Voz de Galicia -
11 de septiembre de 2015
Sen dúbida que este intenso e extenso traballo de
Joel R. Gômez é a fonte máis completa de información con que contamos
sobre unha das figuras máis sobresaíntes da cultura galega do século XX.
Un traballo que pon en claro moitas tenzas escurecidas, que non
escuras, da personalidade de Ernesto Guerra da Cal, dende o seu nome
mesmo -moitos pensaron que se trataba dun pseudónimo- ata a súa
intervención na redacción dos Seis poemas galegos, de Federico
García Lorca, ou a inmensa actividade que desenvolveu nos Estados
Unidos, Brasil e Portugal a prol do coñecemento da cultura galega.
Hai neste libro riqueza expositiva da biografía e a
obra, tanto no que toca á investigación como ao erudito estudoso da
lingua e do estilo de Eça de Queiroz -o seu libro sobre esta materia é
coñecido e valorado en todas as universidades do mundo-, con exposición
pormenorizada da súas múltiples actividades académicas en centros da
lusofonía en tres continentes.
Sen esquecer moitos outros traballos e actividades como a súa monumental Bibliografía Queirociana, en cinco tomos (nin Cervantes nin Shakespeare contan cun estudo equivalente), o manual Literatura del siglo XX, que asina con Margarita Ucelay, a súa primeira esposa, a colaboración radiofónica coa Voice of America,
así como a súa posición na polémica da ortografía para o galego
moderno. E sen esquecer tampouco a importante obra de creación poética
dos seus anos de xubilado. A simple enumeración destas e outras
actividades excede dos lindes desta nota.
Celebro de maneira afervoada este fundado e rigoroso
traballo de Joel R. Gômez, por canto axuda a esclarecer unha figura
impar do noso exilio, porque lle fai xustiza -que non sempre se lle ten
feito na súa Galicia matricial- e porque, ademais, nos restitúe a un EGC
en todo o seu magnífico esplendor, rescatándoo dun certo esquecemento
que os fillos deste país non souberon evitar.
Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal. Biografía. Joel R. Gômez. Através Editora. 400 páginas. 20 euros
Nenhum comentário:
Postar um comentário