BNG Oleiros 17/8/14
En 1998 o veciño de Nós Xulio Dans -mestre polifacético, coa colaboración económica doutros dous veciños de Nós -Maximiliano Bao e José Luis Sánchez Cacheiro -encargou un monolito de 1,60 metros cunha sinxela inscrición para lembrar para sempre a Xaquín Taboada Díaz, derradeiro presidente da Comarcal de Sindicatos de Nós e da Unión Campesina Republicana desta mesma parroquia, fusilado o 29 de abril de 1937. Era a veciñanza máis consciente da parroquia a encargada de restituír a memoria e a dignidade tan vil e violentamente roubadas por espazo de máis de 40 anos. A pedra, que hoxe ocupa unha das marxes da Praza da Liberdade do Vilar de Nós, ao carón da Casa do Pobo, custou 320.000 pesetas.
Nós foi nos días da República núcleo anarquista, con sindicatos agrarios, asociacións e mesmo unha cooperativa de compras. En 1932 a Unión Campesina Republicana, presidida por Taboada Díaz, adquiría os terreos para construír unha Casa do Pobo para a veciñanza, un local para poder crear un ateneo libertario ao xeito dos que a CNT promovía aquí e alá. O golpe fascista de xullo de 1936 paralizou aquel soño e aquela obra xa iniciada: a "Comisión administradora de bienes incautados de Oleiros" espoliaba as terras e o xa construído. Só en 1977 a Asociación veciñal Os Rueiros de Nós, que presidía o sobriño de Xaquín, Manuel Taboada Marzoa (teniente de alcalde de Oleiros na 1ª corporación democrática do Concello), retomaba aquel soño, cuxa memoria a represión, a morte e o medo non foran quen de borrar: en 1981 a Casa do Pobo de Nós nacía como realidade. En 1993 foi cedida ao Concello.
Non foi Taboada o único que deu a súa vida pola liberdade, polos seus ideais libertarios: Manuel Lafuente, Andrés Pinilla, José Aradas, Francisco Martínez, José Doldán, Manuel Díaz, Emilio Novás, Amador Domínguez, José Mª Díaz...padeceron tamén a represión daqueles días terríbeis.
Desde hai 18 anos a Asemblea Local do BNG de Oleiros vénse xuntando arredor do Día da Galiza Mártir na Praza da Liberdade de Nós para reivindicar o exemplo de valerosa entrega e dignidade das nosas veciñas e veciños, ademais, por suposto, de Alexandre Bóveda e doutras mulleres e homes que se converteron en mártires. Oleiros foi, despois da Coruña, o concello da comarca onde máis persoas foron "paseadas" en 1936 e nos anos seguintes ao golpe de estado. Había que borrar como fose todo rastro de consciencia colectiva e de autoorganización popular; substituílo polo terror, a submisión, o silencio. Moitos nomes precisan ser rescatados aínda dese silencio. Moitos exemplos merecen ser recordados e desagraviados: tal é o caso, por exemplo, do pintor Francisco Miguel e da súa dona Syra Alonso, veciñ@s de Santa Cruz. A casa que habitaron en Coruxo de Abaixo, aínda en pé, debera servir para recordarnos o que nunca máis debe volver acontecer.
Nenhum comentário:
Postar um comentário