Os usuarios poderán consultar enterramentos, lugares de morte e de represión de 1936 a 1939
DANIEL PRIETO 31/1/2011 Xornal de Galicia
O prestixioso proxecto de investigación Nomes e Voces, no que participan as tres universidades galegas, con sede na Facultade de Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC), publicará en internet, no prazo de seis meses, diversos mapas nos que se reflectirán as fosas comúns de represaliados rexistradas en Galicia. Así, a USC fará o traballo que declinou facer a Xunta do PP, que foi convidada hai un ano a asinar un convenio co Ministerio de Xustiza para facilitar datos de represaliados en Galicia cos que elaborar un mapa de fosas a nivel estatal.
De feito, os investigadores galegos xa ofreceron a súa colaboración ao Ministerio, nunha xuntanza celebrada esta semana en Madrid, e os “poucos datos que van saír de Galicia, serán os que nós lles pasamos”, segundo explica un dos integrantes do proxecto.
Esta ferramenta, demandada polos cidadáns que ignoran o paradoiro dos seus familiares desaparecidos durante a Guerra Civil e a ditadura, poderase consultar “en breve” na rede, segundo fontes do Ministerio de Xustiza. A previsión é que xa estea dispoñible o próximo mes. Cataluña, País Vasco, Andalucía, Estremadura, Castela-A Mancha, Aragón, Cantabria e Asturias si subscribiron este acordo, no que non participou ningunha comunidade gobernada polo PP, entre elas Galicia, que agora figurará no mapa estatal de fosa grazas ao traballo de Nomes e Voces.
“XEOGRAFÍA DA REPRESIÓN”
Malia que o Goberno galego decidiu non secundar esta iniciativa, contemplada na Lei de Memoria Histórica, os galegos tamén poderán acceder de xeito gratuíto na páxina web do proxecto (http://www.nomesevoces.net/) “a xeografía da represión”, en palabras do historiador Dionisio Pereira. A través de varias fichas, poderanse consultar os enterramentos, os lugares de morte e os lugares de represión.
A primeira clasificación inclúe as fosas en campo aberto e os cemiterios (as que figuran no gráfico superior); a segunda refírese aos espazos nos que tiveron lugar as represalias con resultado de morte e o terceiro apartado remite a lugares “dotados de especial significación simbólica no eido da represión franquista”, indicou Pereira. Tal e como explicou, “ás veces se misturan eses tres aspectos, xa que un enterramento pode ser un lugar de memoria, como por exemplo ocorre no cemiterio de Pereiró, en Vigo, que tamén é un lugar de memoria”.
A base de datos de Nomes e Voces, a disposición do público desde hai meses, reflectirá así en varios gráficos os lugares onde foron represaliadas 3.300 persoas dos máis de 4.200 falecidos, aínda que se trata dunha “cifra de mínimos”, indica Dionisio Pereira, xa que o estudo só cubre o período entre 1936 e1939 e “non se recontan os galegos mortos fóra de Galicia”, engade. Máis alá dese abano temporal existen máis vítimas e fosas en campo aberto relacionadas coa guerrilla, que os investigadores non puideron estudar pola redución orzamentaria aplicada pola Xunta.
Dos 3.312 asasinados con enterramento coñecido, 85 permanecen en 20 fosas en campo aberto, e o resto, 3.227, están soterrados en 438 cemiterios espallados por toda a xeografía galega, o que arroxa unha media de 8 mortos por cemiterio.
Nas fosas, a media é de catro persoas por cada unha, aínda que no estudo non se teñen en conta as fosas nas que só se ten constancia que conteñen un único falecido. Agás na fosa das inmediacións do cemiterio de Mos, onde os asasinatos e os enterramentos se produciron en distintas fases, no resto das fosas foron debidos a un só paseo. Así, os datos indican que en Galicia existen poucas fosas fóra dos cemiterios e foron empregadas unha soa vez na maioría dos casos polos represores. Noutras zonas do Estado, como en Burgos, a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica escavou tres fosas nas que apareceron 87 persoas, máis que en toda Galicia.
No referente ás fosas en campo aberto, algunhas permanecen sen exhumar, como as catro situadas en San Salvador de Budiño, no municipio pontevedrés do Porriño. Xudicializado o caso por Garzón, a Asociación Memoria Histórica do 36 de Ponteareas ten pendente as exhumacións e permanece a expensas do Xulgado de Primeira Instancia porriñés.
Con respecto aos cemiterios, hai constancia de fosas comúns con paseados nos camposantos de numerosos lugares como en Vilarraso, no municipio coruñés de Aranga. Os corpos dos 28 represaliados que alí xacen –uns 80 segundo outras fontes– están pendentes de ser desenterrados pola Comisión da Memoria Histórica da Coruña.
Ademais, en Galicia existiu unha forma particular de enterramento, o fondeamento no mar, xa que en moitos casos se tiraban os cadáveres á ría.
Nenhum comentário:
Postar um comentário