O Alcalde socialisto de Vigo é condenado pola xusticia a derrubala de urxencia pero segue negándose

domingo, 17 de agosto de 2014

´Compañeiros máis alá da morte´

Casa do Pobo de San Pedro de Nós, na actualidade. i.r.
A Opinión A Coruña - Marta Villar- O 17.08.2014
"Estamos aquí Xaquín, a pesares de todo os pesares, para rendirche tributo de admiración e proclamar, unha vez máis, que os homes coma tí non morren nunca. E hoxe... que non hai aquela fame nin a miseria na que nós vivimos, os homes seguen encabuxados, ollándose de esguello uns aos outros, porque a pesares do tempo pasado e dos holocaustos de que fomos testigos, non foron aínda capaces de aprender a lección maxistral que ti lles deches: o respeto ás crenzas dos demais, para que cada quen poida vivir como lle pete". Era o 11 de setembro de 1998, o 25 aniversario da morte de Salvador Allende, e o mestre republicano e músico Xulio Dans recordaba con estas palabras ao veciño de San Pedro de Nós Xaquín Taboada Díaz, fusilado durante o franquismo no 37, con motivo da inauguración dun monolito que lembra a súa historia e a doutros compañeiros que tiveron o mesmo destino.
 
Hoxe, aniversario do fusilamento do dirixente galeguista Alexandre Bóveda, na parroquia de Nós tamén lembran a historia de Xaquín Taboada, a forte conciencia social e sindical do municipio oleirense e consecuentemente a grande represión que sufriu, sendo o concello da comarca con máis persoas paseadas (tense constancia de 23) sen contar A Coruña. Moi pretiño da placa que lembra a Bóveda está o monolito de máis ou menos 1,60 metros de alto que lembra para sempre a Taboada. Os dous están nun xardín, cun parque infantil e un pavillón deportivo ao lado, dentro todo dunha praza chamada Liberdade.
 
A familia de Taboada, se quere ir lembrar ao seu familiar, ten que acudir ata este monolito. Os restos de Xaquín están aínda hoxe nunha foxa común no cemiterio de San Amaro en A Coruña despois de ser "pasado por las armas" ás cinco da tarde do 29 de abril de 1937 según acta do Xulgado Militar, despois de ser acusado de rebelión militar. Tiña entón 43 anos, era xornaleiro e deixou viúva e tres fillos. O seu delito fora a súa actividade sindical: foi fundador e presidente da Unión Campesina de Nós e directivo da Federación Comarcla Campesiña da CNT.
 
A fonda altura moral e honra de algúns veciños de Nós quedou expresada na xenerosidade con que recoñeceron a figura de Taboada: tres particulares pagaron do seu peto o coste do monolito que ningunha institución quería poñer, unha sinxela pedra que homenaxea ao derradeiro presidente da Comarcal Sindical e aos seus compañeiros que compartiron destino tráxico. "Compañeiros, sempre compañeiros máis alá da morte", di a última frase esculpida no monumento.
 
"O monolito custou naqueles anos unhas 320.000 pesetas. Xulio Dans puxo 150.000 e o resto, metade eu que era vicepresidente e metade Maximiliano Bao, presidente da Asociación de Veciños de Nós Os Rueiros. A asociación non podía pagar iso, que era unha cousa nosa e eran moitos cartos. Xulio tiña moito interés en facerlle este homenaxe a Xaquín, eles andiveran polas parroquias axudando á xente a poñer marcos nas fincas para que non anduvesen a paus. Xaquín era xardiñeiro dos chalés Bailly. A familia marchou a México e querían levalo con eles pero el preferiu quedar na súa terra e liquidárono", explica José Luis Sánchez Cacheiro, veciño da zona de As Grobias e o único que aínda vive dos tres que pagaron o monumento.
 
"O de pagarlle este monumento a meu tío... foi demasiado... Hai máis xente ca él na parroquia que tamén hai que lembrar. Eu non coñecín a Xaquín, matárono no 42 e eu nacín no 37, o que sei contoumo meu pai", explica Manuel Taboada, sobriño do asasinado. O sobriño e tamén Sánchez Cacheiro recordan cómo o anarquista Xaquín foi o que organizou a defensa do convento das monxas que había no lugar en contra doutros compañeiros dun concello veciño. "As monxas foron testificar a favor del cando o prenderon, dixeron que era un excelente pai de familia, moi traballador, cómo as defendera... Pero matárono igual", lembra Manuel Taboada.
 
O sobriño recorda tamén que cando él era neno tiñan escondido a un home na cuadra, debaixo do esterco. Naqueles tempos de medo, un veciño do lado, de A Gándara, durmía moitas noites enriba dunha árbore, dun negrillo, atado cun adibal por se caía ao durmir, polo temor a que fosen collelo. Outros veciños vivían máis tranquilos. En Nós hai un dito moi repetido dende que se colocou o monolito de Xaquín: os que axudaron a matalo, agora teñen que pasar por diante do seu nome cada vez que van á misa (a igrexa está preto), e mentres deles non se lembrará ninguén, de Xaquín sí.
 
A Casa do Pobo de Nós é unha herdanza de descendentes de Xaquín Taboada e compañeiros. A sociedade de agricultores Unión Campesina Republicana comprou en 1932 un terreo de 216 metros cadrados por 500 pesetas para construir un local social, un ateneo dos que facía entón a CNT. Xa estaban levantadas as catro paredes de formigón e produciuse o alzamento militar, a Guerra Civil e trinta anos de dictadura. Tras a morte de Franco, os veciños de Nós xuntáronse en asociación e o primeiro obxetivo foi recuperar aquel edificio abandonado, obra que remataron en 1981. Manuel Taboada foi o seu primeiro presidente da asociación, cargo que tamén ocupou José Luis Cacheiro.
 
"Conseguimos comprar o solar ao Concello e empezamos a construir a Casa do Pobo. Eu no 79 presenteime ás eleccións e fun tenente de alcalde e deixei a presidencia. Os veciños axudaron con aportacións económicas e coas súas propias mans a facer o edificio, víñamos os sábados e domingos a traballar na construcción unhas vinte persoas.", relata Manuel. Outro veciño da zona, Ferreiro, foi tamén outra peza básica nesta xestión. No 93 o edificio cediuse ao Concello. Tiña entón consultorio, aulas de preescolar, biblioteca, salas de reunións...
 
Nós foi núcleo anarquista, con moitas asociacións e sindicatos gandeiros e agrarios. Había ata unha cooperativa de compras. Esta vitalidade social e a cercanía a A Coruña fixo que fora un dos concellos máis represaliados como constata Carlos Velasco en A represión franquista en Oleiros. No 33 asaltaron o cuartel da Garda Civil, que se frustrou por un chivatazo e orixinou unha ducia de procesamentos. Tamén lle prenderon lume á igrexa de Nós. E nos cincuenta ainda había disparos. "Eu era neno e estaba con meu pai nun partido de fútbol e oín os tiros, atoparan catro guerrilleiros que estaban escondidos no bar A Cuba Grande, tres escaparon, un matárono", conta Taboada.

Nenhum comentário:

Postar um comentário