Os nervios levárona a ser a primeira muller en chegar a Praza de Maio
aquel día no que ía nacer o movemento das nais que reclamaba verdade e
xustiza pola desaparición d@s fill@s pola ditadura arxentina. Pepa Noia,
de orixe galega, íniciaba entón case corenta anos de busca e loita que
só rematan agora, coa súa morte en Bos Aires.
Nacera en 1921 e o seu verdadeiro nome era Josefina Garcia, mais, para sempre foi coñecida como Pepa Noia. O seu outro nacemento acontecería en outubro de 1976, cando desaparece a súa filla María Lourdes canda o seu compañeiro. Desde
entón, Pepa Noia iniciaría a súa segunda vida, na busca incesante da
súa filla e da verdade e a xustiza a través das Nais da Praza de Maio. A
primeira que chegou á ronda que botaría a andar aquel movemento de
mulleres en Arxentina, Pepa Noia, era filla da emigración, e tanto a súa
nai como o seu pai eran orixinarios de Ourense.
Noia era o apelido do seu home, Juan Carlos Noia, co
que tivo catro fillos. A terceira era María Lourdes, psicóloga e
profesora que tiña en 1976 un fillo de ano e medio ao que Pepa
contribuía a criar. Desde o primeiro día da súa ausencia, Pepa Noia
comezou unha busca que non remataría nunca., primeiro en solitario, logo
sumando forzas e emocións con outras nais, saíndo a rúa e reclamando
xustiza para toda aquela mocidade que a ditadura dera en desaparecer.
O 30 de abril de 1977 Pepa Noia foi a primeira en chegar á Praza de Maio para iniciar as rondas que se prolongarían durante tanto tempo. “Cheguei
moi cedo, dúas horas antes da hora que acordamos. Non podía durmir en
toda a noite. Fun á praza, non había un alma. Eran as pombas e eu. Un
anaco despois chegaron as outras mamás. Había unha moza que non
quixo dar o nome. (…) comezamos a dar as voltas porque non podiamos
ficar quietas, os policías facíanos camiñar”, explicou nunha das
múltiples entrevistas nas que relatou a orixe dun movemento que levou ás
mulleres á rúa, do ámbito familiar ao político.
Membro do movemento, despois da escisión na Liña Fundadora, até o fin do seus días, infelizmente Pepa Noia pouco puido averiguar do destino final de María Lourdes.
Confesaba que por momentos, soñaba ser a “feiticeira” do coñecido
programa televisivo que movía o nariz e os desexos se cumprían. No seu
caso, impúñase un sobre todos, recuperar a súa filla, mais, malia a
loita, nunca se había de cumprir.
Nos últimos anos, Pepa Noia recibiu moitos recoñecementos, entre eles, foi nomeada Cidadana Ilustre da Cidade de Bos Aires
e arredor dela o investigador Enrique Arrosagaray escribiu o libro .
Josefina Pepa de Noia. Una Madre de primera hora, publicado en 2011.
“Ese sábado 30 de abril de 1977 chegou á praza dúas horas antes, de
ansiosa. Deu voltas, agardou, mirou, deu máis voltas. Cando eran as
catro e media atopouse con outras trece a un costado da Pirámide, preto
da rúa Ribadavia. Non soubo ese día que en torno de Azucena Villaflor
facían nacer unha das organizacións humanitarias máis valiosas na
historia mundial”, escribiu Arrosagaray daquela nai de primeira hora, a
primeira en chegar e a derradeira en marchar dunha loita que se implicou
durante case corenta anos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário