidato a deputado.
Picallo saíu triunfante da Coruña. Alonso Ríos, pola contra, pagou caro o atrevemento de atacar ao cacique republicano coruñés Casares Quiroga. Aquel enfrontamento en Madrid, había rematar por excluír das listaxes electorais a este líder da emigración.
A suspensión das obras do ferrocarril
Galiza, pola súa situación xeográfica, mantivérase case desconectada da meseta castelá. A súa xeografía montañosa, a falta de camiños e unha escasa rede ferroviaria facían imperiosa a continuación das obras programadas para o Tren Zamora–Ourense-Coruña. Para Galiza era moi importante chegar cos seus produtos a outras zonas do Estado español, especialmente a Madrid e desde alí ás outras cidades da península. Tamén o tren podía vertebrar algunhas zonas de Galiza.
Cando o Ministro socialista Indalecio Prieto resolveu paralizar as obras asignando ao seu “feudo” electoral da cidade de Bilbao uns 12 millóns de pesetas para o seu porto, o pobo de Ourense ergueuse en ira contra esta decisión. Os obreiros apoderáronse da cidade, cortaron en tiras a bandeira republicana e izaron a bandeira branca e azul de Galiza e a vermella dos comunistas. Proclamaron o Estado Libre de Galiza. Ao mesmo tempo prodúcense mobilizacións noutros puntos do país até culminar en Compostela cunha Folga Xeral Revolucionaria que declara a
República Galega o 27 de xuño de 1931.
Os días que conmoveron Galiza
Desde a declaración da segunda República, Galiza vive un espertar de sentimentos transformadores e patrióticos. Por unha banda os traballadores cren que cada vez esta máis preto o momento de construír unha sociedade socialista. Os labregos soñan con ser propietarios da terra e os intelectuais progresistas impulsan un interesante debate sobre a necesidade de contar cun estado propio.
Desde o mesmo 14 de abril “El Pueblo Gallego” de Vigo, de Portela Valladares, potencia o debate sobre os dereitos nacionais de Galiza. No entanto, o resto da prensa, con “La Voz de Galiza”, na área coruñesa, e o “Faro de Vigo”, na zona sur de Pontevedra, seguen a ser a voz de Madrid e do centralismo.
Coa convocatoria da Asemblea Republicana da Coruña instálase o debate sobre que tipo de autogoberno lles cumpría ter aos galegos e que proposta deberían levar os futuros parlamentarios ás Cortes Constituíntes, onde se había debater a nova constitución republicana.
O destacado pensador Eloi Luis André -hoxe totalmente esquecido- escribiu distintos artigos moi interesantes en “El Pueblo Gallego” sobre a Constitución do Estado Galego, coa defensa do termo Nación para o noso país.
O 12 de xuño escribía Ramón Suárez Picallo en “El Pueblo Gallego”:
“Pola redención e pola dignidade da patria. Xente de Galiza en pé e armas ao ombreiro. Contra o cunerismo veña de onde viñer! Contra o caciquismo con disfrace republicano! Por unha Galiza de e para os galegos! Todas as armas son boas e cada xesto heroico ha ter unha páxina áurea no historial da Patria redimida e ceibe.”
Coa suspensión das obras do ferrocarril por parte de Indalecio Prieto, as forzas patrióticas galegas toman esta decisión, como unha ofensa a toda Galiza. A reacción non se fixo esperar. Non só os traballadores afectados se mobilizaron, tamén os dirixentes políticos e as distintas administracións. No transcurso deste proceso reivindicativo, a bandeira galega, que até ese momento era un símbolo dalgúns sectores intelectuais galeguistas ou da emigración, pasouse a converter no símbolo da dignidade de Galiza e da loita pola continuidade das obras do ferrocarril.
Foi a primeira vez que a bandeira galega pasou a ser aceptada polos traballadores xunto á vermella do socialismo.
