Histagra - Lourenzo Fernández Prieto 28/9/15
Por fin, no programa de Javier del Pino
na Cadena SER do sábado 26 de mañá, fálase dos fusilamentos de
27-IX-1975. Un magnífico programa que empezou co Ministro de
Información, León Herrera Esteban, lendo no “parte de Radio Nacional” as
condeas a morte despois da tétrica musiquiña aquela; tamén entrevistou a
Magda Oranich (avogada de Txiqui) e presentou unha gravación de Marc (o
outro avogado) que conta como o fusilaron, tiro a tiro, e como lograron
facerlle a foto. Tamén participou Carlos Fonseca, autor de
Mañana cuando me maten, o
maís recente libro sobre o asunto.
A grande incógnita é porque os escolleron a eles 5 entre os 11
condeados a morte ao mesmo tempo e porque o réxime quería fusilalos, e
quen do réxime. Non chega con facer historia das vítimas para entender o
pasado. Podemos renovar a premisa logo de escoitar o programa. En
agosto de 1975 aprobouse unha lei antiterrorista que foi aplicada
retroactivamente nos catro xuízos militares que se seguían –entre moitos
outros-: 2 en Madrid contra membros do FRAP, dun escollen a Baena e do
outro a Sánchez Bravo e García Sanz; un en Burgos, onde escollen a
Otaegui, e outro en Barcelona onde escollen a Txiqui. Escollen porque
non só había máis xuízos en curso senón moitísimas persoas en múltiples
causas abertas por atentados.
Non só aplicaron a nova lei (dunha ditadura: un estado de
non-dereito) retroactivamente senón que todas as confesións foron
obtidas –como era norma- con torturas. Nese mesmo mes de agosto e, coa
mesma lóxica, en Ferrol mataron a X.R. Reboiras de 3 tiros polas costas.
Os procesos aceleráronse sen garantía ningunha, sen aceitar as probas
da defensa, incorporando novas testemuñas, contravindo as lóxicas
procesais que mal que ben viñan sendo seguidas na Ditadura. No mes de
setembro fixéronse os xuízos, impuxéronse as sentenzas, foron ao
Consello de Ministros xuntas e confirmáronse 5. Ao día seguinte
fusiláronos. Os avogados tiveron para preparar o último recurso entre as
12 da noite (cando recibiron as notificacións) e ás 4 da mañá.
Vai
sendo hora de facerse preguntas que nunca se fixeron para poder pensar
outras explicacións que nunca se deron. O réxime non respondeu á
crecente conflitividade –como se adoita a afirmar con causalidade simple
–
senón que a viña provocando dende o peche de todo ensaio de apertura en
1969. Nese fío de man dura contra unha xeración contestataria que xa
non tiña medo nin lembranza das atrocidades que coñeceran seus pais, en
1974 xa agarrotaran a Puig Antich e a Heinze. A reacción do réxime,
dende o asasinato de Carrero en decembro de 1973, era unha resposta
desconcertada que remitía en todo á súa orixe: a facer o que hai que
facer, o que houbo que facer en 1936. Os que o viviron lembran a
esperanza xornalística da apertura e do espírito do 12 de febreiro. Os
feitos son máis teimudos que as sensacións e as esperanzas. Por iso,
todo lembra a 1936, non só na aparencia e na sensación de desoncerto
senón, fundamentalmente, nas formas, nos procedementos e nos procesos
militares. Só muda o número de fusilados.
A
foto fíxoa nun descoido Marc, o avogado e parella de Magda Oranich, e
publicouse ao día seguinte en todos os xornais do mundo e a onda de
antifranquismo medrou e medrou ate o infinito… Determinou o futuro
inmediato e o fracaso político do “bunker” que aínda deu moita guerra
ate hoxe. A estratexia do franquismo sen Franco presentouse imposible
despois disto e das súas consecuencias. O PSOE e o PCE que non
permitiran aos seus avogados participar nas defensas dos encausados
nestes procesos, tiveron axiña interlocutores dentro do réxime para
encauzar unha saída que excluíse as armas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário