O 27 de setembro ás 20:30 horas a película documental A Volta dos 9 verá a luz logo de 8 anos de produción. Sen embargo, esta historia por demais vencellada ao pasado recente do Val Miñor, non terá a súa estrea na bisbarra. O Concello de Nigrán negou o Auditorio Municipal a tal fin. A concelleira de Cultura, Liliana Silva (PP) comunicou telefonicamente no pasado mes de xullo que o auditorio municipal estaría ocupado todas as fins de semana de setembro, sen interesarse en procurar unha solución alternativa, segundo denuncia Antonio Caeiro, director do filme.
Finalmente será Vigo quen acolla o primeiro pase da Volta dos 9 no seu auditorio municipal. Baiona, concello onde aconteceu a triste infamia, o asasinato dos nove veciños do Val Miñor en outubro de 1936, xa fora descartado pola produtora tralos innumerables atrancos interpostos pola administración do popular Vázquez Almuíña (PP) ao proxecto, onde incluso o Valedor do Pobo tivo que obrigar ao concello baionés a permitir o acceso dos documentalistas á información do arquivo municipal. As obras de rehabilitación do auditorio de Gondomar remataron por pechar a posibilidade de estrear a película nalgúns dos espazos municipais do Val Miñor.
VM.info mantivo unha conversa con Antonio Caerio, veciño de Gondomar que actualmente reside en Vilagarcía de Arousa, na que afonda nas diversas vicisitudes nas que se veu envolto o proxecto documental Volta dos 9 coas administracións locais.
VM.info - Que pasou no proceso de investigación co acceso aos arquivos en Baiona? Por que descartou este concello onde tivo lugar a execución dos 9?
Antonio Caeiro - Durante a segunda parte da procura de material para documentar o fimle decidimos pedir a colaboración do arquivo municipal de Baiona para ver o que podería haber alí desa época, especialmente das datas máis próximas aos feitos.
Enviamos dous escritos introducidos por rexistro dos que non recibimos moita resposta. Mais tarde xa nos interesamos persoalmente para ver que pasaba coa autorización para acceder, e fora denegada posto que non precisábamos cal era o motivo da nosa procura exactamente. Explicamos que buscábamos todo o que puidese haber sobre esa época (que total falábamos duns meses concretos do ano 1936), pero, aínda así, nada.
Fixemos un chamamento ao Valedor do Pobo ante a negativa ao acceso público a esta información e o Valedor deunos a razón e obrigaba ao concello a atender a nosa solicitude.
Pero daquela xa entráramos no arquivo do Concello de Nigrán, sendo alcalde Efrén Juanes e concelleiro de Cultura, Juan A. González. E alí atopamos unha documentación que nos parecía adecuada para o que estábamos a precisar e, aparte, tamén tíñamos o apoio gráfico do Arquivo Pacheco de Vigo e doutros particulares que nolo cederan durante o tempo que transcorreu desde as solicitudes para o acceso ao arquivo hasta o requerimento do Valedor. E entón decidimos prescindir de volver a Baiona.
¿Qué nos deixamos atrás algo que puidera ser importante para o traballo?, posiblemente, como o descoñecemos non sabemos como podería ser o resultado final pero este non nos ía afectar ao traballo tal como está hoxe. Pode ser que si podería aportar resultados a un traballo mais de ensaio, pero non a este documental.
VM.info - Por que o Concello de Nigrán denegou a sala do Auditorio Municipal? Contestaron por escrito á petición presentada? Quen foi o interlocutor?
Antonio Caeiro - A nosa idea era de estrear o documental nun lugar axeitado, xa que se merece que o espazo este acorde co que se está mostrando e as familias e o público en xeral poidan disfrutar das intervencións e situacións descritos nel sen ter que ser importunados por cuestións alleas ao pase do mesmo. Por iso, a pesares de que non é un espazo totalmente preparado para este tipo de accións, o salón do Concello de Nigrán adecuábase ao que queríamos, ademais de ser un lugar equidistante dos outros dous concellos do Val así como de Vigo, onde podería haber persoas interesadas en asistir.
Unha vez feita a solicitude, sen especificar data fixa da estrea, pero coa condición de que fose nun fin de semana de setembro, e logo de varios requerimentos telefónicos realizados durante o mes de xullo, xa que intuíamos de que si entrábamos en agosto ía a ser mais difícil ter unha resposta do concello debido as posibles vacacións que puideran tomar os distintos responsables da xestión, a concelleira de cultura Liliana Silva indícanos que nesas datas non se podería xa que o salón estaría ocupado con actividades. O que nunca soubemos era de que actividades son, xa que a día de hoxe non aparece nada na axenda do concello e nin tan sequera lle dixéramos para que día o precisábamos. O malo é que as respostas sempre foron a través do teléfono xa que nós precisábamos rapidez da resposta, de si si ou si non, para non entrar neste mes de vacacións e non ter marxe de reacción.
VM.info - Fíxose algunha solicitude ao Concello de Gondomar?
Antonio Caeiro - En principio descartouse Gondomar, por que nos informaron de que o único espazo minimamente adecuado, estaba en obras – o Auditorio Lois Tobío- e porque para facer as proxeccións había que preparar o lugar, cando nos buscábamos algo que xa tivera unhas mínimas aplicacións para o desenvolvemento habitual do audiovisual. E en Baiona tamén se descartou, unha, por descoñecer o espazo, e outro para evitarlle o sufrimento de ter que denegalo. Así todos estamos máis contentos.
VM.info - Cómo chega a presentarse en Vigo?
Antonio Caeiro - Xa só nos quedaba un concello implicado en toda esta historia e este era o de Vigo. Nestes momentos xa tíñamos claro o día que tiña que ser a estrea, estivera como estivese o documental, e ese día tería que ser o 27 de setembro.
Nese día de 1975, caían fusilados neste país as últimas persoas da ditadura franquista. E ese tería que ser a ponte que nos levase hasta o noso documental, onde eran asasinados os primeiros. Non os primeiros exactamente, pero si os primeiros “caídos” daquel inmundo golpe de estado que rematou coa República e a Democracia imperante nese momento e que levou a Franco a presidir unha ditadura que durou 39 anos. E Vigo formaba parte nas dúas historias, no 1936, parten de alí os nove de Baredo para o seu tráxico final e de Vigo era Humberto Baena, un dos cinco de 1975.
Pero é mais, A VOLTA DOS NOVE é o terceiro e último traballo do que lle din en chamar a TRISTELOXÍA GALEGA. Os outros dous son AILLADOS e A MEMORIA NOS TEMPOS DO VOLFRAM. Pois ben, no orde cronolóxico, este documental que vamos a presentar, sería o primeiro desa serie que remata (por pór unha data) o 15 de outubro de 1936, o mesmo día no que comeza o de AILLADOS, que é o segundo da “tristeloxía”. E ambos teñen Vigo como punto de inflexión, un como comezo dunha viaxe en camión que os levará a morte e outro como a final da viaxe que os trae de Pontevedra, camiño de San Simón. E ademais “Aillados”, en 1988, tamén foi estreado no auditorio do concello vigués.
Por iso Vigo era unha boa opción, coñecíamos o espazo, xa que acabábamos de participar no Festival Primavera do Cine co documental DESDE DENTRO DO CORAZÓN e parecíanos o lugar mais axeitado para a estrea aínda que claro, o mais difícil é para a xente do Val Miñor que ten que desprazarse. Pero as veces hai que realizar algún pequeno sacrificio e coidamos que este vale a pena.
Nenhum comentário:
Postar um comentário