Tanto en Ourense, coma en Santiago e no resto das vilas onde se realizaron mobilizacións, era moi común ver bandeiras galegas a carón das vermellas do comunismo. Nalgunhas concentracións como en Ourense queimáronse bandeiras republicanas españolas en repudio á actitude do goberno.
Mentres se realizaban mobilizacións de todo tipo, a campaña electoral para as constituíntes continuaba coa súa propia dinámica, o conflito do ferrocarril colocábaa en case un segundo plano. Nun dos avisos electorais da candidatura galeguista da provincia de Pontevedra dicía o texto:
“Galiza esta farta de promesas incumpridas. O caso do Ferrocarril Zamora-Ourense, tan vital para o Porto de Vigo esta sangrando nestes momentos...
O xeito máis viril e cidadán é expresar a nosa protesta contra tan repetidos atentados aos intereses vigueses e galegos, consiste en votar mañá a Candidatura galeguista Alfonso Rodríguez Castelao - Valentín Paz Andrade- Ramón Cabanillas Enríquez....”
Nalgunhas asembleas e municipios os dirixentes ameazaban con chamar á abstención e a renunciar aos seus cargos electos.
Namentres, en Compostela uns 30 mozos intelectuais firmaban un manifesto baixo a sigla “Esquerda Galeguista” que chamaba á abstención electoral. Entre os asinantes estaban Luís Seoane e Arturo Cuadrado entre outros.
Fórmase unha comisión de negociación
Na reunión republicana realizada na Coruña o 3 e 4 de xuño presentouse unha tese designada na asemblea do Estatuto Galego para o estudo do ferrocarril Coruña–Zamora, a partir de aí conformouse unha comisión negociadora coas autoridades competentes en Madrid. A maioría dos integrantes desta comisión eran representantes de concellos e deputacións. Entre os máis activos defensores da continuidade do ferrocarril existían dous sectores, os máis moderados estaban pola proposta de que continuar coas obras do ferrocarril a través de que as distintas administracións avalaron un empréstito bancario que fixese fronte ao capital necesario para recomezar o traballo. Mentres os sectores de esquerda querían levar a mobilización até as ultimas consecuencias, a declaración do Estado galego.
Manifestación de labregos da comarca da Ulla
O mércores 17 de xuño trasladáronse da comarca da Ulla arredor de 700 labregos para manifestarse en Compostela reivindicando a continuación das obras do ferrocarril Coruña-Zamora que estaba previsto que pasase pola súa zona. No prego de reivindicacións que lle presentaron ao alcalde interino, Sr. Trillo, sinalan entre outras cosas que a suspensión das obras afectara a 12.000 persoas. Exixen tamén que “en caso de non seren atendidas as nosas peticións, reclamámoslles ás autoridades e aos elementos representativos do pobo galego que presenten a dimisión dos seus cargos, por non ter sabido defender os intereses rexionais ou non ter autoridade dabondo para nos facer atender polos poderes públicos e, neste caso, convócase a todas as entidades rexionais e ao pobo en xeral a unha asemblea magna para decidirmos a actitude a adoptar”.
24 ao 26 de xuño: declaración da República Galega en Ourense
En Ourense desde había varios días que se vivía un clima de moita tensión e indignación. As novas chegadas de Madrid sobre a suspensión das obras do ferrocarril mobilizaran o conxunto da poboación que vía afectados os seus dereitos. O sábado 14 de xuño ás 8 da noite convocouse un acto republicano-galeguista no xardín do Posío. O motivo non era outro que falar do ferrocarril e das consecuencias da suspensión das obras. Durante o mitin falaron Eleuterio Salgado, Basilio Álvarez e Otero Pedrayo. Ao finalizaren os oradores formouse unha manifestación de protesta que marchou cara ao Goberno Civil.
