Trazos característicos da intervención destes réximes no mundo rural
Estimados/as amigos/as,
O Grupo de Investigación Histagra e o Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC, organizan o SEMINAR "FASCISM AND AGRICULTURE", que terá lugar o sábado 5 de febreiro no Centro de Estudios Avanzados (CEA) en Santiago de Compostela.
Acompañamos nota de prensa e cartaz co programa das sesións.
Agardando que esta información sexa de interese, recibide un cordial saúdo.
NOTA DE PRENSA
Seminar “Fascism and agriculture”
5 febreiro 2011
Centro de Estudios Avanzados (CEA)
O próximo día 5 de febreiro reuniranse en Santiago no Centro de Estudos Avanzados da USC convocados polo Departamento de Historia Contemporánea e de América e o grupo de investigación HISTAGRA, especialistas de diversos países europeos para debater sobre un aspecto da experiencia histórica dos réximes fascistas e fascistizados de Entreguerras que ten recibido comparativamente pouca atención da comunidade investigadora. Trátase en concreto do impacto do fascismo no mundo rural, que se tomará como argumento para poñer a proba as máis recentes visións e debates sobre o fenómeno. ¿Ata que punto foi o fascismo un movemento modernizador, aínda que se tratase dunha modernización baseada nos seus propios presupostos ideolóxicos? ¿Canto tiña de ruptura e de continuidade cos réximes precedentes e, o que é máis inquedante, cos que o sucederon? Cando xurdiron contradicións entre a ideoloxía e as necesidades prácticas, ¿cara onde se inclinaron os réximes de extremadereita europeos?
Nas sesións de debate do Seminar “Fascism and agriculture”, especialistas nos casos español, portugués, italiano, alemán, austríaco, eslovaco ou francés, entre outros, tentarán definir os trazos característicos da intervención destes réximes no mundo rural. Discutirase daquela ata que punto se pode identificar un “mínimo fascista” común a todos eles, que incluiría compoñentes como o discurso ruralista, a tendencia corporativista, a busca da autosuficiencia alimentaria ou o intervencionismo estatal dos mercados e relacións de traballo. Varias destas pezas formaban parte tamén do achegamento ó mundo agrario e rural doutro tipo de doutrinas e experiencias históricas, como o social-catolicismo, a Fronte Popular francesa, o New Deal rooseveltiano nos EEUU ou as políticas de emerxencia dos países contendentes durante a Primeira Guerra Mundial. A peculiaridade última da síntese fascista radicou obviamente na posta destes elementos ó servizo do seu proxecto totalitario e expansionista.
Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2011
Nenhum comentário:
Postar um comentário