UPG
Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro de 1950 en Imo, na parroquia de San Xoán de Laiño, no Concello de Dodro, nunha familia labrega que como tantas na nosa Patria, tivo que trasladarse á cidade na busca de mellores condicións de vida.
En Vigo e mentres o pai traballaba embarcado, Moncho estudaba o bacharelato e atendía o bar que a súa familia puxera cos seus aforros, cun breve período de traballo na construción cando tiña 15 anos. Pouco a pouco vai sentindo no seu propio corpo a opresión nacional de Galiza: o baixo nivel de vida do agro, a superexplotación, o conflito lingüístico… tomando conciencia do asoballamento colonial do noso povo.
Posteriormente matricúlase na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, onde se titula con moi boa cualificación. Xosé Ramón, que contaba con grandes simpatías no ambiente estudantil pola súa seriedade profesional e o seu compañeirismo, desempeña un papel moi activo nas reivindicacións do estudantado naqueles anos e na defensa da cultura e dos intereses do povo galego. Daquela é un dos fundadores da revista “Des…tornillo” que desempeñou un grande papel de concienciación; formando parte do grupo cultural “O Castro” que aborda –dentro das dificultades daquel tempo- o problema nacional galego; e no ano 1969 ingresa como militante na UPG.
Rematada a carreira, a Escola dálle unha bolsa para facer un traballo de especialización en “Asteleiros Barreras” –xeito de explotar aos recén titulados-, alí convive coas masas obreiras e ten ocasión de coñecer a explotación capitalista, situación que aproveita para estudar a fondo os mecanismos utilizados pola patronal (xefes, confidentes..), así como o xeito de combatelos. Neste tempo, 1972, ten lugar a Folga de Setembro e Moncho xoga nela un grande papel revolucionario, tanto de combate como de organizador.
Perdida a beca por esta causa e entregado de cheo á loita pola liberación da Galiza, traballa en “Alvarez” de Vigo, tendo que deixalo por razóns de saúde xa que ao estar operado de pleuresía o ambiente da fabrica éralle moi prexudicial. Trasladase entón a Ferrol onde traballa en “Astano” e posteriormente á Coruña entrando como obreiro no cadro de persoal de “Intelsa”.
Moncho procede por este tempo, por encargo da UPG a organizar a Fronte Cultural Galega. É en grande maneira o responsábel do que a Fronte Cultural foi naquel entón e do importantísimo papel que desempeñou no panorama cultural de Galiza. Por primeira vez existiu unha coordinadora efectiva entre a maioría das Asociacións Culturais de Galiza e o voceiro da Fronte Cultural.
Polas mesmas datas, anos 73 e 74 é un dos organizadores dos grupos sindicais –as reunións de traballadores- que orixinarían no ano 75 o Sindicato Obreiro Galego (SOG) logo integrado na Intersindical Nacional Galega e antecesor máis lonxano da actual Confederación Intersindical galega (CIG). E a alma do grupo da Coruña que arredor do voceiro “Xerme” desempeña naquel entón un papel fundamental no camiño cara un sindicalismo especificamente galego. O “Xerme”, dunha extraordinaria calidade, crea un novo estilo dentro da prensa obreira en Galiza.
Tamén é Moncho, membro do Comité Central e do Comité Executivo da UPG, un dos artífices do que a UPG comeza a ser desde o 1972: unha organización proletaria que tendo como guía da súa acción o marxismo-lininismo, é o motor do movemento nacionalista galego. A espléndida realidade actual do nacionalismo é froito do traballo heroico destes anos. A súa morte tronza moi cedo a traxectoria militante deste dirixente pero o Partido, na súa realidade comunista e patriótica actual, é moi consciente até que punto é debedor do traballo, do pensamento e da vida de Moncho.
Participou, dentro da liña política acordada pola UPG, nun grupo dedicado a dotar de infraestrutura loxística ao Partido, con accións propias da clandestinidade e fronte a un estado fascista. Atopándose en Ferrol, onde se estaba organizando a UPG, a Brigada Político Social (BPS) estabelece na noite do 11 de agosto do 75 un control na zona de Canido. Ás 2 da mañá numerosos efectivos da BPS, acompañados de máis de 300 axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba con 2 militantes máis que grazas á intervención de Reboiras –o único que estaba armado- lograron fuxir.
Reboiras logra zafarse da policía durante máis de dúas horas, logrando finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra (onde se lle fai todos os anos unha homenaxe), disparándoo sen opción a outras saídas. A partir dese momento desatase un amplo operativo en toda Galiza coa detención de varios militantes nacionalistas e o exilio a Portugal (xa trunfara a Revolución dos Cravos en Abril do 74) dun nutrido grupo de membros da UPG.
Nenhum comentário:
Postar um comentário