O 24 pola noite, cando o reloxo estaba por dar as doce, as distintas forzas sociais e políticas reuníanse coas autoridades para tratar a negativa do goberno central de conceder máis créditos para continuar as obras do Ferrocarril Zamora-Ourense-Coruña. Ao coñecerse a negativa gobernamental co público que esperaba ansioso as deliberacións, formouse unha manifestación de máis de mil persoas que se botou á rúa e rachou en vivas á República Galega. Con esta actitude dirixíronse ao Goberno Civil onde pediron a dimisión do Gobernador López Bouza, que, segundo parece, lles ofreceu resignar o mando. despois marcharon para o concello onde os manifestantes se apoderaron do salón de plenos. Era aproximadamente a unha e media da madrugada. Varios dos líderes saíron ao balcón e izaron a bandeira galega xunto á republicana española, un daqueles mozos revolucionarios dirixiuse ao numeroso público que estaba concentrado nos arredores do Concello anunciando a proclamación da República Galega.
Despois os manifestantes camiñaron polas rúas dando vivas á República Galega. A seguir marcharon para a Central de Teléfonos onde realizaron varias chamadas para dar conta da proclamación da República Galega. Moitos manifestantes marcharon a varias fábricas e fixeron soar as sirenas, o que alarmou a toda a poboación, co que moitísimas persoas saíron ás rúas con ansia de informarse do acontecido. Segundo o cronista do xornal ABC que cubría os acontecementos, ás tres da mañá comunicaba por teletipos que a esa hora a efervescencia continuaba. Todo o día 25 Ourense estivo semiparalizado polos acontecementos. As rúas eran un fervedoiro de obreiros e veciños a falar e discutiren en voz alta. Na casa do pobo deliberábase e coordinábanse os actos e as mobilizacións obreiras e labregas. Todas as enerxías daquel día estaban centradas en garantir unha ampla concorrencia de delegacións de toda Galiza para debateren e esperar a decisión do goberno.
A Coruña día 25
Ás 19 horas realizouse unha asemblea no concello para tratar o problema da suspensión do ferrocarril. Despois de distintas intervencións acordouse, en caso de que non se solucionase o conflito, seguir os exemplos doutras cidades e dimitiren dos seus cargos. Tamén se resolveu conformar unha comisión composta por un representante do concello, outro da deputación e de distintas entidades empresariais, co obxectivo de participar na asemblea que se realizase en Ourense o próximo día.
Preparasé a represión
Ante as distintas manifestación en varias cidades galegas e das convocatorias á folga xeral revolucionaria, o Ministro da Gobernación durante o goberno Provisional, Miguel Maura dá as ordes pertinentes ás súas guarnicións militares radicadas en Galiza para que estean en alerta ante a posibilidade de conatos revolucionarios. Ao xeneral García Zabarte que comandaba o rexemento de Murcia Nº 42 apostado en Vigo comunícaselle que cumpría mobilizar de xeito urxente as súas tropas até a estación de Vigo para ser trasladas a Ourense, onde se atopaba o foco máis revolucionario. O xeneral mencionado estaba asistido polo Coronel Lozano. As tropas chegan a Vigo o dia 26 e trasládanse varios centenares de soldados, oficiais e suboficiais. Outras tropas que se trasladaron para reprimir posibles conatos independentistas foron o Batallón de Montaña de Lleida e mais o rexemento de infantería número 29. A idea era reforzar a nova guarnición militar de Ourense.
Ourense día 26
O día 26 fora convocada en Ourense a asemblea xeral de toda Galiza. Á 11 da mañá unha multitude estaba reunida no concello. Dada a magnitude dos presentes, por iniciativa da Casa do Pobo, pensouse en trasladarse ao Teatro Losada. Axiña se ateigaron todas as butacas e ficaron fóra máis de 6.000 persoas. O vicepresidente do Comité Pro-ferrocarril, Señor Álvarez Xeiteira, fixo uso da palabra para explicar o obxecto do acto e propor que presidise aquela asemblea o señor Alonso Ríos, Presidente da Comisión Permanente pro-estatuto do Estado Galego. Alonso Ríos comeza o seu discurso sinalando:
“En Galiza todos somos menores de idade. Galiza debe comezar a camiñar. A camiñar cara ao rexurdimento e a prosperidade da nosa Terra. Creo que non ten máis que comezar a dar pasos, e a que a multitude lle indique a dirección.
