O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 27 de fevereiro de 2011

Flores para os seis da “batida de loita nacional contra o marxismo”


Restos mortais de represaliados na Rúa foron entregados onte aos seus familiares

Xornal- MARCOS SUEIRO 27/02/2011
Os restos mortais de Germán Fernández Prada, Jóse Díaz González, Manuel Feas Álvarez, Manuel Fernández Delgado e Ovidio Rodríguez López xa descansan nun dos camposantos do concello ourensá da Rúa de Valdeorras. Sobre a mesa dos debates municipais estaban onte colocadas as furnas coas cinzas dos represaliados e unha copia do asento practicado no rexistro civil tras o seu pasamento, onde se podía ler: “Batida acordada por la autoridad competente con motivo de la lucha nacional contra el marxismo”.

Foi un día emotivo e especial, tal e como explicou unha das fillas dos fusilados o 9 de setembro de 1936, Hermitas Díaz Sánchez, quen aos 76 anos puido despedir ao seu pai, José Díaz González, e “colocalo nun sitio para poder tan sequera levarlle unhas flores”. A mesma emoción confesaron as familiares de Ovidio Rodríguez e Avelino Rodríguez.

Unha sobriña neta de Ovidio, mestra en Cambre, manifestou a Xornal: “Levo moitos anos explicando Ciencias Sociais e non entendo por que nos libros de texto non aparecen datos sobre a represión e, pola contra, os do bando nacional cando sufrían algún dano eran nomeados cabaleiros mutilados, paréceme profundamente inxusto”. “Dá a sensación de que porque non se conta, non existen”, conclúe a mestra. A súa curmá, xa maior, tampouco entende “porque tivo que pasar tanto tempo ata lle poder dar sepultura”. As reflexións e os saúdos dos familiares das vítimas da violencia fascista anticiparon o que foi unha sentida homenaxe na sala máis nobre do concello.

Alí recibiron un recoñecemento cívico e institucional no salón de plenos do Concello, onde estaban esperando o alcalde da Rúa, Luís Fernández Gudiña, o segundo tenente alcalde, Xaquín Pérez, familiares, veciños e veciñas e algúns membros da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, encabezados polo seu presidente, Santiago Macías.

Tras ver un vídeo resumo do traballo da Asociación, falou o alcalde, Luís Fernández Gudiña, que reúne a condición de ser o primeiro socialista que chega a Alcaldía da vila valdeorresa, e que aproveitou a súa intervención para cualificar o acto de “xusto e necesario ao servir de homenaxe aos que traballaron pola democracia e pola xustiza social de todos e de todas”. Logo Santiago Macías deu as grazas aos presentes, as autoridades e as familias dos asasinados pola súa colaboración.

ESCONDIDOS NUN PALLEIRO

Mentres falaban os saloucos non deixaban de escoitarse e ao remate do acto, Hermitas Díaz, tirou da memoria e contou a Xornal quen era seu pai: “Era socialista coma min, que o serei toda a vida, e traballaba como alguacil no concello, tivo que escapar cando foi da Guerra e foi dar a Cerexido en Quiroga (Lugo), xunto ao resto de compañeiros. Estaban escondidos nun palleiro, alí deu con eles a garda civil, falanxistas e veciños, pegáronlle un tiro, botáronlle gasolina e prendéronlle lume”. No grupo había un home e o seu sobriño adolescente. Segundo os datos da Asociación da Memoria Histórica, unha cuadrilla de falaxistas os atopou agochados no palleiro e lle prenderon lume. Uns morreron queimados e outros tiroteados cando trataban de escapar. Ademais, todos os cranios levaban sinais de ter recibido un tiro de graza.

Hermitas, mentres agarda a dos restos mortais do seu pai ao cemiterio da Rúa Vella, aínda engadiu: “Despois aínda viñan facer cantar a miña nai para dicirlle que berrara Arriba España, miña nai dicía Viva España, pero de arriba nada, o ca tirou ca levante”.

O momento máis emotivo da cerimonia chegou cando se depositaron as cinzas na terra e se cubriron coa mesma mentres soaba o himno galego, interpretado polo grupo de gaitas Abertal. Logo unha das familiares pediu permiso para acabar de estender unha capa de grava na sepultura coa axuda dun rodo mentres a emoción embargaba ao resto dos presentes. Para sempre quedan os seus nomes inscritos nunha lápida de granito na que tamén se recorda o seu combate a prol da xustiza, da democracia e da liberdade.

Nenhum comentário:

Postar um comentário