Montse Fajardo coa Memoria de Marín no Pozo da Revolta 20/9/15 |
Tras unha conversa mantida hai meses con José Antonio Pazos,
interesante e polifacético mestre do colexio do Sequelo, gostaría
realizar unha pequena procura nos datos que teño dos portugueses en
Marín.
Ao longo do século XX chegaron ao noso concello perto dun centenar de emigrantes procedentes da outra beira do Miño que se asentaron e deixaron tras de si as súas pegadas, sendo numerosos os actuais marinenses descendentes deles. Os
primeiros en chegar procedían do norte de Portugal, unha parte
importante oriúndos da parroquia de Perre, en Viana do Castelo, e
estaban relacionados co oficio de cantaría. Máis tarde, e en
menor cantidade, viñeron da zona de Leiría e estaban especializados no
oficio asociado ao sector manufactureiro da madeira. Xa nos anos 60,
procedentes da zona de Chaves, fixaron aquí a súa residencia portugueses
de etnia xitana.
Os apelidos de moitos deles foron deturpados e desnaturalizados e
noutros recoñécense ben a súa procedencia: Epifanio, Capa, Abreu,
Malaquías, Barbosa, León, Guerra, dos Anjos, Acevedo, de Sá, Leal...
Deixando unha importante pegada na historia e na vida social de Marín. Os
primeiros chegaron a comezos do século XX para traballar na construción
do peirao de Marín, e trouxeron consigo os seus ideais de conciencia de
clase. Tanto eles como os seus fillos participaron de forma
activa no tecido sindical de preguerra, Augusto Alfonso González "Xico" e
Teófilo Freitas Alves chegaron a presidir a Federación Obreira de Marín
(UXT), Domingo Martínez Rufo a Sociedade de Canteiros, Domingo
Gonçalves Borlido a Sociedade Agraria de Mogor, Silverio Lameiro Leal
foi detido por motivos sindicais en 1932 ou Antonio Pérez Moreira "O
Lonco" foi soterrado coa bandeira da República Española antes do
estoupido da guerra civil.
Tras o comezo desta, moitos deles e a xeración nacida en Marín, foron perseguidos e/ou represaliados:
Manuel de Paula Castiñeira Maneiro "Marcelino Liberato", Enrique Pérez
Gómez "Xan do Río", Francisco da Silva Rosales "Tecelán", José Álvarez
Silva, José Martínez Alfonso, Ángel Martínez Moreira "O Varrendeiro",
Manuel Blanco Rodríguez "Blancote", Francisco Fresco Alfonso, Alvino
Alves dos Santos, Francisco Araújo Calvo... e doutros casados con
mulleres de orixe portuguesa como Laureano Muradas Domínguez "Chiripas",
José Abalo Fernández, Manuel Gil García "O Maraghato" (este fusilado
nos montes de Gipuzkoa o 20 de xullo de 1936 ao defender o estado
democrático da República Española)...
Augusto Gonçalves Afonso "Xico" e o marinense António Afonso Martins
"Cajariche" ou "Caghabicha" (os apelidos na súa forma portuguesa) foron fusilados o 14 de setembro de 1937 e foron así polo compromiso na defensa dos dereitos da clase traballadora.
Os portugueses e portuguesas de Marín, así como os seus fillos/as,
contribuíron firmemente ao benestar social do noso concello e de Galiza.
O vindeiro 20 de setembro a Asociación pola Recuperación da
Memoria Histórica de Marín lembrará no Pozo da Revolta a algúns deles de
forma explícita, mais tamén lembremos de forma implícita á
colonia portuguesa, incluídas as esquecidas mulleres que xogaron un rol
importante, mas non vistoso, pola dignidade colectiva e de loita pola
xustiza social.
Nenhum comentário:
Postar um comentário