Creo que con boa vontade se ha facer todo. E esa vontade non falta. E esa vontade ten de encamiñarse preferentemente a sentar a afirmación de que os intereses de Galiza non deben estar ao mandato de Madrid.”
Despois han ser varios os oradores que han facer os seus acendidos discursos até que ás 13 do mediodía se acorda suspender a asemblea e convocar ás 3 un acto na alameda para que todo o pobo poida participar. Xusto ás 4 da tarde puido comezar o acto. Desde o palco da música o presidente do Centro Obreiro, o señor Fernández, deu lectura ás conclusións.
A representación da vila do Carballiño percorreu as rúas con máis de 2.000 persoas baixo a palabra de orde de “ferrocarril ou arredismo”.
A asemblea iniciouse finalmente cun chisco de atraso na Alameda. Empregouse o palco da música como tribuna do acto que presidiron Alonso Ríos e Alexandre Mon.
Distintos oradores pronunciaron discursos acendidos. O alcalde da Seabra (Sanabria) dixo que de non se resolver favorablemente o asunto do ferrocarril, ante o abandono das autoridades zamoranas, ía pedir que os considerasen como pertencentes a Galiza.
Coa mesma, acordouse irse manifestar até o goberno civil e agardar a solución até as 8 da noite para facer un acordo definitivo. Namentres, suspendéronse todas as obras e o comercio pechou as portas.
As bases acordadas na asemblea foron as seguintes:
Primeira: Oporse por todos os medios á celebración da data electoral se o goberno non confirma, antes das oito da noite, a continuación das obras do ferrocarril e ádemas declarar a folga xeral en toda Galicia.
Segunda. Dimisión de todos os cargos representativos en todos os concellos e deputacións, así como de todos os galegos que representen cargos no goberno central e se houber algún esquirol, que figure o seu nome nun cadro que se ha titular “ Listaxe de Traidores á causa de Galiza” e cuxos cadros se han distribuír nos centros de recreo, empresas de Galiza, España e o resto do estranxeiro, escolas, centros docentes, sociedades operarias, escaparates dos comercios...
Terceira: Baixa en todos os tributos do Estado.
Cuarta: En todas as visitas que a Galiza puideren facer, con carácter oficial, os ministros da República Española habemos facer ostensible a nosa protesta., pecharemos todos os establecementos e paralizaremos por completo a vida ordinaria, para lles indicarmos que para seren recibidos como corresponde cómpre que entren a Galiza no ferrocarril Zamora–A Coruña.Primeira. Oporse por todos os medios á celebración da data electoral se o goberno non confirma, antes das oito da noite, a continuación das obras do ferrocarril e ademais declarar a folga xeral.
Aprobada as bases foron levadas até o Gobernador Civil López Bouza, que se comprometeu a envialas a Madrid. Despois o gobernador saíu ao balcón para lle falar ao pobo. Desde o edificio gobernamental sinalou:
“Veño realizando xestións para poder dar a Ourense e a Galicoa algunha nova concreta, respecto ao problema que tanto lle afecta”. A seguir engadiu: “O Ministro de Mariña, o señor Casares Quiroga atópase disposto a pór a carteira a disposición do Goberno, no caso de que as aspiracións de Galicia no sexan satisfeitas. Na miña condición de gobernador e de galego estou interesado na resolución deste asunto. Se for preciso non había ter inconveniente en presentar a dimisión”.
Ás 8 horas, milleiros de persoas concentráronse fronte ao goberno civil. O Gobernador transmitiu as ultimas noticias que recibira do Ministerio da Gobernación co rexeitamento do pobo con fortes protestas e berros. Izouse a bandeira galega encanto a xente cantaba o himno galego e daba vivas á Galiza Ceibe.
A rúa Progreso atopábase completamente ateigada de xente. A ultima hora as representacións de toda Galiza, Zamora e a Seabra acordan declarar a folga xeral.
