Xa temos cartaz para a homenaxe que, como todos os anos, terá lugar na Praza da Liberdade de Nós, en #Oleiros, en homenaxe a Alexandre Bóveda, a Xaquín Taboada e a todas e todos os que deron a súa vida pola liberdade e por Galiza. Será o vindeiro luns, 18 de agosto, ás 20.30 horas.
A Praza da Liberdade está no Vilar, entre a Casa do Pobo e a igrexa parroquial de San Pedro de Nós, ao pé da estrada AC - 221 (Avenida de Salvador Allende). Fanse este ano 18 edicións ininterrompidas dun acto que comezou a facerse en 1996 e por iso vai ser unha ocasión especial na que moito nos gustaría que nos acompañedes: estará connosco a grande actriz e compañeira Isabel Risco, oleirense de adopción; Mini e Mero da Quenlla, que se encargarán dun repertorio musical propio no que abondan os temas relacionados coa reivindicación da memoria, da dignidade, da reparación e da xustiza; Valentín García Bóveda, neto de Alexandre Bóveda e vicepresidente da Fundación que leva o nome do dirixente galeguista asasinado en Poio o 17 de agosto de 1936; e Bieito Lobeira, secretario de Organización e membro da Executiva Nacional do BNG. Como sempre, intervirán tamén representantes dos colectivos que, cada ano, nos acompañan colaborando na homenaxe e daqueles que, ano tras ano, se van sumando: Asociación Vieiros de #Oleiros; Agrupación Cultural A.c. Alexandre Bóveda; Comisión Recuperación Memoria Histórica da Coruña; Galiza Nova A Coruña; Asociación Cultural AC Irmáns Suárez Picallo de Sada; e Asociación Cultural Abril de Lume e Ferro de Carral. Intervirán tamén un representante de Galiza Nova de Oleiros e o responsábel local do BNG de Oleiros, Andrés Hernández Mouriño. Este ano tamén colabora connosco a Asociación veciñal Os Rueiros de Nós. De feito, queremos que o acto sexa tamén un recordo ás veciñas e veciños que en 1932 iniciaron os traballos para a construción da orixinaria Casa do Pobo de Nós, a través da Unión Campesina Republicana de Nós; traballos brutalmente interrompidos pola represión fascista iniciada en xullo de 1936 e que só puideron reiniciarse en 1977. Porque as veciñas e veciños de Nós, a pesar da represión, o medo e a violencia, nunca perderon a memoria. Agardámosvos o luns vindeiro na Praza da Liberdade! |
sexta-feira, 15 de agosto de 2014
Día da Galiza Mártir en Oleiros
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Nenhum comentário:
Postar um comentário