Durante aqueles sucesos o incipiente Partido Comunista emerxía na escena política galega xogando un papel moi destacado na mobilización dos obreiros que traballaban no ferrocarril.
Naqueles tempos o partido estaba liderado en Ourense por Benigno Álvarez e Antonio Fernández Carnicero entre outros.
27 de xuño decoración da República Galega en Compostela
En Compostela o conflito do ferrocarril sensibilizara os traballadores e os sectores republicanos da cidade. O día 27 realízase un mitin popular, a folga revolucionaria, paralízanse todas as actividades. Ás catro da tarde convocouse un mitin na Praza da Quintana que é prohibido polo gobernador. Ás cinco da tarde o alcalde recibe un telegrama do ministerio da Gobernación onde o informan de que o conflito está solucionado. O alcalde informa os centros operarios que se reúnen para deliberar e acordan non dar creto á comunicación do ministerio e continuar coa folga revolucionaria. A folga era secundada polos obreiros e polos propios comerciantes que pecharon os seus negocios. Os choferes das liñas interurbanas sumáronse á folga e deixaron a cidade sen transportes.
A as 18.00 horas realízase un mitin na praza do Hospital (Alameda) de enérxica protesta contra os poderes centrais e os caciques apostados no goberno español.
Durante o multitudinario acto falaron obreiros e estudantes que con discursos ardentes criticaron o goberno español pola súa actitude traidora cos dereitos de Galiza.
Carnero Valenzuela comeza o seu discurso afirmando que o goberno tomara unha medida ditatorial contra Galiza. Engadiu que o propio Alcalde de Compostela o ameazara coa cadea se falaba en público sobre o tema por considéralo perigoso; que por riba de todo, Galiza amosaba ben ás claras que estaba en pé, en aberta revolución para acadar a súa liberdade, a súa autonomía e a República Federal Española, senón a República Galega. “¡A proclamala por riba de todos os caciquismos, de todos os gobernos civís, de todas as arbitrariedades dun poder central!”. A seguir fai uso da palabra Eduardo Puente, destacado anarquista que impulsara varios conatos revolucionarios en Chile e Arxentina. Ao comezar o seu discurso é ovacionado polos asistentes. Puente rexeita os aplausos e afirma:
“Tiñan todos os cidadáns galegos que concentrar no corazón e no cerebro esa forza espontánea que lles fai bater as mans. Que esas mans sexan utilizadas para aforcar os traidores.” Rematou pedindo: “Unha Galiza soviética se fai falla”.
Despois ha intervir Pedro Campos Couceiro, acabado de chegar da Arxentina: “Cómpre acadarmos revolucionariamente, impetuosamente a Autonomía como Cataluña e Portugal, porque o Estado central nos atou sempre, sempre nos asoballou baixo todos os sistemas e formas de goberno e agora en cuestión de dignidade é urxencia suprema aproveitar esa alma galega que vibra desesperada para facer a revolución, a verdadeira revolución, que pide saúde publica.” Remata baixo unha forte ovación.
A continuación fala Alonso Ríos que presidira a Asemblea Republicana había uns días na Coruña. Informa de que había dous días estivera en Ourense tentando resolver o conflito do ferrocarril:
“ Agora falo en Santiago para dicir unhas poucas verdades que teñen de aquilatar a vosa desconfianza cara ao poder central e acendervos o espírito revolucionario. Cómpre facermos a revolución na rúa e por todos os medios porque esgotaron xa todas as vías de solución humillantes. Nos gobernos civís acubíllase o máis denigrante caciquismo. As candidaturas formadas até agora están inzadas de caciques. A verdadeira vontade galega, democraticamente revolucionaria, aínda non deixou oír a súa voz, e eu xúrovos cidadáns que unha vez que fagamos a nosa revolución por riba de todos os poderes centrais que houber, que proclamemos a nosa independencia e nos apertemos, se cómpre, agarimosamente con Portugal, a nosa irmá. Para todos estes galegos que se souberon erguer encol dos vosos votos de enerxía e que levaron a Madrid todo seu espírito burgués. Para todos os galegos traidores, maldición cidadá, maldición e desprezo eterno. Eu xúrovos solemnemente que se chego ao parlamento hei pedir con todas as miñas forzas a confección dunha constitución desexable, a consolidación dunha constitución anti-unitaria, que se non o fago hei permitir e heivos exixir que á miña volta me esnaquicedes. Só Galiza nos interesa. Os servidores máis leais que ela poida ter e máis que calquera. Galiza, é pola súa superioridade intelectual e pola súa vibración permanente un corazón forxado en decepcións e desenganos incomparables a ningunha outra rexión.
Atendamos, xa que logo, o seu chamado, non sexamos fillos desleigados. Cidadáns, imos facer a revolución, se for preciso coas armas na man. A alma de Santiago, corazón de Galiza” acaba Alonso Ríos “vibrou nestes momentos ao unísono dos altos pensamentos dos nobres ideais. Galiza ceibe completamente ceibe e reivindicada … “
Os manifestantes marcharon coa comitiva revolucionaria até o concello esixindo a renuncia do alcalde e dos concelleiros que a presentaron sen grande resistencia. O presidente do Centro Republicano proclama a República Galega e asome o poder a xunta revolucionaria da que Campos Couceiro era integrante e un dos seus ideólogos. A xunta Revolucionaria require a presenza de Alonso Ríos para que asuma a presidencia do Estado Libre Galego. Alonso Ríos despois dun intercambio de ideas e a pesar da presión popular, cre que é apresurada a decisión, á espera de que outras cidades se sumen ao levantamento popular. Namentres propón que se forme unha comisión delegada que negocie coas anteriores autoridades depostas para que reasuman o goberno municipal.
Unhas hora despois chegaba este telegrama no que o goberno cedía ante os reclamos populares:
“Ministros da Gobernación e da Mariña ao gobernador Civil. Temos o gusto de anunciarlles que se acaba de aprobar a fórmula de arranxo que permite continuar obras en todos os treitos do ferrocarril co mesmo ritmo que até o de agora. Prégolle que faga pública esta nova e advírtese que a partir deste momento o goberno considera como perturbadores e facciosos cantos teimaren en manter a axitación xa inxustificada. Adopte V.E. as medidas necesarias para reprimir con enerxía todo intento de perturbación nas eleccións ou na orde pública.”
Unhas horas despois iniciábase a xornada electoral, Galiza respiraba triunfante. A República Galega fora efémera malia se converter nun fito histórico da nosa loita pola dignidade nacional e a autodeterminación de Galiza.
Moitos dos dirixentes desta histórica loita pola República Galega terminarían no ano 36 nos cárceres ou nas cunetas das estradas de Galiza. Ese foi o caso de Eduardo Puente, Modesto Pasín, Juan Jesús González, Camilo Díaz Baliño e outros miles de loitadores políticos.
Mentres tantos outros como Alonso Ríos, Afonso Castelao, Ramón Suárez Picallo, Luís Soto, Gómez Gayoso, Arturo Cuadrado e decenas de miles de homes e mulleres terán que exiliarse, escapándose do xenocidio galego.
No ano 2000, o autor do artigo, Lois Pérez Leira comezou a escribir un traballo de investigación sobre a República Galega. Unha parte dela foi utilizada no suplemento dominical do Faro de Vigo do domingo 19 de novembro do 2001, onde o xornalista Salvador Rodríguez relata os acontecementos de República Galega. Posteriormente esta investigación serviu de base do documental de Lois Pérez Leira “A República Galega: unha historia non oficial”. Vigo, 2010.
27/6/2014
Documental realizado por Lois Pérez Leira, estreado co gallo do 79º aniversario da proclamación da I República Galega, o 27 de xuño de 1931.
Nenhum comentário:
Postar um comentário